Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
O espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica visita a Casa da Cultura de Verín PDF Imprimir Correo-e
Martes, 22 Setembro 2015 11:56

O domingo día 27, ás 18:00 horas, Os Monicreques de Kukas, grupo decano dos titiriteiros galegos, traerá o seu espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica a Casa da Cultura de Verín. O acto, patrocinado polo  Concello de Verín e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está integrado na programación verinense de Cultura no Camiño 2015.


Xan Perillán e a maleta máxica é unha comedia infantil, para público preferente entre 3-12 anos, estreada en febreiro do 2013. Creación de Marcelino de Santiago “Kukas”, que a  escenifica baixo a dirección de Isabel Rey Pousada, o espectáculo mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de monicreques. Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco...Pero, onde queda Pernambuco?, no hemisferio Norte ou no Sur?...cun pouco de maxia e a axuda dos rapaces seguro que o acertará. Para viaxar a Pernambuco, xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta, que non é unha maleta calquera...é unha maleta máxica, todo o que nela se mete, convértese nun truco de maxia.

 

No 1979, Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rei Pousada fundan en Santiago de Compostela Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia, e unha das máis estábeis do panorama teatral galego. O seu traballo céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de públicos.


Nestes 35 anos de existencia teñen producido máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos de teatro con marionetas, ruadas e teatro de actor.  Ademais de participar habitualmente nas programacións das cidades e vilas galegas, teñen actuado en feiras e festivais peninsulares e internacionais, como o Festival do Eixe Atlántico en Viana do Castelo (Portugal), as Xornadas Pedagóxicas do Teatro de Guimaraens (Portugal); a Feira Europea de Teatro para Niños de Xixón, o Festival Internacional de Marionetas de Bilbao ou o Festival Internacional de Títeres de Tolosa. En Europa e América participaron na Mostra de Teatro Ibérico do Nordés de Brasil e no Festival de Kilkis (Grecia). O Parque Temático dos Pobos de España, en Kintetsu (Xapón) encargoulles seis marionetas, cos seus mecanismos orixinais, para a súa exposición permanente e no ano 1994 son invitados polo CDG - IGAEM para montar O Mariscal, primeira produción de teatro con marionetas institucional e de gran formato realizada en Galicia. Desde o ano 2001, colaboran coa Real Filharmonía de Galicia. Con motivo do XXV Aniversario,  estrearon Galiza Máxica,  un espectáculo de gran formato baseado en lendas galegas, producido en colaboración co IGAEM e o Xacobeo 2004, co que percorreron Galicia con gran éxito.

 
?>