Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas I Festival da Vendima
I Festival da Vendima PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 12 Outubro 2013 16:38

A Ruta do Viño de Monterrei, á que pertence o Concello de Verín, celebrará o próximo 19 de outubro o I Festival da Vendima de Monterrei, nunha xornada na que as adegas e a comarca de Monterrei reciben o visitante cun completo programa de actividades.


A partir das 10.30 horas as adegas Quinta do Buble, Gargalo e Boo Rivero abrirán as súas portas, realizando visitas guiadas polas súas instalacións, agora en plena actividade. Posteriormente, na viña experimental do Inorde, situada na suba ao castelo de Monterrei, todos poderán participar na vendima. O persoal técnico do Inorde fará un percorrido polas distintas variedades acollidas á D.O. Monterrei, procedendo ao seu obtido en “improvisadas cuadrillas”.

O froito da vide será trasladado nun carro de cabalos ao castelo, onde se escenificará a operación do pisado da uva, a través do baile e a música tradicional. Unha vintena de nenas entre os 7 e os 16 anos, todas elas da Escola Deportiva Municipal de acrosport de Verín, recrearán o pisado a través dunha coreografía de danza acrobática, ao son da música do grupo Tánghete. Será entón cando arranque o festival no interior da Fortaleza. Alí darase cita unha ampla representación da bisbarra, nunha mostra que concentra a artesanía, a cultura e o produto local.

A gastronomía e o viño serán claves na xornada, sempre centrada nos produtos propios e cunha ampla oferta que se poderá degustar nun espazo habilitado pola organización no patio do Castelo. O polbo, a "carne ao caldeiro", os produtos ecolóxicos de Biocoop, o pemento de Oimbra ou a castaña de Riós, serán algunhas das opcións gastronómicas para a xornada, na que ademais contaremos coa colaboración do cociñeiro e sumiller Nacho Costoya. Todo amenizado con numerosas actuacións, a través de diferentes manifestacións artísticas que se irán sucedendo no tempo e que incluirán a música tradicional de Tánghete, o folk de Trío Leira, así como un repaso pola discografía de Emilio Rúa. Tamén actuará a Banda de Gaitas do Concello de Verín, no que constitúe un acto solidario en apoio ao neno José Manuel Jorge González.

Os artesáns locais exporán a súa obra, mostrando aos asistentes o oficio xa que estarán a traballar na creación de novas pezas. Participarán nos postos de artesanía do I Festival da Vendima de Monterrei: o artesán de máscaras de Cigarrón, Álvaro Ferreira Diéguez, Gerardo Fernández Pousa, o Centro de Desenvolvemento Rural de Portas Abertas cun posto adicado á cestaría, o escultor Armando Martínez, así como o pintor e escultor verinense Xosé Gómez Rivada. Os dous últimos, ambos artistas de proxección internacional, doarán unha das súas obras á Rifa Solidaria a favor do neno José Manuel Jorge González, como outra das iniciativas en colaboración coa andaina promovida para o mesmo día pola BTT Verín e o Club Ciclista Verín, coa colaboración do Concello de Verín.

Celebraranse ademais obradoiros de temática vitivinícola como o de iniciación á cata, no que se poderán degustar as distintas variedades dende a uva, o seu mosto unha vez prensadas e en viño xa rematado. Tamén haberá actividades de entretemento, con obradoiros para os máis pequenos, a recreación dos xogos tradicionais, sorteos e concursos que manterán unha actividade continuada ao longo do día.

Outra das actividades previstas, neste caso promovida pola rede social Comarcas de Monterrei, será a busca de "O Tesouro do Castelo", unha xincana que porá en relevo os grandes valores que esconde o Castelo de Monterrei e que repartirá entre os participantes regalos como estanzas de fin de semana en aloxamentos de enoturismo, lotes de produtos da bisbarra e moito máis.

Completa o programa o Fórum Galaico-Transmontano. Baixo o epígrafe "A Viticultura na Cultura Luso-Galaica" intervirán como relatores José Fernando Rúa de Castro, presidente do Fórum Galaico-Transmontano, o enólogo de Chaves Amilcar Salgado, Antonio Ángel Méndez Atanes, presidente do C.R.D.O. Monterrei, o mestre Telmo Moreira e o historiador Federico Justo Méndez, delegado en Galicia do FG-T. Deste modo, asistirán ao festival unha comitiva de trinta profesionais lusos que dende primeira hora visitarán as adegas da Ruta do Viño de Monterrei e participarán nas diferentes actividades previstas para a xornada.

Trátase dunha iniciativa que nace da unión, da colaboración entre os distintos concellos, como o de Verín, asociacións e colectivos da bisbarra, posible grazas ao convenio asinado entre as cinco rutas do viño de Galicia e a Axencia Turismo de Galicia.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>