Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para a adquisición de libros de texto no curso escolar 2014/2015
Axudas para a adquisición de libros de texto no curso escolar 2014/2015 PDF Imprimir Correo-e
Venres, 30 Maio 2014 08:29

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 28 de maio de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2014/15.


O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2014/15, para o seu uso neste ano académico.

Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Requisitos
1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2014/15, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1º ou 2º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo se emprega material que non pode ser reutilizado.
b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.
d) Non estar matriculado en 5º de educación primaria nalgún dos centros seleccionados para o proxecto experimental Educación dixital durante o curso 2014/15, convocado mediante Resolución do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (Diario Oficial de Galicia do 30 de abril), xa que este alumnado disporá dun contorno virtual de aprendizaxe.

Lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro no que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para acreditar a data de presentación da solicitude.
Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.
2. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda por curso escolar, con independencia de que puidese estar escolarizado sucesivamente en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2014/15.
Aínda que o alumno ou alumna teña previsto cambiar de centro para o curso escolar 2014/15, se nos prazos de solicitude da axuda aínda non formalizou a matrícula no novo centro, deberá solicitar a axuda no centro de orixe. O vale que se lle entregue será válido para a adquisición dos libros de calquera centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Sempre que un alumno ou alumna se traslade de centro, o centro de orixe comunicará ao centro de destino se este alumno ou alumna solicitou a axuda en prazo e, de ser o caso, se lle foi entregado o correspondente vale.
3. O prazo de presentación de solicitudes será o seguinte:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 2 de xuño ao 2 de xullo de 2014, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 28 de xullo de 2014, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2014, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculados con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2015.

Solicitudes e documentación
1. As solicitudes poderán obterse na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato pdf do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es.
Unha vez cuberta a solicitude deberán presentarse, xunto coa documentación segundo se indica no artigo 3 desta orde, debidamente asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar que obteñan ingresos, agás nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá omitirse a sinatura do proxenitor que non teña a custodia do menor.
A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos polo centro.
2. Se a solicitude se presenta no centro docente onde está matriculado o alumno presentarase orixinal e copia da documentación, co fin de que a persoa que a reciba poida verificar a autenticidade da copia e devolva os orixinais. En caso de que a presentación non se faga no centro deberá presentarse orixinal ou debidamente compulsada.
A documentación a achegar en cada caso é a seguinte:
Alumnado de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.
a) Libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.
Só no caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, en 31 de decembro de 2012, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:
1. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.
2. Certificado ou volante de convivencia.
3. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia que acredite a situación familiar.
b) No caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude, ou do alumno igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %, deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia en 31 de decembro de 2012:
1. Certificado emitido polo órgano competente do grao de discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
2. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, ou
3. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
c) No caso de situación de violencia de xénero no ámbito familiar: documentación acreditativa.
O alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, segundo establece o Decreto 229/2011, do 7 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 21 de decembro), unicamente deberá presentar a solicitude de axuda.
O alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % só ten que presentar a certificación emitida polo órgano competente do grao de discapacidade, xunto coa solicitude da axuda.
3. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.
4. O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.
5. Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para que cubran as solicitudes de xeito correcto en todas as súas epígrafes e acheguen a documentación requirida por esta orde.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>