Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS DE HOSTELARÍA NA VÍA PÚBLICA
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS DE HOSTELARÍA NA VÍA PÚBLICA PDF Imprimir Correo-e

TERRAZAS.htm


TÍTULO PRELIMINAR


ARTIGO 1.- FUNDAMENTO


En virtude da facultade conferida na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello de Verín aproba a presente Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas de hostelaría na vía pública. Con esta ordenanza, preténdese regular a distribución do espazo público, e adecuar a estética das instalacións ao contorno da súa situación, pretendéndose dotar de atractivo singular o espazo urbano da vila de Verín e mellorar a súa calidade, non só para o visitante, senón tamén para a poboación local.


ARTIGO 2.- OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN


1. Para os efectos desta ordenanza, enténdese por terraza, a instalación en espazos de uso público, dun conxunto de mesas coas súas correspondentes cadeiras, que poderán ir acompañadas por parasoles, toldos, xardineiras, tarimas, estufas e outros elementos de mobiliario, que desenvolven a súa actividade de forma anexa ou accesoria a un establecemento principal de bar, cafetaría, restaurante, bar-restaurante, café-bar, taberna, chocolataría, xeladaría, bares e restaurantes de hoteis e outros establecementos similares. Estas terrazas só poderán realizar a mesma actividade e expender os mesmos produtos que o establecemento do que dependen. Non se autorizará a instalación de terrazas en discotecas, pubs, cafés teatro e cafés cantantes.


2. A presente ordenanza ten por obxecto establecer o réxime xurídico aplicable á instalación e funcionamento das terrazas que ocupan a vía pública.


3. A situación do mobiliario e a instalación de toldos e outros elementos no chan ou voo das vías públicas no termo municipal de Verín, estará sometido ao cumprimento do disposto nesta ordenanza.


4. O Ilmo. Concello de Verín determinará, en desenvolvemento desta ordenanza, os espazos, nos que se prohíbe expresamente a instalación de terrazas ou se restrinxe a súa utilización sobre o previsto con carácter xeral na ordenanza.


5. Terán carácter temporal, limitado a un máximo de once meses de duración, finalizando en calquera caso o 31 de decembro do ano en curso e poderán ser renovables.


ARTIGO 3.- SOMETEMENTO A LICENZA


Estará suxeita a licenza previa municipal, a situación de calquera tipo de mobiliario, parasoles e toldos na vía pública da vila de Verín. Así mesmo, estarán suxeitos ao cumprimento desta ordenanza municipal os establecementos que xa obtiveran a autorización pertinente, no momento da entrada en vigor da presente ordenanza. Para iso, o concello requirirá aos titulares de ditas actividades, para que se axusten ás condicións que se sinalan nesta ordenanza, nos termos da súa disposición transitoria.


ARTIGO 4.- CARENCIA DE DEREITO PREEXISTENTE


En virtude do carácter de inalienabilidade e imprescritibilidade dos bens de dominio público, a mera concorrencia dos requisitos necesarios para que a ocupación poida ser autorizada, non outorga ningún dereito á obtención da licenza. O concello, considerando todas as circunstancias reais ou previsibles, terá plena liberdade para conceder ou denegar a licenza, facendo prevalecer o interese xeral sobre o particular.


TÍTULO PRIMEIRO


DISPOSICIÓNS XERAIS


ARTIGO 5.- PERÍODO DE FUNCIONAMENTO E VIXENCIA DAS LICENZAS


1. A licenza poderá ser solicitada para algún dos seguintes períodos de funcionamento:


- Estacional ou tempada: do 1 de abril ao 31 de outubro, ambos inclusive, onde se incluirá tamén a Semana Santa.


- Mensual: só durante os meses de abril a outubro, ambos inclusve.


- Anual: que abrangue o ano natural, excepto o mes de xaneiro en que será obrigatorio a desmontaxe da terraza.


2. A vixencia das licenzas que se concedan para a instalación en solo público municipal corresponderase exclusivamente co período de funcionamento autorizado.


3. En todo caso, a instalación da terraza non se poderá realizar até que non se obteña o documento individual de autorización.


4. Dado o carácter provisional da terraza e para permitir recuperar  por un certo tempo o espazo público e evitar as instalacións permanentes, así como facilitar as tarefas de conservación e hixiene, será obrigatoria a desmontaxe total da terraza durante, polo menos, un mes anualmente.


Transcorrido o período de ocupación autorizado, o titular da autorización ou o propietario do establecemento haberán de retirar da vía pública os elementos ou estruturas instaladas. Para tal efecto, os titulares das autorizacións disporán dun prazo de sete días para retirar as estruturas e os estrados. Se nos prazos mencionados, contados a partir da finalización da autorización, os elementos ou estruturas non foran retirados, procederase en base ao disposto na lexislación vixente, á retirada por execución subsidiaria, por persoal municipal ou contrado para os efectos, a custa do obrigado.


Con independencia das sancións que se poidan impoñer, de conformidade co réxime sancionador, requirirase ao presunto infractor que ocupara a vía pública sen autorización, excedéndose dela ou non axustándose ás condicións fixadas, para que no prazo que se lle indique, como máximo será de 72 horas, efectúe a retirada dos elementos ou estruturas cos que ocupara a vía pública, coa advertencia de que se transcorre o prazo que se lle sinale sen cumprir a orde cursada, procederase en base ao previsto no artigo 98 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, á retirada por execución subsidiaria, a custa do obrigado, que responderá dos danos e perdas ocasionados.


