Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Día Internacional da Lingua Materna. 21 de febreiro de 2013
Día Internacional da Lingua Materna. 21 de febreiro de 2013 PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 21 Febreiro 2013 10:19

O Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola Unesco no ano 1999, convídanos a contemplar a diversidade lingüística humana coma unha vantaxe que contribúe tanto á riqueza cultural coma ao desenvolvemento dos pobos.

Esta visión tan axeitada e actual contrasta coa tradicional desconfianza que, dende os tempos bíblicos e o mito de Babel, presenta os idiomas como impedimentos para o entendemento entre persoas e comunidades. Mais, paradoxalmente, as linguas non só son os instrumentos de comunicación humana por excelencia, senón tamén os alicerces sobre os que construímos as nosas identidades, tanto individuais coma colectivas.

A Rede de Dinamización Lingüística súmase, pois, con alegría, á celebración do Día da Lingua Materna, cuxa filosofía comparte enteiramente. E faino consciente de que a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística, sen a que non é posible o benestar dos pobos e o desenvolvemento equilibrado, é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego.

Respectar e usar o galego é, xa que logo, a nosa responsabilidade e o noso deber, mais é tamén a nosa oportunidade, o noso orgullo, a nosa vantaxe, a nosa sorte. Proporciónanos un xeito especial de estarmos no mundo; fainos únicos, irrepetibles e necesarios.

Por iso, a Rede de Dinamización Lingüística quere animar as familias, e os educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia, impregnada da calor e do agarimo da casa.

Na primeira infancia –da man dos nosos pais e mestres- aprehendemos a realidade que nos rodea a través do filtro do idioma e da cultura, que, unidos, compoñen a urda sobre a que tecemos a nosa personalidade, a nosa identidade, o vestido que nos permitirá estarmos presentables, e mesmo campar, ante o mundo que nos rodea. Por iso ese primeiro idioma nos acompañará sempre, será sempre parte de nós, e estarmos orgullosos del axudaranos a sentirnos seguros de nós mesmos.

Quen teña como primeira lingua o galego ben pode, de feito, gabarse del. Non hai idiomas pequenos nin insignificantes, todos son un tesouro a través do que podemos expresar os nosos pensamentos e sentimentos, pero o galego satisfará tamén as expectativas de quen  busque unha utilidade plasmada en cifras: hai aproximadamente 6000 linguas no mundo e o galego ten máis falantes ca  5864 delas e máis presenza en internet ca 5963 deses idiomas. É unha lingua vital e, en termos relativos, maioritaria.

As familias galegofalantes non deben ter medo de educaren os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós. Valorar e defender o propio non exclúe o respecto e o interese polo resto. O galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, coma o castelán ou o inglés.

As familias que non falen habitualmente o idioma propio de Galicia tamén poden contribuír a defender a lingua que é patrimonio de todos os galegos cunha actitude positiva cara a ela e cara á súa promoción e mais con cancións, xogos, libros... que permitan que o galego teña presenza dende os primeiros momentos no fogar.

A Rede de Dinamización Lingüística ten a vontade firme de apoiar as xeracións novas con bebés mediante a posta en marcha de programas de transmisión do galego e outras iniciativas que as fornezan de espazos de uso e de recursos para os pais e nais. Deste xeito, súmase á Xunta de Galicia, á Unesco e ao resto dos organismos que promoven ou apoian o Día Internacional da Lingua Materna, coa satisfacción e o compromiso de achegar o seu traballo a prol dun idioma de futuro e da diversidade lingüística mundial.



 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>