Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas á conciliación da vida familiar e laboral
Axudas á conciliación da vida familiar e laboral PDF Imprimir Correo-e
Martes, 20 Maio 2014 11:41

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 14 de maio de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Obxecto e réxime das axudas

1. O obxecto da presente resolución é a convocatoria e regulación do réxime de concesión de axudas económicas a aqueles traballadores que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 se acollesen a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu/da súa fillo/a e de acordo co establecido no artigo 5 da presente resolución.
2. O outorgamento das axudas as que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos, segundo a orde de recepción de solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
Compatibilidade das axudas
As axudas por redución de xornada previstas na presente resolución serán compatibles con calquera outra que, co mesmo obxecto, teña establecidas ou poida establecer calquera das administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, así como calquera entidade privada.
Non obstante, os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:
a) Homes que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 5 da presente resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.
b) Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se alude no artigo 5 da presente resolución. Por familia monoparental enténdese, segundo a definición que establece o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
2. As persoas solicitantes, para obteren a condición de beneficiarias, deberán cumprir, ademais das exixencias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de anticipación ao inicio do período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda.
b) Convivir co/a fillo/a durante o período subvencionado.
c) No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador/a por conta allea ou ben autónomo/a e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5 % do período subvencionado.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus/das súas fillos/as, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

Accións subvencionables
1. As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013, se atopasen en situación de redución da xornada de traballo para o coidado dun/unha fillo/a menor de tres anos.
2. Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.
3. A idade do/a fillo/a poderase ampliar ata os 12 anos no suposto de que o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
4. Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionable será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013.
5. No caso das familias non monoparentais, serán subvencionables todos os períodos traballados durante o ano, co límite máximo de oito meses, sempre que un dos períodos sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto sexan inferiores aos 60 días, e sempre que a muller traballe de xeito continuado ou que o tempo non traballado non supere o 5 % do tempo total correspondente aos períodos que se van acumular.
Nestes casos, cando haxa dous ou máis períodos subvencionables que non sexan acumulables, concederase a axuda por aquel que sexa o máis favorable para o interesado.
No caso das familias monoparentais, serán acumulables todos os períodos traballados durante o ano, co límite máximo de oito meses, sempre que un dos períodos sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto sexan inferiores aos 60 días.
6. No suposto de fillos/as adoptados/as ou menores en réxime de acollemento familiar, non se terá en conta a idade, pero para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso o/a fillo/a polo/a cal se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.
7. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.
8. Na concesión destas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Contía das axudas
1. A contía desta axuda estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral desfrutada, da duración desta e do número de fillas/os a cargo da persoa solicitante, e para o seu establecemento considéranse os seguintes tramos:
a) Cando a redución de xornada sexa de ata o 15 % da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo: 1.600 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 1.900 euros.
iii. Tres ou máis fillas/os a cargo: 2.200 euros.
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 15 % e ata o 33,33 % da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo: 2.700 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.000 euros.
iii. Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.300 euros.
c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 33,33 % da xornada laboral e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):
i. Unha/un filla/o a cargo: 3.000 euros.
ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.300 euros.
iii. Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.600 euros.
2. As contías citadas nas alíneas anteriores son as máximas aplicables aos casos en que a redución de xornada corresponda a unha persoa contratada a xornada completa. Cando a persoa solicitante estea contratada para unha xornada laboral de duración inferior, as contías das axudas diminuiranse proporcionalmente. Do mesmo xeito, cando a redución de xornada teña unha duración inferior a 8 meses, as contías antes citadas reduciranse proporcionalmente.
3. Para o cálculo da contía da axuda teranse en conta unicamente as/os fillas/os menores de 12 anos, agás no caso da/do filla/o pola/o que se solicita a redución de xornada, no cal se terá en conta o establecido no artigo 5.

Solicitudes, prazo de presentación e documentación
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (20 de xuño de 2014). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
3. Documentación que se deberá presentar:
a) Anexo I: solicitude e declaracións da persoa solicitante relativas a:
1º. Que coñece que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias, na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación, que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).
2º. Que non esta incurso/a en ningún procedemento de reintegro ou sancionador.
3º. Que está de acordo coas actuacións de control e supervisión destas axudas que leven a cabo o Fondo Social Europeo, a unidade administrativa do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do órgano concedente.
4º. Que está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
5º. Que durante o período da presente solicitude conviviu coa/co filla/o polo/a cal solicita a subvención.
6º. Que o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda non coincide co permiso por maternidade, nin con ningún outro permiso, licenza ou excedencia para o mesmo fin da cónxuxe ou parella.
7º. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como de non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8º. As datas de desfrute do permiso por maternidade.
b) Anexo II: declaración responsable para o caso de proxenitores solteiros cun/unha fillo/a recoñecido/a polo outro proxenitor pero sen que existise convivencia entre pai e nai durante o período obxecto da axuda.
c) Anexo III: certificación da empresa ou, se é o caso, da administración pública correspondente, acreditativa da redución de xornada. No suposto de que durante o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda se producise un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo, deberá cubrirse un anexo III por cada unha das variacións producidas. Igualmente, se a redución de xornada non for desfrutada de modo ininterrompido, cubrirase un anexo III por cada un dos períodos en que se estivese nesta situación.
d) Anexo IV: recolla de datos para a análise de resultados.
e) Fotocopia compulsada do libro de familia.
f) Fotocopia compulsada da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se é o caso.
g) Nos supostos de adopción, fotocopia compulsada da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción.
h) No caso de acollemento familiar copia compulsada da resolución administrativa ou xudicial de acollemento.
i) No suposto de fillos/as afectados/as por unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, certificación actualizada acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fose expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e a persoa solicitante dea autorización expresa para a súa comprobación por parte da unidade tramitadora.
j) Certificación de empadroamento en que se acredite a data de empadroamento da persoa solicitante dentro do territorio da comunidade autónoma galega e tendo en conta o establecido no artigo 4.2.a) (estar inscrita no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de anticipación ao inicio do período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda).
k) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC expedido pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por garda legal, durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da seguridade social (Muface, Isfas, Mugeju, etc.), certificación en que se acredite a referida situación.
l) Certificado de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativa á persoa solicitante da axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da seguridade social (Muface, Isfas, Mugeju, etc.), certificación acreditativa equivalente.
m) No caso de familias non monoparentais, certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativa ao cónxuxe ou parella. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da seguridade social (Muface, Isfas, Mugeju, etc.), certificación acreditativa equivalente.
n) Para o caso de non autorizar a Secretaría Xeral da Igualdade a obter os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, fotocopia compulsada do DNI ou NIE da persoa solicitante.
4. A elaboración e presentación da solicitude farase segundo as especificacións destas bases, empregando os anexos normalizados para os documentos que se sinalan neste artigo.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>