ARTIGO 6.- HORARIO DE PECHE DAS TERRAZAS


1. O alcalde establecerá anualmente o horario da instalación das terrazas. Así mesmo, poderán acordarse horarios especiais para algúns establecementos por razóns de interese público.


En caso de que a Alcaldía non estableza horario de instalación das terrazas, será:


- De domingo a xoves, máximo até a 1:30 da madrugada.


- Venres, sábados e véspera de festivos, máximo até as 2:30 da madrugada.


2. Unha vez cumprido o horario que se estableza, o titular da terraza deberá proceder nos termos do artigo 7 da presente ordenanza.


No caso de que a colocación das terrazas poida interferir no uso da carga e descarga, o concello poderá restrinxir o seu horario para axeitalo ao desta.


O concello ordenará a retirada da vía pública do mobiliario que compón as terrazas, cando existan circunstancias que así o requiran, como por exemplo a celebración de actividades culturais, civís ou sociais, ou ben por reforma da urbanización, regulamentacións de conxunto, regulación do tránsito ou, en definitiva, porque variaran as circunstancias que motivaron a concesión.


O alcalde, tras o informe da Policía Local poderá modificar as condicións de uso temporalmente por razóns de orde pública ou de circunstancias especiais de tráfico. Nestes casos, non se xerará ningún dereito dos afectados a ningunha indemnización ou compensación.


ARTIGO 7.- RETIRADA DE MOBILIARIO DA VÍA PÚBLICA


1. Ao rematar o horario de funcionamento da terraza, e nun prazo máximo de 30 minutos, o titular da instalación deberá proceder a retirar da vía pública todo o mobiliario, excepto o estrado, celosía ou valado, e xardineiras, e o toldo cando estea autorizado; debendo quedar recollido todo o mobiliario dentro do establecemento, durante o tempo que permaneza pechado ao público.


2. Os parasoles deberán ser retirados e os toldos recollidos, como máximo, ás 21 horas.


ARTIGO 8.- MOBILIARIO, MATERIAIS, CORES


1. O mobiliario, toldos e parasoles para instalar, así como a gama de cores, teñen que harmonizarse cos edificios de carácter artístico, histórico, arqueolóxico, típico ou tradicional, que se achen no seu contorno, aínda cando neste só concorra unha das citadas características.


2. Así mesmo, o mobiliario e estruturas que se instalen na vía pública deberán ser móbiles, é dicir, de fácil manexo e desmontaxe. Queda prohibido o cerramento das superficies verticais do perímetro dos toldos, así como o cubrimento ou cerramento da zona de terraza con calquera tipo de material, aínda que estean soportados por estruturas lixeiras e desmontables, debendo estar adecuadamente protexida por outros medios. Permítense as celosías ou valados especificados nesta ordenanza.


Con carácter xeral, queda terminantemente prohibido perforar o pavimento ou ancorar nel calquera elemento que compoña a terraza e poida ser causa da súa deterioración.


ARTIGO 9.- DIMENSIÓNS DAS TERRAZAS


As terrazas considéranse un complemento do establecemento de hostelaría situado nun inmoble, cuxo negocio principal se desenvolve no interior do establecemento. Neste sentido, os establecementos deberán adecuar as súas instalacións á ampliación que supón a existencia da terraza, polo que deberán cumprir as seguintes condicións xerais:


1. A partir de seis meses, limítase a capacidade máxima da terraza en función da capacidade ou da superficie do establecemento, de forma que, polo menos, se cumpra cunha das seguintes limitacións: a capacidade máxima da terraza non poderá exceder da autorizada para o establecemento. A superficie máxima da terraza non poderá exceder de unha con cinco (1,5) veces a superficie total do establecemento.


Con carácter xeral, fíxase en 12 o número máximo de mesas autorizable por terraza, para cada establecemento, o que supón unha capacidade máxima para a terraza de 48 persoas.


2. A colocación, situación e dimensións do mobiliario e dos toldos, non romperán a harmonía da paisaxe urbana tradicional ou desfigurará a súa visión. Así mesmo, non dificultará o acceso, dunha maneira cómoda e segura, dos posibles usuarios ás dependencias interiores e ás propias terrazas dos locais, que deberá ser practicable para persoas con mobilidade reducida. Tempouco dificultará o acceso a edificios de uso privado onde se encontre instalado o establecemento, nin a circulación en xeral.


ARTIGO 10.- PRESCRICIÓNS PARA A INSTALACIÓN DO MOBILIARIO. TIPOLOXÍA


Os elementos do mobiliario da terraza que se instalen, estarán suxeitos ás seguintes prescricións:


- MESAS E CADEIRAS:


a) Tipoloxías estándar de mesa e a súa disposición. Como mesa tipo considérase a cadrada de 70 cm de lado ou a circular de 75 cm de diámetro, con catro cadeiras e dispostas de forma reticular, en filas e columnas permitindo o paso entre as mesas, configurando así a "tipoloxía estándar". Esta mesa tipo ocupa unha superficie media de catro metros cadrados (mesa = 1 m2 e cadeira = 0,75 me2), e é a que se considera como mesa tipo para os efectos das autorizacións de terrazas nos casos comúns. Nos casos da mesa tipo, dispostas nunha única fila como é o caso das terrazas instaladas en calzada sobre prazas de aparcadoiro en liña, que non necesitan dispor de acceso entre elas, a mesa tipo disposta desta forma ocupa unha superficie de tres metros cadrados (mesa = 1 m2, e cadeira = 0,50 m2). A estas mesas tipo, dependendo de cada caso, refírense as autorizacións cando se indica o número de mesas autorizadas e en base a elas se calculan os pagamentos que indica a ordenanza fiscal.


