Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas "Vibra Verín” volve coa súa terceira edición: 2 días de música e percusión na vila do Támega
"Vibra Verín” volve coa súa terceira edición: 2 días de música e percusión na vila do Támega PDF Imprimir Correo-e
Venres, 31 Maio 2024 13:11

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da terceira edición do Festival de Percusión Vibra Verín, no Auditorio Municipal de Verín. Serán dous días (7 e 8 de xuño) nos que, ademais de actuacións abertas ao público, o alumnado dos CMUS participantes reunirase para actuar, asistir a obradoiros e concertos, e coñecer a outros percusionistas de renome. Devandito evento está organizado polo Conservatorio Profesional de  Música do Concello de Verín e a Anpa deste centro formativo.


A presentación contou coa presenza de Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Turismo, Festexos e Conservatorio do Concello de Verín; Álvaro Rúa, director do evento; Ría Garrido, Carmen Sola e Javier Díaz, secretaria, tesoureira e presidente da ANPA do conservatorio, respectivamente.

O festival de percusión Vibra Verín nace co obxectivo de dar resposta aos novos retos propios da sociedade actual, articulándose en torno a dúas liñas de traballo fundamentais. A primeira enfócase en desenvolver un festival de carácter pedagóxico, creando espazos onde o alumnado de percusión dos diferentes conservatorios da provincia de Ourense fose o protagonista. A segunda liña oriéntase en crear un proxecto de dinamización da percusión dirixido a todos os públicos.

Durante a presentación, Samanta Barreira quixo agradecer o gran traballo realizado polos organizadores e destacou a potencial deste evento  «para conectar coa nosa comunidade a través da música e para mostrar o talento dos nosos músicos locais e dos centros musicais que participan».

"A nosa premisa é levar a música máis aló das aulas e facer que chegue a todos os recunchos da nosa vila. Queremos que este festival sexa un espazo onde a xente poida desfrutar, aprender e participar activamente en actividades relacionadas coa música.",salientou a concelleira da área de Conservatorio.

Pola súa banda, os representantes do Conservatorio e súa ANPA expresaron a súa gratitude cara o Concello de Verín pola promoción e divulgación da música a través da organización deste importante evento cultural. Así mesmo, quixeron facer un chamado á cidadanía para unirse a esta celebración e gozar dunha experiencia única, na que a percusión será a protagonista.

A terceira edición do festival, arrinca o venres 7 de xuño, ás 17:30 horas, coa recepción de participantes no Auditorio Municipal de Verín. Ás 18:00 horas, terá lugar unha exposición e venda de accesorios de percusión, no que os participantes poderán probar e mercar estes accesorios; un obradoiro de chapas e a actividade Electronic's Sounds & Percusión, unha mostra de fusión da música electrónica e percusión. Máis tarde, ás 20:00 horas, celebrarase o Festival Intercentros no Auditorio Municipal de Verín coa participación dos seguintes centros: Conservatorio de Música do Carballiño, Escola de Música de Poio, Academia de Artes de Chaves, Xove Orquesta Ourensá (XOu), Escola de Música da Limia e Conservatorio de Música de Verín. A xornada rematará ás 21:30 horas cun Lounge & Speak na cafetería do Auditorio.

O sábado 8 de xuño, as actividades comezarán ás 12:00 horas coa actuación do grupo Poten100mos na praza García Barbón, xunto cun coloquio sobre a música e a inclusión. Esta actuación mostrará como a música pode romper barreiras e conectar coa xente a través dos seus ritmos e bailes. Ás 17:00 horas, será a quenda da Banda de gaitas Nova Era que animará as rúas coa súa música tradicional.

Entre as 16:00 e as 20:00 horas, na Alameda de Verín, realizaranse dous obradoiros. O artesán José do Obradoiro Sanín impartirá un taller de construción de pandeiretas, onde a xente da vila poderá elaborar manualmente cadanseu instrumento e coñecer en profundidade os mecanismos e técnicas do traballo da artesanía galega. Paralelamente, entre as 17:30 e as 19:00 horas, Héctor do Obradoiro Morenita realizará unha xornada formativa de construción de instrumentos de percusión de man para os máis pequenos, onde poderán facer o seu propio pandeiro con materiais reutilizados. Para finalizar o día, ás 20:00 horas, o grupo Píscore ofrecerá unha actuación músico-teatral na praza García Barbón. Esta proposta, divertida e para todos os públicos, terá á percusión como protagonista e fío condutor da representación.

O Festival de Percusión Vibra Verín 2024 é unha cita ineludible para os amantes da música e da percusión, unha oportunidade única para desfrutar de actuacións e obradoiros que poñen en valor o traballo dos nosos músicos e artesáns.

 

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>