Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Unha antiga máquina de encher, a Peza do Mes de febreiro no Museo Claustro Mercedario de Verín
Unha antiga máquina de encher, a Peza do Mes de febreiro no Museo Claustro Mercedario de Verín PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 01 Febreiro 2020 12:11

Como cada mes, o Museo Claustro Mercedario de Verín escolle unha das pezas da súa colección para destacala como Peza do Mes. Coa chegada de febreiro,  un tempo no que moitos aínda están no proceso de elaboración dos embutidos das matanzas, a peza escollida foi unha antiga máquina de encher cuxo papel era fundamental nestas labores.

Esta peza, propiedade de todos os verineses, foi cedida por Raúl Lamas Rodríguez, sendo a primeira peza cedida por un particular para o enriquecemento e conservación antropolóxica da comarca. A peza está exposta na lareira tradicional do museo, nun ambiente que a contextualiza e que axuda ao visitante a retomar a morea de cheiros, sabores, sons e texturas que teñen no seu maxín todos aqueles que tiveran a sorte de participar nunha matanza tradicional do pasado século. Doutra banda, na liña que segue toda a exposición do Museo Claustro Mercedario de Verín, búscase achegar aos máis novos a unha realidade da que moitos están afastados en tempo e espazo.

O Museo Claustro Mercedario de Verín nace coa vontade de divulgar a identidade comarcal de Monterrei. Con esta premisa, cada ano consolida a súa relevancia cultural na comarca grazas ás súas exposicións e ás diferentes actividades que se promoven dende esta institución. Proba dos froitos desta labor materialízase nos preto de 7000 visitantes que o museo sumou ao longo do ano 2019.

O horario de apertura das instalacións é o seguinte: de mércores a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 e domingos de 11.00 a 14.00.

A MÁQUINA DE ENCHER

A carne curada ou embutida do porco foi o principal aporte calórico directo -chourizos, chourizas, touciño, roxóns, xamón- ou engadido -manteiga, unto- de orixe animal na dieta galega ata ben entrado o século XX.

Ata o século XIX e principios do XX en moitas aldeas galegas o proceso de embutido da zorza na tripa era moito máis laborioso que como o coñecemos. En primeiro lugar, o picado da carne realizábase a man, cruzando velozmente dous coitelos opostos nun barcal ata deixar tronzados en anacos. Posteriormente, o adobado da mestura resultante para os chourizos de carne - pementón, ourego, sal, auga ou viño - tamén se realizaba a man no mesmo barcal.

O terceiro paso, o embutido propiamente dito, realizábase utilizando un funil. A tripa metíase polo bico do funil, e o chourizo ía collendo forma. A máquina ou banco de encher foi a solución tradicional que o enxeño popular deseñou para aplicar unha presión continua e sostida que permitise a unha ou varias persoas ir xestionando o “nacemento” do chourizo. Situadas debaixo do banco, sentadas no chan, tiñan que ir atando con cordel a tripa para darlle forma aos chourizos, colgalos no “lareiro” (pau de lonxitude uniforme) e poñelos na lareira a afumar.

Os funís das máquinas estaban fabricados de folla de lata e eran mercados aos feirantes, mentres que os bancos de encher acostumaban ser obra dos carpinteiros e artesáns locais, que elaboraban por encarga os seus compoñentes: as patas e o banco propiamente dito, a panca e o émbolo.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>