Tipoloxías especiais de mesas ou da súa disposición. Cando se desexa instalar mesas diferentes ou dispoñelas en agrupacións específicas distintas da "tipoloxía estándar", de forma que as mesas ocupen unha superficie diferente á estimada para estas ( 4 m2 ou 3 m2 por mesa ), o interesado poderá solicitar a autorización dun número de mesas diferente, sempre que se respecten o resto de condicións da instalación en canto á ocupación de espazos. Para iso, o solicitante deberá detallar graficamente, con suficiente precisión, as características dos elementos da terraza. A disposición de mesas de dimensións diferentes á tipo ou a súa colocación en disposicións distintas á estándar, excedendo o espazo autorizado, darán lugar á corrección do número de mesas autorizadas, para equiparalo ao "número equivalente de mesas de tipoloxía estándar" e á superficie regulada a todos os efectos de aplicación desta ordenanza, como sancións e pagamentos segundo a ordenanza fiscal.


b) Tipoloxía velador. Esta autorización de ocupación da vía pública con veladores, concederase con carácter excepcional, só a aqueles establecementos hosteleiros que non poidan optar á concesión de terraza con tipoloxía "estándar". A este respecto, considérase como tal, a mesa alta, cadrada de 50 cm de lado ou a circular de 50 cm de diámetro, disposta nunha soa fila e adosada á fachada do establecemento. Como máximo poderanse instalar dous veladores con dous tallos cada un por establecemento. Deixando sempre libres os accesos. En ningún caso se poderá exceder coa ocupación os límites da fachada do establecemento. A ocupación realizarase en beirarrúas e/ou rúas peonís, debendo quedar un paso peonil, de como mínimo, 1,50 metros de anchura libre.


- ESTRADOS:


As terrazas situadas na calzada (zona de estacionamento) deberán colocarse sobre un estrado adosado e á mesma altura da beirarrúa e sobre a zona de aparcadoiro contiguo, sen que en ningún caso poida exceder de 2 metros de anchura, cando a zona de estacionamento estea regulada en paralelo á beirarrúa, e de 3 metros cando o estea en batería. Nestes supostos, co obxecto de que non se poña en perigo a seguridade e integridade dos usuarios, as terrazas deberán recuarse 0,30 metros da liña do bordo exterior, máis próximo á calzada, e estarán debidamente delimitadas mediante celosías, xardineiras ou outros elementos análogos que en ningún caso poderán exceder de 0,80 metros de altura, contando á súa vez con elementos capta faros nas esquinas. Nestes casos de estrados, as mesas e cadeiras deberán ter protexidos os extremos das patas con gomas para evitar a emisión de ruídos ao arrastralas sobre o estrado, tanto polos clientes coma no momento de retirar cada día as mesas e as cadeiras.


- PARASOLES:


Permítese a instalación de parasoles con pé central, que abertos, non ocuparán unha superficie maior da autorizada. A altura mínima dos toldos e parasoles que integren a terraza será de 2,20 metros e a máxima de 3,50 metros, sen que en ningún caso poida voar fóra do espazo autorizado para a instalación da terraza.


- ESTUFAS OU CALEFACTORES:


Deberán estar homologados polo organismo competente para o seu uso no exterior de locais. A ocupación ou proxección en planta non excederá de 0,60 m de diámetro ou de lado. Situaranse dentro da zona autorizada como terraza, de forma que a súa situación non supoña maior obstáculo para o tránsito peonil.


No caso das estufas de gas butano deseñadas para quentar unha superficie aproximada de 20 m2, non se autorizará máis dunha unidade por cada 6 módulos ( de 1 mesa e 4 cadeiras. A homologación destas estufas acreditará en particular a súa seguridade para ser instaladas na vía pública.


- VENTIDOLARES, CLIMATIZADORES, ELEMENTOS DE ALUMADO, ETC.:


Considerarase a súa ocupación real en planta para o cálculo da superficie total.


- CINCEIROS E/OU PAPELEIRAS:


Colocaranse dentro da superficie autorizada como terraza e contarán co deseño adecuado para garantir a súa estabilidade sen ancoraxes ao pavimento, e para evitar a dispersión de desperdicios. As súas dimensións máximas serán as estipuladas para as estufas ou quentadores. En todo caso, o titular da autorización adoptará as necesarias precaucións tendentes á limpeza dos cinceiros e as súas inmediacións. A existencia destes elementos será obrigatoria en todas as terrazas autorizadas. Considerarase a súa ocupación real en planta para o cálculo da superficie total.


- XARDINEIRAS:


Independentemente da súa forma, as dimensións máximas en planta serán: 1,30 x 0,60 m debendo presentar cara o exterior un perímetro continuo e sen salientes. A súa altura máxima (excluídas as plantacións) deberá ser de 0,70 m para poder formar parte da delimitación exterior da terraza. Neste caso, a súa forma será cadrada ou rectangular, e a colocación de xardineiras sucesivas realizarase mantendo a aliñación exterior. Considerarase a súa ocupación real en planta para o cálculo da superficie total. Non se autorizarán instalacións de rego exentas (accesibles dende o exterior) nin sobre o pavimento. O titular da autorización adoptará as medidas necesarias para garantir o adecuado ornato, limpeza do contorno e bo estado das instalacións.


