Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O PCT Puertas de Galicia catalogou 36 lagares rupestres en Monterrei, converténdose na comarca galega que posúe a maior densidade de exemplares
O PCT Puertas de Galicia catalogou 36 lagares rupestres en Monterrei, converténdose na comarca galega que posúe a maior densidade de exemplares PDF Imprimir Correo-e
Venres, 05 Abril 2013 11:50

O Plan de Competitividade Turísticas Puertas de Galicia finalizou os traballos de catalogación dos lagares rupestres da comarca de Monterrei sumando, ata o momento, un total de 36 entre os municipios de Cualedro (seis), Monterrei (nove), Verín (seis) e Oimbra (quince).

Este traballo de catalogación, desenvolvido polos arqueólogos Alberte Reboreda (director), Eduardo Breogán Nieto e Víctor Muñiz, contou tamén coa colaboración do módulo de xardinería do Obradoiro de Emprego Agrupación de Monterrei (concellos de Monterrei, Cualedro, Laza e Oimbra), Concello de Verín e o colectivo ecocultural Rexiomontanos, ao que pertence o investigador local Eduardo Castro, que leva varios anos localizando os lagares rupestres da comarca.

Os lagares rupestres son estruturas labradas polo ser humano, polo xeral, pouco coñecidas e moi simples, relacionadas coas formas máis arcaicas de elaboración de viño. De datación imprecisa ata o momento, os estudos científicos desenvolvidos ata o momento apuntan a unha orixe medieval, cando pequenos viticultores facían o viño entre as viñas, non nas adegas como acontece probablemente desde os séculos XVII e XVIII. Están presentes en boa parte da península Ibérica (La Rioja, Castela), pero sobre todo nas rexións tépedas de precipitacións escasas -como é o caso da comarca de Monterrei ou a Rioja Alavesa-, onde as condicións para a produción do viño son óptimas.  

Os mesmos atópanse repartidos por toda a comarca de Monterrei, mais tamén foron documentados nas comarcas do Ribeiro e O Condado. Con todo, esta comarca do sur de Ourense posúe, ata o momento, o maior número de lagares rupestres de toda Galicia, a moita distancia de calquera outra comarca vitivinícola da comunidade autónoma.

Estes lagares rupestres case nunca se documentan no contorno das viñas actuais, senón que aparecen escavados en afloramentos graníticos que, en maior ou menor medida, emerxen do solo. Esta situación ten contribuído notablemente á súa conservación ata os nosos días, non obstante nos últimos séculos, e máis concretamente nas últimas décadas, unha parte dos lagares teñen sufrido importantes danos por dous motivos fundamentais:

a) O abandono e a xeralización de traballos forestais con maquinaria pesada sen control arqueolóxico.
b) Os traballos de cantaría tradicional, que utilizaron como canteiras algúns dos afloramentos graníticos nos que se labraron estes elementos.

A inmensa maioría de lagares rupestres responden ao seguinte patrón:
- Pileta: Superficie de pisado ou calcatorium de planta rectangular e ángulos redondeados, con dimensións medias de 2 x 3 metros e 0,5 e 0,10 metros de profundidade. Unha minoría dos exemplares adáptanse de forma orgánica ao soporte natural (de aí a súa planta irregular), aínda que os máis deles presentan un deseño claramente xeométrico.
- Canle e bico: Conduto de unión entre a pileta e o pío. En contadas ocasións aparecen dous; a maioría teñen unha sección de media cana e un curto desenvolvemento.
- Pío: Depósito para recoller o mosto ou lacus: preséntase sempre cerrado, con formas rectangulares ou ovais, e obrigaban a usar un recipiente móbil (probablemente un pelexo) para a recollida do líquido por inmersión antes do seu traslado ás adegas.

Tomando como factor diferenciador a localización, os lagares apareceren maioritariamente de forma unitaria, mais existen algúns conxuntos espectaculares de dous e incluso tres exemplares, como no caso dos lagares de Vilar (Monterrei).  Se atendemos á súa funcionalidade, a diferenza do que acontece cos lagares de La Rioja, cómpre distinguir dúas modalidades ben diferenciadas:
- Lagares de pisado: son unha minoría na comarca, e constitúen os exemplos máis arcaicos e primitivos de todos os exemplares documentados.
- Lagares de prensado: son os máis numerosos, contaron cunha estrutura de prensado mecánica que se encaixaba nuns encastres laterais á pileta principal.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e doce municipios (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>