Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Préstamos Jeremie-Igape en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas
Préstamos Jeremie-Igape en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 Xuño 2014 08:47

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do do 3 de xuño de 2014 pola que se dá publicidade do acordo, do Consello de Dirección, que aproba as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013 en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autonómico para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.
O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG nº 186, do 25 de setembro), e 45/2009, do 12 de febreiro (DOG nº 48, do 10 de marzo), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que, con carácter xeral, para tal efecto aprobe e que polo menos establecerán os requisitos dos posibles prestameiros, destino dos fondos, prazo e condicións das operacións, e que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
Jeremie (Joint European Resources for Micro to Medium Enterprises) é unha iniciativa da Comisión Europea desenvolvida xunto co Fondo Europeo de Investimentos. A súa finalidade é promover o uso de instrumentos de enxeñaría financeira para mellorar o acceso das pemes ao financiamento a través das intervencións dos fondos estruturais. Esta iniciativa permite utilizar parte dos fondos estruturais europeos asignados para investir en instrumentos reembolsables como fondos de capital risco, de préstamo ou de garantía.
Constatadas as importantes necesidades de financiamento que presentan as pequenas e medianas empresas de Galicia, especialmente as de menor dimensión, para acometer proxectos de investimento produtivos no territorio galego, a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) formulan a constitución dun instrumento financeiro, cofinanciado con fondos procedentes do programa operativo Feder 2007-2013, co obxecto de facilitar o acceso ao crédito a aqueles proxectos economicamente viables que encontran dificultades de acceso ao financiamento ou a custos comparativamente superiores.
En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape na súa reunión de data 24 de abril de 2014 acordou aprobar un programa de préstamos destinados a financiar proxectos de investimento de acordo cos seguintes artigos:

Prestameiros

1. Poderán ser beneficiarias aquelas sociedades mercantís que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha peme ou microempresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). En relación coa definición de peme ou microempresa, no momento en que se publique o novo regulamento de exención por categorías, que substitúa o Regulamento 800/2008, faranse as adaptacións oportunas.
b) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Desenvolver ou ter previsto realizar no centro obxecto do proxecto algunha actividade empresarial financiable que non estea entre as actividades excluídas que se sinalan no anexo II nestas bases.
d) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira do 30 % do proxecto; un 25 % deberá estar exento de calquera tipo de apoio público, ademais da totalidade dos impostos indirectos que graven a adquisición dos bens, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.
b) As sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 800/2008).
d) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias do artigo 10.2. da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Características dos proxectos que se van financiar
O Igape poderá financiar mediante préstamos proxectos empresariais de investimento para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
1. O proxecto deberá presentar un investimento financiable superior ou igual a 100.000 € e inferior ou igual a 1.500.000 €.
2. Os proxectos financiables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, de ser o caso, ambiental, e deberán consistir na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente. Non serán financiables meras substitucións de bens, traslados de centros produtivos que non supoñan mellora na capacidade produtiva ou competitividade, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas, pagamento de impostos, nin aquelas afectadas por limitacións específicas do programa operativo Feder.
3. Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.
4. Actividades financiables: sen prexuízo da multisectorialidad e horizontalidade que as bases reguladoras no seu conxunto respectan, os proxectos financiables sobre a contía do investimento deberán en todo caso estar vinculados a algunha actividade económica que non estea entre as excluídas que se relacionan no anexo II nestas bases, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.
5. O fondo constituído para a concesión dos préstamos regulados nestas bases estará cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 2.08, actuación 2, e a prestameira está sometida ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006), e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007).