- TOLDOS:


1.- a) Os toldos deberán suxeitarse mediante sistemas que garantan suficientemente a seguridade. Poderán ter o seu apoio sobre a fachada propiedade do solicitante, ou sobre fachada allea ou de propiedade común, tras a autorización por escrito da comunidade de propietarios do edificio afectado. En ningún caso impedirán a visibilidade de sinais de circulación ou calquera outro elemento de seguridade vial. Non poderán estar afirmados ao pavimento.


b) O concello poderá fixar para as estruturas dos toldos cantas condicións estime oportunas referidas a dimensións, materiais, condicións estéticas, etc.


En terrazas situadas en zonas de estacionamento, os toldos deberán estar recuados como mínimo 0,30 metros, por dentro da zona exterior da terraza.


c) Queda prohibida a instalación de toldos verticais que delimiten terrazas pechadas nalgún dos seus laterais. Con carácter excepcional poderase autorizar e necesitan autorización expresa municipal, referida de forma específica ás condicións de cada toldo vertical e o seu réxime de utilización. Non poderá concederse para a súa utilización en horas comerciais se poden afectar á vsibilidade de escaparates veciños, nin en contornos nos que poidan afectar ás condicións estéticas.


d) Non se permitirá a instalación conxunta de parasoles e toldo, polo negativo impacto estético que a conxunción de ditos elementos produce.


- MOBILIARIO AUXILIAR:


Non se poderán colocar en solo público, mobiliario, elementos decorativos ou revestimentos de solos que non estean incluídos expresamente na licenza. Poderase esixir a instalación de sistemas de protección do solo naquelas terrazas, que polo servizo que prestan e pola súa situación, requiran un tratamento especial para preservar o contorno.


Queda prohibida a instalación de máquinas expendedoras automáticas, recreativas, de xogos de azar, billares, xogos infantís ou calquera outra de característica análoga.


Non se permite a colocación de mostradores, barras ou outros elementos de servizo para a terraza no exterior, debendo ser atendida dende o propio local.


Todo o mobiliario, estruturas ou elementos con carácter xeral:


1. Deixar libres as bocas de rego, de incendios e as pasaxes permanentes.


2. A utilización dos servizos públicos non se verá obstaculizada, debendo deixarse libres completamente para a súa utilización inmediata, se fose preciso.


3. Non serán atrancadas as paradas de transporte público establecidas, nin os pasos de peóns.


4. A instalación dunha terraza non poderá obstaculizar os labores de carga e descarga dos establecementos colindantes coa terraza, nas zonas habilitadas para iso.


Todo mobiliario terá que estar adaptado ás características dos usuarios con mobilidade reducida.


ARTIGO 11.- SITUACIÓN


Nos casos en que se puidese optar entre colocar mesas en beirarrúa ou calzada (en prazas de aparcadoiro), como regra xeral haberá de ocuparse preferentemente a beirarrúa, se ben o Concello de Verín resérvase o dereito de decidir, en función das circunstancias, o lugar máis conveniente en cada caso.


1. Ocupación con mesas en calzada, sobre aparcadoiros:


Para a ocupación da calzada con terraza establécese a distinción segundo que o aparcadoiro de vehículos estea permitido en liña ou en batería, pero nun ou noutro suposto, a superficie máxima de ocupación non será superior a 20 m2.


- Anchura e lonxitude da zona de ocupación en calzada, con aparcadoiro en liña:


a) A anchura non excederá en ningún caso de 2 metros, nin da liña de aparcadoiro nas rúas en que este se encontre sinalado horizontalmente, deixando sempre un mínimo de 3 metros de carril libre en rúas de circulación rodada de sentido único.


b) A lonxitude da terraza tampouco excederá en ningún caso de 10 metros, nin da que teña a fachada do establecemento se esta é inferior, se ben poderá ampliarse até o citado límite máximo.


- Anchura e lonxitude da zona de ocupación en calzada, con aparcadoiro en batería:


a) A anchura da zona de ocupación non poderá exceder de 3 metros ou do ancho da banda de aparcadoiro, deixando sempre, cando menos, outros tres metros de carril libre nas rúas de circulación rodada de sentido único.


b) A lonxitude non poderá exceder de 10 metros, e até este límite máximo, poderá ampliarse, tras o consentimento por escrito dos propietarios dos establecementos comerciais colindantes afectados, se a fachada do establecemento é inferior ao mesmo.


