Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O Museo de Verín homenaxea á súa peza máis fotografada, a prensa de trabe
O Museo de Verín homenaxea á súa peza máis fotografada, a prensa de trabe PDF Imprimir Correo-e
Martes, 18 Maio 2021 12:30

O Museo de Verín edita unha nova peza do mes para homenaxear a que é a peza máis fotografada da exposición sobre os 2000 anos de historia do viño en Monterrei, a prensa de trabe. Con esta actividade, o Museo de Verín súmase á celebración do Día Mundial dos Museos avogando por seguir divulgando a identidade comarcal de Monterrei.




Os lagares rupestres están presentes en Monterrei polo menos dende a alta idade media, e ata que as prensas de gaiola de ferro substituíron no XIX aos lagares de trabe instalados nas adegas, estes eran o xeito dominante de extraer o mosto. Desterradas polas súas sucesoras de fundición -moitas delas producidas na factoría Malingre, de Ourense- só quedan como mudas testemuñas os embigos incrustados nas paredes en innumerables aldeas, desposuídos xa da trabe.

En moitos outros casos, incluso en pobos da montaña nos que hoxe non queda nin rastro de viñas, algunhas testemuñas da presenza das cepas son os pensos, reempregados como pedras angulares das casas. Eran tempos en que o consumo de viño era de máis de 80 litros por habitante e ano, fronte aos apenas nove de hoxe en día. O aporte nutricional do viño e a carencia de auga saudable estaban tras un elevado índice de consumo de viño. É máis, a finais do século XIX, o viñedo circundaba a vila coma un mar de cepas.

 

A prensa de trabe.

Cunha lonxitude de case 5 metros da panca, presenta o “embigo” e o “rodeiro” nun extremo (a bisagra de pedra e o pasador que a unen ao muro de carga), a trabe (a gran panca de segunda orde) o “parafuso” e o “penso” ou contrapeso de grandes dimensións. Finalmente, para facer funcionar ambos, a “panca” ou accionador manual do fuso.

Esta prensa preséntanos, coma conxeladas no tempo, dúas magníficas innovacións atribuídas ao xenial matemático e inventor grego Arquímedes: a panca e o parafuso. A panca é a trabe que aprisiona o bagazo grazas á tracción cara abaixo por gravidade do “penso”, pedra de granito de varios centos de quilogramos que colga dun extremo.

Trátase pois dunha panca de segunda orde, na que o punto de apoio está ao principio (embigo), a resistencia no medio e a forza no outro extremo (penso). Aínda que a panca non foi realmente inventada por Arquímedes, si deixou  escrita a primeira descrición do seu uso coa  famosa frase “dádeme unha panca, e moverei o mundo”

O segundo elemento desta notable prensa de trabe procedente da nosa comarca que é atribuíble ao matemático grego é o parafuso que acciona a panca. O parafuso ou “fuso sen fin” foi inventado por Arquímedes por encargo de Hierón II, tirano de Siracusa, como medio de achique para o barco máis grande da idade antiga: o “Siracusia”, que podía cargar a 600 persoas e mesmo albergaba un tempo a Afrodita.

Dende hoxe, a peza do mes dedicada á prensa de trabe está dispoñible no Facebook do Museo de Verín e na páxina web do Concello de Verín. Con esta actividade, o museo procura continuar co traballo de adaptación ás novas tecnoloxías e o emprego das redes sociais para achegarse aos seus usuarios e usuarias.


Consulta aquí a Peza do Mes do Museo de Verín https://cutt.ly/5bMD33b


 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>