Máis dunha trintena de curtas dunha ducia de nacionalidades participarán na VI edición do FIC Vía XIV de Verín |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 26 Agosto 2021 12:52 |
As curtas que participan no concurso oficial (27 filmes) encádranse nas categorías habituais do certame: Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova. Xunto a isto, poderá verse fóra de competición unha selección de curtas do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco que é o festival convidado nesta edición polo FIC Vía XIV de Verín. No acto de presentación da programación do Festival de Curtas de Verín participaron o director do certame, Carlos Montero; a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernánez; o director da Agadic, Jacobo Sutil e o alcalde da vila do Támega, Gerardo Seoane. Na rolda de prensa de presentación aos medios, Jacobo Sutil sinalou que a Xunta de Galicia tenta “neste contexto tan complicado, corresponder ao esforzo que están a facer os principais festivais audiovisuais de Galicia para manter a súa celebración”. “Neste sentido -abondou- unha das medidas do plan autonómico do sector cultural foi o reforzo das subvencións a festivais profesionais de cinema”. Finalmente, engadiu que “un bo exemplo deste papel dinamizador dos festivais é o FIC Vía XIV de Verín”. Pola súa banda, dende o Concello de Verín quixeron agradecer “o gran traballo e esforzo realizado polo equipo organizador do festival”. “Somos conscientes do complicado e inestable escenario ao que se expoñen os axentes culturais á hora de organizar un evento cultural en tempos de pandemia”, engadiu. Neste sentido, asegurou que “se debe e se pode seguir axudando aos profesionais nestes momentos difíciles”. Emilia Somoza, concelleira de Cultura, indicou tamén que se aproveitará o FIC para reprogramar un dos concertos que estaban axendados para a Feira do Viño de Monterrei, que tivo que ser cancelada por mor da pandemia. En concreto, o concerto de ”Verto Temazos”. Ademais, entre as novidades deste ano destaca a proxección dunha película de Disney, Fantasía (do ano 1940), para o público familiar, que terá lugar na xornada do domingo 12 de setembro. No Festival Internacional de Curtas de Verín renderase, ademais, homenaxe a unha figura sobranceira do audiovisual ourensán como é o actor e comunicador Sergio Pazos. Tierra de leche y miel Xunto a isto, o FIC Vía XIV de Verín acollerá a preestrea en Galicia do documental Tierra de leche y miel, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora. Un traballo que gañou a sección DOC na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e cuxo equipo directivo está moi ligado ao Festival Internacional de Curtas de Verín, que co seu patrocinio fixo posible a finalización deste documental. No marco do FIC Vía XIV de Verín, ademais, impártese este ano un novidoso curso de guión audiovisual a cargo de Ángel Manzano, vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas. O FIC Vía XIV de Verín acollerá tamén unha presentación da webserie ourensá Os tempos mortos do fuhrer e a estrea do documental Capuchóns, realizado polo verinés Iñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. A musicalización de cinema mudo en directo, a cargo do Casperverk Trío e a presentación do libro Son para audiovisuais, de Rafael Godás Ibáñez, protagonizarán tamén cadansúa actividade paralela no marco da vindeira edición do FIC.
|