2. Ocupación con mesas en beirarrúas e zonas peonís:


A lonxitude da zona para ocupar en beirarrúas e rúas peonís será como máximo de 10 metros, e no caso de que a fachada do establecemento sexa inferior, poderá ampliarse até dita lonxitude, tras o consentimento por escrito dos veciños colindantes afectados, se a fachada do establecemento é inferior ao mesmo; terán que cumprir as condicións seguintes:


a) A terraza situarase a 0,30 metros da liña do bordo da beirarrúa, e a súa ocupación máxima non poderá sobrepasar, en sentido transversal, o 50% da anchura da beirarrúa ou espazo peonil sobre o que se sitúe. Como criterio xeral, calquera terraza unha vez instalada deberá deixar un espazo libre en beirarrúa (itinerario peonil accesible) con anchura non inferior a 1,50 m. Este itinerario peonil libre deberá deixarse preferentemente xunto á liña de fachada, e cando isto non sexa factible, o perímetro da terraza estará sempre delimitado en continuidade (agás os accesos á propia terraza ou outros locais ou portais), mediante os elementos definidos nos artigos anteriores, para servir de nova referencia equivalente á fachada. A súa lonxitude poderá acadar un máximo de 10 metros totais de terraza, debendo incluír en todo caso, a fronte de fachada do edificio propio. No caso de que existiran dúas ou máis terrazas que tivesen en común o mesmo edificio colindante, a súa extensión será repartida por partes iguais entre elas. A superficie máxima autorizable será de 50 m2.


b) A anchura mínima da beirarrúa para posibilitar a autorización dunha terraza será en cada caso:


- 2,30 m para as terrazas de pequena dimensión, formadas só por até 2 veladores con 2 banquetas por unidade en sentido lonxitudinal, e/ou 1 estufa/quentador, e/ou 1 cinceiro/papeleira, e cuxa anchura non exceda de 0,70 m da fachada, estando limitada a lonxitude total a 5,00 m.


- 3,00 m para as terrazas con módulos estándar (cuxa anchura non exceda de 1,50 m) e que se sitúen xunto á fachada propia ou dos locais colindantes con autorización dos seus propietarios. Estas terrazas precisarán sempre de elementos de delimitación perimetral, segundo o criterio definido neste artigo, sen que isto poida xustificar sobre anchos adicionais.


- 3,50 m se a terraza se instala xunto ao bordo e non existe estacionamento en batería adxacente na beirarrúa. Nestes casos, resulta factible respectar o itinerario peonil libre de 1,50 m xunto á fachada coa súa anchura normalizada, o que permite prescindir da obrigatoriedade de instalación de elementos de delimitación perimetral.


- 4,00 m se a terraza se instala xunto ao bordo e existe estacionamento en batería adxacente á beirarrúa. Nestes casos resulta igualmente factible respectar o itinerario peonil libre de 1,50 m xunto á fachada o que permite prescindir así mesmo, da obrigatoriedade de instalación de elementos de delimitación perimetral.


c) En beirarrúas de máis de 6 metros, a terraza non superará 1/3 da súa anchura.


Algunha das fachadas do establecemento deberá dar fronte ao espazo proxectado para a instalación da terraza. Cando os establecementos se sitúen en pasaxes, galerías ou centros comerciais situados no interior de edificios, as terrazas deberán situarse na fronte da fachada principal do edificio.


d) Se pretendesen instalarse nunha rúa peonil, quedará sempre libre unha vía de evacuación e de emerxencia dun ancho mínimo de 3 metros, e a distancia de liña de terraza á fachada contraria á vía de emerxencia non será inferior a 1,80 metros. Sen prexuízo do anterior, a situación concreta da terraza determinarase atendendo ás circunstancias que concorran en cada caso, tales como a densidade de establecementos existentes en cada lado da vía pública, características desta, etc., cumprindo en todo caso as dimensións previstas na presente ordenanza.


En ningún caso as terrazas poderán situarse a unha distancia inferior a 1,50 metros respecto dos bancos que formen parte do mobiliario urbano existente na vía na que se pretendan instalar.


Como criterio xeral, o perímetro da terraza quedará delimitado por elementos verticais continuos, agás nos accesos que se situarán sempre no frontal, de acordo á normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras. Ditos elementos non poderán dispor de "pés" ou salientes cara o exterior, e terán a rixidez suficiente para conformar a nova aliñación de referencia para discapacitados visuais. O mobiliario utilizable para esta finalidade serán celosías, xardineiras ou outros elementos análogos, que en ningún caso poderán exceder de 0,80 metros de altura.


3. Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación da terraza, non se poderá autorizar se a súa instalación dificultara de forma notable o tránsilto peonil, pola súa especial intensidade, aínda que só sexa en determinadas horas.


4. O espazo ocupado polas terrazas deberá distar, como mínimo:


- 1,00 metro das paradas de bus e taxis.

- 1,00 metro dos laterais dos pasos de peóns e rebaixes para minusválidos.

- 1,00 metro das pasaxes permanentes para saída de vehículos dos inmobles.

- 1,00 metro dos puntos fixos de venda instalados na vía pública (quioscos de prensa, da ONCE, etc., cabinas telefónicas).

- 1,00 metro das entradas a edificios ou locais comerciais.

- 1,00 metro dos espazos verdes, cando o acceso ás mesas deba realizarse polo lado deses espazos.


5. Con carácter xeral, a situación de todos os elementos que compoñen a terraza deberá permitir en todo momento a fácil localización e apertura de calquera rexistro ou arqueta situada na vía pública, e respectará a sinalización, mobiliario urbano e arboredos existentes.


6. Cando a concentración de terrazas sobre unha praza ou espazo determinado poida supor a alteración do seu destino natural, as solicitudes para novas instalacións ou renovacións correspondentes, serán resoltas conxuntamente, establecéndose as condicións ou restricións que se estimen convenientes.


