Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
O pleno do Concello de Verín adxudica a xestión do novo Centro de Día PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 14 Marzo 2019 14:18

Centro de Dia -Aprobouse tamén a modificación da Ordenanza de Circulación que contempla a prohibición do estacionamento do tráfico pesado na vila.

O pleno ordinario do Concello de Verín adxudicou hoxe a xestión do novo Centro de Día de Verín, que cunha superficie total de 380 metros, estará ubicado na parte inferior do edificio da Praza de Abastos, situada na praza Maior, e conta cos espazos esixidos legalmente para albergar a 36 usuarios. Asimesmo, o pleno aprobou a reforma da Ordenanza de Circulación que prohibe o estacionamento dos camións no casco urbán, toda vez que o Aparcadoiro de Camións na entrada da vila está a pleno rendemento.

O Concello de Verín realizou unha reforma interior integral do espacio da primeira planta da Praza de Abastos, na que o novo Centro de Día inclúe unha sala polivalente, sala de cura e de rehabilitación, ademais do resto das dependencias de servizo e de implementación do mobiliario. A súa céntrica ubicación permitirá “dar un novo uso a este edificio histórico, prestando servizo ós maiores de todas as zonas da vila. Que desta forma integraranse dentro da vida a cidade en lugar de estar en sitios apartados”, explicou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.

A posta en marcha deste centro de día é “unha das maiores demandas da poboación verinesa que permitirá que moitos maiores da vila non teñan que desprazarse para recibir este tipo de servizo e poidan estar máis preto das súas familias, mellorando así a calidade de vida de todo o entorno familiar”, dixo o tenente de alcalde.

 A empresa que resultou gañadora do proceso de adxudicación, Xerontoloxía Verín S.L, deberá realizar os traballos de prestación de asistencia sanitaria, atención xeriátrica - rehabilitadora e social, atención á saúde  psicofísica así como socialización e participación.


Prezos públicos


En canto aos prezos que a adxudicataria presentou para a explotación do centros de día, fíxanse finalmente en 420 euros para a xornada completa e 210 euros para a media xornada. Sendo o prezo da comida 103 euros, o da merenda 51 euros e o do transporte 140 euros. O canon ofrecido pola concesionaria é de 20.001 euros anuais, que deberá ser achegado ás arcas municipais en vencimentos mensuais.

 A ordenanza reguladora establecía os seguintes servizos mínimos ofertados pola concesionaria: Apoio nas actividades da vida diaria, coidado persoal aseo e hixiene, estimulación cognitiva, talleres de terapia ocupacional e animación socio-cultural, rehabilitación funcional, atención social e psicolóxica, apoio e información as familias, musicoterapia, transporte adaptado e comida de mediodia.

 O proxecto de Xerontoloxía Verín S.L, ademais de cumprir todos o requisitos estipulados no prego de contratación introduce importantes melloras na xestión, explotación funcionamento e actividades do futuro centro de día.

 En canto ao horario, amplíase a xornada completa de lúns a venres nun 50%, incrementando así 4 horas (de 8:00 a 20:00 horas); a media xornada de lúns a venres nun 50%, incrementando 3 horas adicionais sin incremento de coste; e impleméntase a apertura do Centro os sábados (de 8:00 a 14:00 horas).

No que ten que ver coa restauración, a empresa ampliará o servizo a calquera persoa maior de Verín e concello limítrofes co mesmo prezo dos ingresados (sen coste adicional para os usuarios que opten pola comida no centro) e ofrecerase o servizo de cea no domicilio do usuario (con posibilidade de levar a mesma envasada para casa).

Tamén haberá importantes melloras nos servizos de prestacións persoais, transportes lavanderías e instalación ofrecendo a maiores un servizo de teleasistencia gratuíta para os residentes no centro que así o demanden, un vehículo adaptado tamñén a disposición do persoal de Servizos Sociais municipais, servizo de lavandería ampliable a calquera veciño de Verín e contorna ao mesmo prezo que o servizo interno e persoal propio de mantemento os 365 días do ano, así como a implementación de novos servizos extraordinarios como son podoloxía, perruquería, manicura, acompañamentos a consultas médicas e xestións, depilación e fisioterapia, así como unha amplia gama de actividades lúdicas e iniciativas variadas.

Finalmente, o pleno do Concello de Verín aprobou a modificación da Ordenanza de Circulación que contempla a prohibición do estacionamento de vehículos pesados no casco urbán, toda vez que o Aparcadoiro de Camións está a pleno rendemento nas aforas da vila.



 
?>