Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
A Eurocidade Chaves - Verín presentada en Bruselas como un proxecto pioneiro de Cooperación transfronteiriza de Segunda Xeración PDF Imprimir Correo-e
Luns, 13 Outubro 2008 09:13

A terceira sesión do seminario centrouse na necesidade de creación de novas estruturas administrativas que permitan promover a cooperación transfronteiriza de segunda xeración como principio inspirador da Política Rexional despois de 2013.

Aínda que xurdiron recentemente novas estruturas legais como resposta á necesidade de levar a cabo unha planificación conxunta que contribúa a eliminación das barreiras administrativas nos territorios de fronteira, os alcaldes de Verín e Chaves insistiron na necesidade de avanzar no recoñecemento das eurocidades como figuras necesarias para o desenvolvemento local dos territorios de fronteira .
Chaves – Verín: Eurocidade da Auga

Segundo manifestou Juan Jiménez, alcalde de Verín, “a cooperación nos territorios de fronteira esixe a creación de novos modelos de xestión administrativa. Despois de moitos anos centrados nunha fase de predominio das grandes infraestruturas europeas , a mellora da calidade de vida cotiá dos cidadáns debe ser a prioridade da Política Rexional Europea”. Neste contexto, as Eurocidades constitúen o instrumento máis adecuado para a construción dunha Europa de proximidade. A Eurocidade Chaves – Verín non consiste só nunha teoría ou nunha idea abstracta. É un proceso que xa está en marcha sobre o terreo e que contribuirá á superación das fronteiras para unha mellora da calidade de vida dos cidadáns de ambas localidades.

“Esta medida contribuirá para a eliminación das barreiras e descontinuidades funcionais entre os nosos municipios e á creación dun sentimento de pertenza indispensable para o éxito da Eurocidade Chaves – Verín”, afirmou no transcurso da súa presentación.

O proxecto da Eurocidade Chaves –Verín, considerado como unha das iniciativas máis innovadoras de Europa en materia de cooperación transfronteiriza de segunda xeración, foi presentado polos alcaldes das dúas localidades ante preto de 300 persoas de 18 países da Unión Europea.

Segundo afirmou João Baptista, Alcalde de Chaves , “Chaves e Verín son dúas cidades con sólidos vínculos de intercambio e cooperación entre as súas institucións e cidadáns”. A idea de crear novas estruturas administrativas de cooperación foi posible grazas a incorporación do Concello de Verín en xullo de 2007 ao Eixo Atlántico, quen presta asesoramento dende o principio ao proxecto, que coincide plenamente coas orientacións estratéxicas da asociación transfronteiriza para o período 2007 – 2013.

João Baptista, destacou igualmente durante a súa intervención a importancia da creación da Eurocidade Chaves – Verín que “pretende operacionalizar unha ligazón histórica e social existente dende hai moitos anos entre as dúas poboacións para implantar accións que se traduzan en beneficios sociais para os habitantes dos dous municipios. O feito de tratarse dunha zona de fronteira, na que as normas lexislativas e principios reguladores das dúas localidades son diferentes, fai sobresaír a importancia de unha xestión articulada dos seus servizos públicos mediante a creación dunha zona franca social”.

Finalmente o Director para a Promoción do Desenvolvemento Rexional e Cooperación da CCDR-N (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal), Nuno Almeida, falou da creación do recente Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal e os seus desafíos para o futuro . Almeida afirmou que “estruturas desta natureza constitúen un instrumento fundamental para o desenvolvemento futuro da cooperación transfronteiriza de segunda xeración”. As AECT’s contribúen a eliminación de obstáculos detectados en períodos de programación anteriores e promoven a cooperación territorial entre os seus membros co fin de reforzar a cohesión económica e social dos seus territorios membro.

De feito, a avaliación da implantación da anterior iniciativa comunitaria INTERREG amosou a necesidade dun instrumento de cooperación a nivel comunitaria que permita crear, no ámbito da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, figuras de cooperación dotadas de personalidade xurídica propia.

 
?>