7. No caso de que se produzan diversas solicitudes que conflúan sobre un mesmo espazo limitado, tras o informe do Servizo Municipal de Policía Local, a Alcaldía terá a facultade de distribuír o espazo existente entre os diferentes solicitantes, baixo criterios de igualdade e equidistribución. No suposto de que dita distribución conlevase a autorización por menor espazo do solicitado, notificarase aos solicitantes para o suposto de que desexaran renunciar á ocupación solicitada.


ARTIGO 12.- PROHIBICIÓNS E PRESCRICIÓNS ADICIONAIS


1. Queda absolutamente prohibido o uso de equipos de audio e vídeo no espazo destinado a terraza. O funcionamento das terrazas non poderá transmitir ao medio ambiente interior e exterior das vivendas e a outros usos residenciais, hospitalarios, asistenciais, culturais, etc., niveis de ruídos superiores aos máximos establecidos na Ordenanza municipal de ruídos e vibracións.


2. A terraza disporase sempre que sexa posible nun bloque compacto, á marxe do tránsito principal de peóns e, no seu caso, só poderá dividirse por accesos peonís secundarios, en particular nas entradas a edificios ou locais comerciais.


3. O titular do establecemento que solicite a instalación da terraza, deberá dispor do correspondente seguro de responsabilidade civil, para cubrir os posibles riscos que puideran derivarse do seu funcionamento.


4. Os titulares das terrazas deberán manter as instalacións e cada un dos elementos que a compoñen, espazo e área de influencia, nas debidas condicións de limpeza, hixiene, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos correspondentes elementos de recollida e almacenamento dos residuos que poidan manchar ese espazo público. Por razóns de estética e hixiene, non se permitirá almacenar produtos, materiais ou residuos propios da actividade xunto ás terrazas nin fóra da instalación. A limpeza realizarase diariamente. Enténdese por área de influencia o espazo comprendido entre a fachada ou fachadas e a terraza e, en todo caso, o espazo dun metro medido dende o perímetro exterior da superficie autorizada para a instalación da terraza.


5. Os titulares das terrazas deberán colocar en lugar visible para os usuarios, veciños e axentes da autoridade o documento da licenza e o plano daquela.


6. A autorización dunha terraza non suporá, en ningún caso, autorización de barra en festas.


7. Non se autorizarán terrazas nos seguintes casos:


- Cando o local estea separado da terraza por unha calzada aberta ao tráfico rodado, excepto as rúas peonís, ou nas sinalizadas como "rúa residencia".


- Nos pasos para peóns, sinalados ou non, e rebaixes para minusválidos.


8. A disposición das terrazas deberá integrarse co mobiliario urbano existente e de modo que non dificulte ou impida a visibilidade e o correcto uso dos elementos que xa se encontren instalados na vía pública.


TÍTULO SEGUNDO


DISPOSICIÓNS EXCEPCIONAIS


ARTIGO 13.- INSTALACIÓN DE TERRAZAS EN ESPAZOS LIBRES PRIVADOS DE USO PÚBLICO


1. Se a instalación da terraza se produce en espazo privado, afecto a un uso público, será preceptiva a obtención da pertinente licenza e o pagamento da taxa correspondente.


2. Se a instalación se efectúa en terreo público de titularidade diferente á municipal, igualmente será preceptiva a obtención da debida licenza e o pagamento da taxa correspondente, sen prexuízo da necesidade de obtención da oportuna autorización da administración que corresponda.


Nestes supostos será de aplicación o réxime xeral previsto na presente ordenanza.


3. O outorgamento destas licenzas efectuarase agás o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.


4. En ningún caso a instalación deberá dificultar a evacuación dos edificios ou locais onde se instale.


TÍTULO TERCEIRO


LICENZAS


ARTIGO 14.- PRAZOS PARA EFECTUAR A SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN


1. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de dous meses ao comezo da data de instalación da terraza.


2. Nos casos de prazas e espazos de capacidade limitada de coincidencia de uso por varios establecementos, establécese un prazo para a petición das autorizacións comprendido entre o 1 de febreiro e o 31 de marzo de cada ano. Nestes casos, o espazo distribuirase entre os solicitantes de acordo co especificado nesta ordenanza, e as solicitudes que se puidesen presentar posteriormente para ocupar eses espazos non terán dereito a optar a eles nesa anualidade.


3. A renovación das autorizacións farase entre os meses de novembro e decembro.


4. Non obstante poderán presentarse solicitudes transcorrido o prazo establecido, cando se trate de cambios de titularidade ou establecementos con licenza de apertura posteriores.


ARTIGO 15.- PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE LICENZAS


1. As solicitudes de licenza que se presenten para a nova instalación dunha terraza ou para a modificación dunha licenza xa concedida irán acompañadas da seguinte documentación:


a) Fotocopia da licenza de funcionamento do establecemento.


Relación dos elementos do mobiliario que se pretenda instalar, con indicación expresa do seu número, materiais e gama de cores, nos termos sinalados no artigo 8 desta ordenanza.


Plano de situación da terraza a escala 1:500, no que se reflita a superficie que se ocupará, ancho da beirarrúa, distancia ás esquinas, paradas de autobuses, quioscos, así como os elementos de mobiliario urbano xa existentes.


b) Plano detalle a escala 1:100, con indicación de todos os elementos de mobiliario da terraza, así como a súa clase, número, dimensións, total superficie para ocupar e a súa colocación, debendo quedar todo iso reflectido no plano. Así mesmo, acotaranse as medidas correspondentes á fronte da fachada do establecemento e a anchura da beirarrúa e, no seu caso, arborado e mobiliario urbano municipal existente, debendo quedar estes completamente libres.


c) Documento acreditativo de acharse ao corrente da póliza de seguros para o desenvolvemento da actividade, con mención específica de cobertura da terraza.


