Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras
Programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 04 Xuño 2014 07:53

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 21 de maio de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2014 dos programas de incentivos a contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras con maiores dificultades de inserción laboral, en especial, as persoas mozas desempregadas menores de 30 anos, as persoas desempregadas de longa duración, as persoas desempregadas de 45 ou máis anos de idade e as persoas que esgotasen as prestacións por desemprego, a través dos seguintes programas:
I. TR349A. Programa de incentivos á contratación indefinida inicial. Programa CONII (anexo I).
II. TR349C. Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos. Programa Estabiliza (anexo II).
III. TR349D. Programa de incentivos á contratación temporal de colectivos en risco de exclusión social. Programa Inserta (anexo III).
IV. TR349G. Programa de incentivos ao contrato para a formación e a aprendizaxe (anexo IV).
V. TR349H. Programa de incentivos á contratación temporal de persoas mozas desempregadas menores de 30 anos (anexo V).
As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo serán de aplicación: o Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006), o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006) e o Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007) e Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro (BOE nº 252, do 18 de outubro), pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo (BOE nº 79, do 1 de abril), modificada pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo (BOE nº 167, do 13 de xullo).

Definicións
Para os efectos desta orde, entenderase:
1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data de alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no réxime xeral da Seguridade Social.
2. Persoas en situación ou risco de exclusión social: para os efectos desta orde terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia:
a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.
b) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.
c) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias aditivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.
d) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.
e) Ter unha discapacidade valorada superior ao 33 %.
f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.
g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.
h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.
i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.
j) Pertencer a unha minoría étnica.
k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.
l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.
m) Calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.
3. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime de Seguridade Social, estea sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como persoa desempregada na oficina de emprego de 180 días, se son menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, ou de 360 días, se teñen 25 anos ou máis e son menores de 45 anos.
4. Persoa desempregada que esgotase as prestacións por desemprego: aquela que extinguise por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo ou calquera outra prestación non contributiva facilitada desde o Servizo Público de Emprego. No caso de que non tivese dereito á percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, que esgotase o subsidio de desemprego; e, en ambos os dous casos, non desempeñase ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data de esgotamento.
5. Persoa nova desempregada sen cualificación: aquela persoa que tendo menos de 30 anos de idade non estea en posesión dun título profesional que a habilite para formalizar un contrato en prácticas segundo o artigo 11.1 do Estatuto dos traballadores.
6. Microempresa: a empresa en que a media aritmética do seu cadro de persoal no ámbito territorial de Galicia nos doce meses anteriores á realización da contratación obxecto de subvención, sexa inferior a 10, e cuxo volume de negocios anual non supere os 2 millóns de euros. O cálculo do número de persoas traballadoras do período de referencia será o cociente que resulte de dividir o número total de horas traballadas nos 12 meses anteriores polo número de horas anuais dunha persoa traballadora a tempo completo establecido no Convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.
7. Custo salarial: importe mensual que lle vai supoñer á empresa ter unha persoa traballadora contratada. Nel están incluídos única e exclusivamente o salario bruto e os custos sociais a cargo da empresa.
8. Concello rural: aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes. Para computar o número de habitantes dos concellos galegos tomaranse como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2013, resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 1016/2013, do 20 de decembro (BOE nº 311, do 28 de decembro).
9. Participante activo: aquela persoa desempregada inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego que participase ou participe nalgún dos programas de fomento da empregabilidade. A comprobación da condición de persoa participante activa realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.
10. Programas de fomento da empregabilidade: aqueles programas incluídos nas políticas activas de emprego destinados ao fomento do emprego e á mellora da empregabilidade xestionados pola Consellería de Traballo e Benestar, a partir do ano 2009:
– Programas formativos.
– Programas mixtos de formación e emprego.
– Programas de orientación.
– Programas de intermediación laboral.
– Programas de emprego-prácticas laborais.
– Programas de cooperación.
– Calquera outro programa xestionado pola Consellería de Traballo e Benestar.
11. Taxa de estabilidade: a porcentaxe do persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e Unións Temporais de Empresas deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de Unións Temporais de Empresas cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás os concellos e as deputacións provinciais da Comunidade Autónoma de Galicia para o programa establecido no anexo IV desta orde.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Solicitudes e prazo
1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar; http://traballo.xunta.es
3. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2013, ou se é o caso o 1 de xaneiro de 2014, e a data da publicación desta orde, deberán presentarse no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta orde.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
4. As axudas previstas nos diferentes programas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido.
5. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.
6. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>