Verín acollerá, os días 27, 28 e 29 de maio, a primeira edición do Festival de Percusión “Vibra Verín”, organizado polo Conservatorio Profesional de Musica do Concello de Verín e o Anpa deste centro formativo. Serán tres días nos que, ademais de actuacións abertas ao público, o alumnado dos CMUS participantes reunirase para actuar, asistir a obradoiros e concertos, e coñecer a outros percusionistas de renome.
Esta mañá tivo lugar a presentación oficial do evento na que participaron Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos; Miguel Ángel Guerra, director e profesor de clarinete do CMUS; Pablo Paz, secretario e profesor de percusión do CMUS: e Carmen Sola e Javier Castrillo, tesoureira e vicepresidente da Anpa do conservatorio (respectivamente).
Diego Lourenzo quixo agradecer o «gran traballo» realizado polo Conservatorio así como o «papel activo e dinamizador» realizado pola súa Anpa en prol da música. Tamén destacou a importancia que ten o conservatorio do Concello de Verín como epicentro Cultural e Musical da vila. «Desde o grupo de goberno sempre estamos abertos a apoiar formas, como é o caso deste festival, de achegar e visibilizar a nosa cidadanía o excelente traballo que realizan o profesionais responsables deste centro de ensino musical».
«Queremos ter un CMUS de primeira calidade», explicou Carmen Sola, tesoureira da Anpa do conservatorio, «é por iso que Javier e mais eu, pese a ser novos na directiva da Anpa, traballaremos duro para dar continuidade ao extraordinario traballo realizado ata o de agora polos anteriores responsables da asociación de nais e pais do conservatorio».
«A mellor maneira de espertar entre o noso alumnado esa faísca que sentimos os músicos pola música é tocando», salientou Pablo Paz, «facendo concertos e creando puntos de encontro, como este festival, nos que posibilitamos o encontro dos alumnos e alumnas con profesores invitados, así como con diferentes estilos musicais.»
Segundo concretou Paz, o festival ten principalmente dous grandes obxectivos: por unha banda, promocionar entre a cidadanía a disciplina da percusión a través de actuacións e talleres abertos ao público xeral e, por outra, xerar un punto de encontro formativo entre estudantes e profesores de diversos lugares coa finalidade de enriquecer a súa formación.
O festival arrinca o venres 27 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Verín, cun concerto compartido, aberto ao público, no que participará o grupo de percusión e o ensemble de clarinetes do CMUS de Verín; e o grupo de percusión de Ribadavia.
A mañá do sábado 28 de maio, ás 10:00 horas, terá lugar no Auditorio Municipal de Verín un curso de percusión africana, enfocado ao alumnado, impartido por Andrés Rivero, uns dos referentes da percusión africana e brasileira en Galicia. Posteriormente, as 13:00 horas, os alumnos e alumnas participantes farán unha exhibición aberta o público na Praza Maior.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín unha Master Class de Percusión, da man de Van3uard Percusión, un importante trío de percusión procedente de Andalucía que aposta pola creatividade e pola vangarda nas súas propostas, utilizando como vehículo ou infinidade de posibilidades que a familia dá percusión ofrece. Ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal, poderemos desfrutar dun concerto aberto ao público xeral deste fenomenal grupo. Todos os concertos serán de entrada gratuíta ata completar aforo.
O domingo 29 de maio, a as11:00 horas terá lugar un obradoiro de Iniciación á batucada aberto a todo o público. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no mail:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
. Para finalizar, a praza maior acollerá, ás 13:00 horas, unha exhibición de percusión brasileira (batucada).
|