Fotografías das fachadas que dean vista ao espazo pretendido para a situación da terraza.


Fotocopia da declaración de alta do Imposto sobre actividades económica.s


Xustificante de ter aboada a taxa correspondente.


d) Autorización expresa dos titulares das actividades que se exerzan nos locais cando a terraza está situada na beirarrúa, rúa peonil ou praza público e se pretenda instalar xunto á súa fachada.


2. O prazo máximo para resolver e notificar as licenzas e as súas renovacións será de dous meses. Transcorrido dito prazo sen que se ditara e notificara resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.


3. A licenza outorgarase mediante Resolución da Alcaldía ou concellaría en quen delegue, tras os informes da Policía Local e do servizo técnico competente, sen prexuízo de que resultase necesaria a emisión de calquera outro informe.


ARTIGO 16.- TRANSMISIBILIDADE E RENOVACIÓN DAS LICENZAS


1. As licenzas que se outorguen para a instalación de terrazas só serán transmisibles conxuntamente coas dos establecementos dos que estas dependan. O antigo e o novo titular deberán comunicar esta circunstancia ao concello. En ningún caso a explotación da terraza poderá ser independente da do establecemento ao que estea vinculada.


2. As licenzas serán renovables, tras a solicitude do interesado e tras a comprobación dos requisitos esixidos na presente ordenanza e pagamento da correspondente taxa por ocupación da vía pública, cando posúan autorización anual. Conxuntamente coa solicitude de renovación deberán aportar a seguinte documentación:


- Fotocopia da licenza de funcionamento do establecemento.


- Documento acreditativo de acharse ao corrente da póliza de seguros.


- Declaración xurada de que non se producen modificacións respecto da licenza que se renova.


- Certificado de estar ao corrente do pagamento das obrigas tributarias por colocación de terrazas en exercicios anteriores.


3. No suposto de que pretendan ou se produzan modificacións, non procederá a renovación da licenza, senón a solicitude dunha nova.


TÍTULO CUARTO


RESTAURACIÓN DA LEGALIDADE E RÉXIME SANCIONADOR


CAPÍTULO PRIMEIRO


RESTAURACIÓN DA LEGALIDADE


ARTIGO 17.- INSTALACIÓNS SEN LICENZA


1. Corresponde á Policía Local velar polo cumprimento da presente ordenanza, desenvolvendo, para tal efecto, os labores de inspección e control que resulten pertinentes.


2. As instalacións suxeitas a esta ordenanza que se implanten sobre terreos de dominio público, ou de dominio privado afecto a un uso público, sen a preceptiva licenza deberán ser retiradas de modo inmediato, tras orde, que poderá ser verbal, efectuada pola Policía Local ao titular ou persoa que se encontre a cargo do establecemento para que proceda á recollida e retirada do debidamente instalado. De non ser atendido o requirimento, a Policía local poderá solicitar a presenza dos servizos municipais que correspondan, para que procedan á súa retirada. Das actuacións realizadas levantarase acta por parte da Policía Local, que recolla fielmente o sucedido, remitíndose á unidade administrativa correspondente. A constancia escrita de dita orde verbal e a correspondente liquidación dos gastos ocasionados a nome do titular do establecemento efectuaranse nos termos do artigo 55 da Lei 30/1992, notificándose esta no prazo de dez días.


3. A insistencia e reiteración na instalación sen licenza determinará que se traslade o tanto de culpa ao xulgado, por se a conduta fose susceptible de reproche penal.


ARTIGO 18.- EXCESO DE ELEMENTOS OU SUPERFICIE SOBRE O AUTORIZADO


O disposto no artigo anterior será aplicable aos elementos de mobiliario da terraza que non estean contemplados na correspondente autorización, ou que excedan dos termos permitidos.


ARTIGO 19.- REVOGACIÓN DE LICENZAS


En calquera caso, o incumprimento das condicións da licenza ou autorización determinará o inicio do procedemento da súa resolución ou revogación.


CAPÍTULO SEGUNDO


RÉXIME SANCIONADOR


ARTIGO 20.- NORMAS DE PROCEDEMENTO


1. As accións ou omisións que contraveñan o disposto na presente ordenanza xerarán responsabilidade administrativa, de conformidade co disposto neste título, sen prexuízo das responsabilidades civís ou penais a que puidesen dar lugar.


2. As actuacións municipais derivadas do incumprimento das prescricións establecidas na presente ordenanza axustaranse ao disposto nas normas de procedemento, impugnación e, en xeral, ao Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.


3. A atribución para o exercicio da potestade sancionadora corresponde á Alcaldía ou órgano en quen delegue.


ARTIGO 21.- RESPONSABLES


Son responsables das infraccións cometidas contra esta ordenanza os que figuren como titulares da licenza de instalación da terraza, e no seu defecto, o titular do establecemento ao que dea servizo.


ARTIGO 22.- INFRACCIÓNS


1. As accións ou omisións que contraveñan o disposto na presente ordenanza constitúen infraccións a ela, que se clasifican en leves, graves e moi graves.