Conceptos de gasto financiables
1. Para os efectos de cálculo do financiamento, consideraranse conceptos financiables os seguintes, sempre que reúnan os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008):
a) Activos fixos materiais: adquisición dos activos fixos materiais necesarios para acometer o proxecto, tales como terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento, mobiliario.
b) Activos intanxibles: aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación e patentes, gastos de I+D e outros activos intanxibles ligados a proxectos de innovación tecnolóxica.
c) Exclúense impostos, taxas e arbitrios.
2. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá no acordo de concesión individual correspondente os investimentos financiables ata o termo do prazo de execución do proxecto.
3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo autorización expresa no acordo de concesión e logo de petición do solicitante.
5. O investimento terase que manter no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao termo do prazo de execución do proxecto. O investimento financiado poderá ser substituído en caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da prestameira se manteña en Galicia durante os períodos mencionados, sen que poidan ser obxecto de financiamento os bens que substitúen os obsoletos.
6. En caso dos activos intanxibles, para seren considerados financiables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:
1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.
2) Consideraranse activos amortizables.
3) Adquiriranse a terceiros en condicións de mercado.
4) Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

Compatibilidade e límite da axuda

1. Os préstamos concedidos a esta liña de financiamento inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro de carga financeira que supoñen para a beneficiaria respecto a un préstamo alternativo que poderían obter no mercado financeiro.
Os puntos porcentuais de bonificación implícitos e a subvención bruta equivalente recolleranse no acordo de concesión determinados polo Igape en aplicación da Comunicación 2008/C 14/02 da Comisión, e a beneficiaria aceptará a contía estimada desta cando instrumente a operación de préstamo.
2. As subvencións implícitas nos préstamos regulados nas presentes bases terán a consideración de axudas de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder o préstamo, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
4. A concesión destas axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Nestes termos serán compatibles con outras axudas de minimis, sempre que o importe total que se conceda a unha mesma empresa non supere 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas que realicen por conta allea transporte de mercadorías por estrada.
5. De conformidade co establecido no artigo 3.5 do Regulamento (CE) nº 1407/2013, as axudas de minimis consideraranse concedidas no momento en que se lle recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda en virtude do réxime xurídico nacional aplicable, con independencia da data de pagamento da axuda de minimis á empresa. En consecuencia, as variacións nos tipos de xuro de mercado posteriores á concesión non afectarán o cálculo da subvención bruta equivalente.

Tramitación
1. Presentación de solicitudes.
1.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Ao citado formulario anexaranse os seguintes documentos electrónicos:
a) Informe da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
b) Memoria do proxecto co seguinte contido orientativo e en formato PDF:
1. Antecedentes da entidade.
– Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.
– Capacidade comercial da entidade: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.
– Capacidade económica da entidade: principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.
2. O proxecto.
– Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).
– Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).
– Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).
– Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).
– Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.
– Subcontratacións externas (axentes colaboradores, alcance e fases da colaboración).
– Análise económica do proxecto (previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).
3. O mercado.
– Tamaño, características, competencia, etc.
– Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).
1.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá acceder á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, en caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet.
Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de préstamo. Este IDE estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado «SHA 1 160 bits» a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
1.3. A solicitude de axuda presentarase mediante o formulario que se obterá de modo obrigatorio da citada aplicación informática e que se achega como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza de IDE ou na que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non será tramitada, e concederáselle ao solicitante un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
1.4. Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechados.
b) Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
c) Documentación administrativa da empresa (escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente).
d) No caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas.
e) Acreditación de actividade financiable (IAE ou compromiso de alta modelo 036).
f) Garantías ofrecidas: no caso de garantías hipotecarias, taxación emitida por sociedade homologada polo Banco de España dos bens ofrecidos. Nota simple do rexistro da propiedade. No caso de garantías persoais: copia de declaración do IRPF e patrimonio dos avalistas, relación dos seus bens patrimoniais e débedas.
g) Acreditación da capacidade de financiamento da parte do proxecto non cuberto co préstamo solicitado, que deberá recoller ademais a totalidade dos impostos indirectos que graven as adquisicións de bens previstas. Esta acreditación poderá consistir nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
Adicionalmente o Igape poderá requirir calquera documentación ou aclaración que considere oportuna para os efectos da correcta análise da solicitude.
De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
1.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coa documentación establecida no artigo 7.1.4, en orixinal ou copia cotexada.
Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.1.4, e responsabilizarase e garantirá a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. En caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de modo que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).
1.6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , indicando os 40 carácteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para iso a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.
1.7. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúne algunha da documentación ou información exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, despois da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.4 destas bases resulta que o solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte e rematará o 30 de xuño de 2015 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>