Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro
Axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro PDF Imprimir Correo-e
Martes, 20 Maio 2014 11:50

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 7 de maio de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar,  pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014.

Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A) co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, estando debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da presente convocatoria, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
4. Para os efectos do disposto na letra b) do número segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que, por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.
b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 14.2.II.c), en relación co cofinanciamento das axudas polo Fondo Social Europeo, correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.

Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, preferentemente no ámbito da discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas que se contraten.
c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 por cento, a dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

Subvención: contía
1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e da Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.
2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala:
• Para o grupo de cotización 1: 2.175 €.
• Para o grupo de cotización 2: 1.963 €.
• Para o grupo de cotización 3: 1.935 €.
• Para o grupo de cotización 4: 1.875 €.
• Para o grupo de cotización 5: 1.756 €.
• Para o grupo de cotización 6: 1.732 €.
• Para o grupo de cotización 7: 1.637 €.
• Para o grupo de cotización 8: 1.576 €.
• Para o grupo de cotización 9: 1.512 €.
• Para o grupo de cotización 10: 1.488 €.
3. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.
4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia contratada que reúna os requisitos para percibilo.
5. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
7. O importe das subvencións reguladas nesta orde, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

Presentación de solicitudes
1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7 que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp.
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude asinada a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
7. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade beneficiaria. En caso de presentación de varias só se terá en conta a última presentada que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Documentación
1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada polo solicitante como información accesible de xeito que a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:
a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor.
b) Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.
c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.
d) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro.
e) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II.
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) A ausencia de ánimo de lucro.
c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o número 2 do artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.
e) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.
f) O nivel de inserción laboral dos participantes en exercicios anteriores a que se refire o artigo 8.4.b).
g) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.
h) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a), b) e d) do número anterior coinciden cos orixinais e que se pon á disposición da Administración actuante para achegalos cando se lle requira.
3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.a), b), c) e d) deste artigo xa estivesen en poder da Dirección Xeral de Emprego e Formación e non se producisen modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitiu a dita documentación, o número de expediente correspondente, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.
4. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>