Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
“Momentos sen tempo” de Antonio Souto na Sala de Exposicións de Verín PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 08 Marzo 2017 11:10

Onte, ás 20:00 horas, a Sala de Exposicións de Verín acolleu a inauguración da mostra “Momentos sen tempo”, exposición escultórica do artista Antonio Souto. A exposición estará aberta do 7 ata o día 28 de marzo.

O acto inaugural acudiu Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde do Concello de Verín e o propio artista, Antonio Souto. A presentación tamén acudiron alumnos do C.P.R Apostólico Mercedario, de primeiro e segundo curso de Educación Secundaria Obligatoria e varios artistas locais.

Esta exposición  componse de pezas que teñen en común o estar realizadas a partir dunha envoltura e o seu oco, unha casca. Pel e baleiro, materia e espírito  mesturados no espazo. Sobre elas vaise depositando a vida en forma de gretas, fragmentos, movemento e tempo,  chegando, en ocasións,  a adoptar aparencia humana. As obras son un momento neste proceso. Son obxectos nados do movemento en constante dialogo co que permanece quieto.

«Antonio ten esa capacidade de ver, estruturar e definir o espazo e as formas. Desde un elemento tan primario e arquitectónico como é o tubo de ferro, coas súas mans e desde a súa cabeza contrólao, domínao, ábreo, dóbrao e prégao, mantendo e mostrando a súa esencia tubular para chegar desde esa sensibilidade que unicamente posúen uns cantos para transmitirlle a emoción ao observador da súa obra, desde como dicimos, ese anaco de ferro que finalmente enferruxa.

Nestas pezas apreciamos esa reflexión sobre este concepto tan abstracto pero á vez  tan necesario na escultura e na arquitectura como é o do espazo.»

Alberto de Paula  . Presidente do Colexio de Arquitectos de  Ourense. COAG OURENSE .

Antonio Souto

Arquitecto por formación académica, chega a escultura atraído polos misterios do espazo e  a necesidade de tocar a materia coas mans.

Entre as  súas últimas exposicións  individuais  encóntranse  as realizadas en ABANCA, Santiago de Compostela; na Galería Arcana en Vilagarcía de Arousa; no  Museo Municipal de Ourense  e no Centro cultural  Marcos Valcarcel da mesma cidade. Tamén encontramos unha das súas obras nos xardíns da  Casa Museo  Valle Inclán en Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Souto ten sido galardoado en multitude de premios, tales como: Premio Especial materiais tubulares no V concurso de Escultura metálica ESCULMETAL 08. Madrid; Premio “Manzana de Plata” na II Bienal internacional Rincón de Ademuz. Valencia; 1º premio no I  certame de escultura da Guarda; 1º premio no  VI certame de  arte Galería Burela e o 1º premio no  VI  certame Ilmo. Concello de Cangas do Morrazo.

Sala de Exposicións de Verín. Horarios: luns a venres, 17:30 h a 21:00 h; sábados, 10:00 h a 14:00 h e 17:00 h a 20:30 h.



 

 

 

 
?>