O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, inaugurou esta mañá a vertente técnico-agroalimentaria das festividades e feiras Lázaro, Agro + Verín, no Pavillón dos Deportes da vila do Támega, marcándose como reto acadar novos elementos de formacion técnica para vila, sustanciais para dar oportunidades á mocidade. "Xa foron transformados e modernizados moitos aspectos da vila", dixo, "pero temos pendente traer a Verín ramas técnicas de formación, centradas nas novas tecnoloxías e nas vangardas dixitais", para xerar un novo espazo de futuro para todos.
O rexidor verinés, acompañado polos de Oimbra, Ana Villarino, Monterrei, José Luis Suárez, e Vilardevós, Manuel Cardoso, abriron este mediodía as actividades da feira sectorial Agro +Verín, centrada nas novas tecnoloxías e oferta tradicional do sector agrario. Amenizadas coa presencia da agrupación musical Candaria e, por primeira vez nesta festividade, dun grupo de cabezudos, deron comezo as actividades do túnel do viño da DO Monterrei, ademáis da exposición de plantas mediciñais, con visitas guiadas, charlas e vídeos de etnobotánica.
Ademáis, tamén no Pavillón dos Deportes, presentaron os seus productos preto dunha vintena de obradores e comerciantes de artesanía, procedentes de toda Galicia, Portugal , cunha ampla oferta de moda, complementos, coiro e outros productos tradicionais.
Na Praza da Mercede continuaron todo o día as actividades da Feira do Libro do Lázaro, coa presentacón de varias obras, combinada coa reapertura dos fondos permanentes do Museo do Claustro Mercedario e das actividades pedagóxicas para escolares de "Operación Monarca" e "Aves de Galicia".
Domingo
Mañá continuarán as actividades do Lázaro 2019 con estas actividades no Pavillón, na praza da Mercede e Museo do Claustro, así como coa gran concentración de BTT do Lázaro, que leva nesta edición xa máis de 450 inscritos, que partirán ás 09.30 da mañá da praza Maior para desenvolver dous trazados, de 40 e 60 km respectivamente, de gran valor paisaxístico no Val.
Pola tarde, tamén na praza Maior, ás 18:00, haberá o I Intercambio da Asociación Cultural Candaira co Rancho Folclórico os Camponeses de Arosa, de Portugal.
|