Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo
Axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo PDF Imprimir Correo-e
Luns, 19 Maio 2014 08:49

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 13 de maio de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo.

Obxecto da convocatoria
Convocar axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT), en réxime de concorrencia non competitiva, nas seguintes modalidades:
1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial e que realice a FCT dentro do territorio español.
2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial ou nun ciclo formativo de artes plásticas e deseño e que realice a FCT en países da Unión Europea.

Requisitos
1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial.
2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2014.
3. Non poderá ter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario/a de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Documentación

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:
– Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.
– Declaración do domicilio de residencia durante o período de realización da FCT, segundo o anexo II desta orde.
– No caso de non dar o consentimento para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, fotocopia do DNI.

Prazo e lugar de presentación de solicitudes
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. Primeiro prazo, 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2013-marzo 2014, e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2014. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2014. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado no primeiro curso do réxime ordinario ou no segundo curso do réxime integrado dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2013/14.
O alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2014 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.
2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2014, para o alumnado de ciclos formativos a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2014 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice a FCT no período extraordinario de setembro de 2014. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2014. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2014 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.
3. As solicitudes xunto co resto dos anexos requiridos serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo. Toda esta documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.es/fct, polo que os anexos desta orde só serven para efectos informativos.
4. As solicitudes xunto co resto dos anexos só se poderán presentar no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo.

Documentación que tramitarán os centros
1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou nas instrucións remitidas aos centros.
2. A dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicite axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.
3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos/as solicitantes.
4. Rematado o prazo de reclamacións, a dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.
5. O centro, a través do/a coordinador/a de FCT, unha vez finalizada a formación en centros de traballo, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.
6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. A dita certificación será enviada á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no prazo indicado nas instrucións que enviará aos centros a dirección xeral, segundo se indica no artigo 8.2.

Envío de documentación
1. A dirección do centro enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a seguinte documentación en papel:
a) Solicitudes orixinais (anexo I).
b) Declaracións de residencia (anexo II).
c) Fotocopias do DNI, se é o caso.
d) Certificacións do centro educativo (anexo III).
e) No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo IV) .
f) Se é o caso, declaracións responsables complementarias segundo dispón o artigo 11, número 2 desta orde (anexo V).
g) Certificación de realización das prácticas.
2. O prazo de envío da documentación será o indicado nas instrucións correspondentes a cada período de presentación de solicitudes. Para tal efecto, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa enviaralles aos centros educativos e publicará na páxina web www.edu.xunta.es/fct as ditas instrucións.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>