2. Son infraccións leves:


O incumprimento de calquera obriga prevista nesta ordenanza que non sexa constitutiva de infracción grave ou moi grave.


3. Son infraccións graves:


A comisión de tres infraccións leves no prazo de 6 meses.


O incumprimento do horario de peche en menos de dúas horas.


A instalación de elementos de mobiliario da terraza non previstos na licenza ou en número maior dos autorizados.


Ocupar a vía pública excedéndose no tempo autorizado na licenza.


A carencia de seguro obrigatorio.


A produción de molestias acreditadas aos veciños ou transeúntes, derivadas do funcionamento da instalación.


A instalación de instrumentos ou equipos de audio ou vídeo.


A falta de presentación do documento de licenza e do plano de detalle aos axentes da autoridade ou funcionarios competentes que o requiran.


O incumprimento da obriga de retirar ou recoller e amontoar o mobiliario da terraza ao finalizar o seu horario de funcionamento.


A desobediencia ás ordes dadas polos axentes da autoridade.


A negativa ou obstaculización ao labor inspector.


Efectuar instalacións eléctricas ou de calquera outro tipo na terraza sen a preceptiva autorización municipal.


A ocupación da vía pública sen a instalación previa da plataforma balizada e con varanda de protección peonil nas condicións establecidas na presente ordenanza.


Non desmontar a instalación, no caso de autorizacións anuais, cando menos durante un mes.


A instalación de terrazas sen autorización ou fóra do período autorizado.


4. Son infraccións moi graves:


A comisión de tres infraccións graves nun período de 6 meses.


A cesión da explotación da terraza a persoa distinta do titular.


O incumprimento das medidas de restauración da legalidade que se adopten.


A celebración de espectáculos ou actuacións non autorizados de forma expresa.


O incumprimento de horario de peche en máis de dúas horas.


A manipulación ou falsidade dos datos ou da documentación aportada, en orde á obtención da correspondente licenza.


Desobedecer as ordes emanadas da autoridade municipal competente.


Calquera ocupación da vía pública que poida provocar ou dar orixe a alteracións do tráfico peonil ou rodado.


ARTIGO 23.- SANCIÓNS


1. As accións ou omisións que contraveñan o disposto na presente ordenanza serán sancionadas con multas, cuxa contía e graduación axustarase ao establecido nos apartados 2 e 3 do presente artigo, respectivamente.


2. Contías das multas por infracción da presente ordenanza:


- Infraccións leves: multa até 750 euros.


- Infraccións graves: multa de 751 euros até 1.500 euros e no seu caso revogación da autorización para ese exercicio, co conseguinte lanzamento da vía pública o que conlevará a súa restitución ao seu uso común xeral e a desmontaxe inmediata da instalación.


- Infraccións moi graves: multa de 1.500 euros até 3.000 euros e revogación da autorización para ese exercicio e, no seu caso, a non autorización para o ano seguinte.


3. Para a graduación das respectivas sancións valoraranse conxuntamente as seguintes circunstancias:


- A existencia de intencionalidade ou reiteración.


- A reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis de unha infracción da mesma natureza, cando así fose declarado por resolución firme.


- A natureza da infracción, atendendo en especial ás molestias ou danos inferidos aos veciños.


- O beneficio económico obtido da actividade infractora.


ARTIGO 24.- INDEMNIZACIÓN DE DANOS E PERDAS


As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación ao seu estado primitivo, así como coa indemnización por danos e perdas causados.


ARTIGO 25.- PRESCRICIÓN


As prescricións ás infraccións indicadas no artigo 22 produciranse da seguinte forma:


a) As leves, aos seis meses.


b) As graves, aos dous anos.


c) As moi graves, aos tres anos.


O prazo de prescrición das infracciones comezará a contarse dende o día en que se cometera. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse dende o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón.


DISPOSICIÓN FINAL


A ordenanza entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Á súa entrada en vigor quedarán derrogadas cantas normas, acordos ou resolucións municipais sexan incompatibles ou se opoñan ao establecido nesta ordenanza.


DISPOSICIÓNS ADICIONAIS


Facúltase ao alcalde, ou concelleiro en quen delegue, para ditar cantas ordes e instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación e aplicación desta ordenanza.


Para aqueles establecementos que non cumpran as condicións necesarias para ser autorizada a instalación dunha terraza, poderán unicamente, e tras a solicitude de autorización de ocupación da vía pública, colocar un cinceiro/papeleira e/ou unha estufa/quentador, cumprindo as mesmas especificacións e dimensións que os estipulados no artigo 11.2.b) para as "terrazas de pequena dimensión".


DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS


Todas aquelas terrazas que xa estiveran autorizadas con anterioridade á aprobación desta ordenanza, deberán regularizar a súa situación no prazo de dous meses, dende a súa entrada en vigor, debendo presentar os documentos recollidos no artigo 15.


DISPOSICIÓN DERROGATORIA


Á entrada en vigor desta ordenanza, quedarán derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan, contradigan ou sexan incompatibles cos seus preceptos.


O alcalde - Juan Manuel Jiménez Morán

A secretaria - Pilar del Carmen Saborido Díaz


DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no BOP de Ourense número 152 de data 04 de xullo de 2013. A secretaria - Pilar del Carmen Saborido Díaz.

 
?>