Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A ONGD Implicadas e o Fondo Galego promoven a participación política das mulleres na India
A ONGD Implicadas e o Fondo Galego promoven a participación política das mulleres na India PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 13 Marzo 2013 08:05

Promover a emancipación social e a participación política das mulleres é o obxectivo do proxecto que Implicadas no Desenvolvemento está a impulsar nos suburbios da cidade india de Tiruchy co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A asociación de Concellos e Deputacións cofinancia con 6.730 euros esta iniciativa que busca empoderar a 1.500 mulleres desfavorecidas e que está a ser implementada pola ONG local People’s Development Initiatives (PDI).

A través de actividades coma teatro de rúa ou sesións de sensibilización en materia de xénero, preténdese reducir as barreiras que dificultan a participación social das donas e promover un entorno equitativo onde se poñan en cuestión os estereotipos e roles sexistas. Ao tempo, prepárase ás mulleres para que creen as súas propias empresas e gañen independencia, amais de formalas para activar a súa intervención política. A primeira capacitación impartiuse a comezos deste ano cun curso sobre tecido de alfombras a partir de roupa vella.

As actuacións canalízanse a través dos grupos de aforro e microcrédito que Implicadas e PDI impulsan na zona desde hai cinco anos dentro do seu Programa para o Empoderamento das Mulleres, insistindo na necesidade de traballar contra a discriminación de xénero como primeiro paso cara o desenvolvemento. Nestes grupos de axuda mutua, as donas van xuntando os seus aforros para conceder préstamos ás integrantes, nunhas condicións que se deciden de xeito asembleario. A maiores, reciben formación e apoio nos seus problemas cotiás, co que van gañando autonomía e autoestima.

A progresiva toma de decisións desemboca nunha interacción co goberno local para solicitar melloras na comunidade. O proxecto actual failles tomar conciencia ademais da posibilidade de elixir quen as representa e mesmo de seren elixidas. A poboación feminina supón unha porcentaxe moi baixa entre os órganos de goberno na India, polo que gañar peso resulta decisivo para que diminúan as desigualdades e se teñan en conta os problemas que lle afectan, entre eles a violencia de xénero, o analfabetismo, os matrimonios concertados ou o infanticidio.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego, de doce meses de duración, deu inicio en novembro de 2012, cunha presentación pública na que participaron representantes de PDI, do goberno local e mulleres clave no movemento feministas da zona. Ademais, nos primeiros meses de andaina realizouse unha formación para o persoal de PDI sobre a emancipación e a participación política das mulleres e impartíronse sesións de sensibilización sobre igualdade de xénero para a mocidade, co propósito de preparar as representacións do teatro de rúa. Organizáronse asemade reunións do persoal de PDI con representantes dos clubs de xénero, -integrados por mozas e mozos que fan voluntariado activo nas súas comunidades, denunciando e tratando de mudar comportamentos violentos cara as mulleres- para planificar as actividades vindeiras.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>