Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica
Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica PDF Imprimir Correo-e
Martes, 17 Xuño 2014 08:26

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 9 de xuño de 2014, Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2014 do programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como Iebt e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.
2. Para poder acceder ás distintas liñas de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

Tipos de axuda
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Apoio á función xerencial.
d) Subvención financeira.
e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Subvención á creación directa de emprego estable
1. Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores e promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha subvención de:
a) 4.000 euros se son homes desempregados.
b) 5.000 euros se son mulleres desempregadas.
c) 5.000 euros se son mozos desempregados.
d) 5.600 euros se son mozas desempregadas.
e) 6.000 euros se son titulados universitarios desempregados.
f) 6.600 euros se son tituladas universitarias desempregadas.
g) 7.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.
2. É requisito para poder ser beneficiario desta subvención que o cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25 % por persoas con titulación universitaria.
3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.
4. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.
5. Non se concederá esta axuda cando se trate de persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.
6. Esta subvención será compatible, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención.
7. Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
8. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12.2 desta orde.

Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación
1. As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas para prestar servizos nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40 % dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, cun máximo de 12 mensualidades.
Para acceder a esta axuda o experto técnico de alta cualificación contratado deberá estar en posesión dun título universitario.
2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda as contratacións realizadas cos titulares ou socios e socias da empresa cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, así como do cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive da persoa empresaria ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas persoas citadas. Non será de aplicación esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate con por conta allea aos fillos e fillas menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo. Así mesmo, quedan excluídos desta subvención os contratos formativos.
3. Esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.
4. Serán subvencionables as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
5. Esta subvención é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial anual correspondente ao contrato obxecto de subvención.
6. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12.2 desta orde.

Apoio á función xerencial
1. Para axudar á persoa promotora ou aos empresarios e ás empresarias na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa poderase financiar o apoio á función xerencial. Este apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:
a) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora ou empresaria poida recibir para obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
b) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou persoa empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndose nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.
2. Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado, entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, e realizado no primeiro ano de actividade empresarial. Este gasto deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.
3. Non serán subvencionables, en ningunha das modalidades sinaladas no punto 1 deste artigo, as medidas de apoio prestadas polos socios ou empresas dos socios da empresa que solicita esta subvención.
4. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, será do 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.
5. As empresas que o 30 de setembro de 2013 non tiveran finalizado o primeiro ano de actividade, poderán solicitar o apoio á función xerencial polos gastos xerados desde o 1 de outubro de 2013 e ata o cumprimento do dito ano, respectando, en todo caso, os límites establecidos no punto 4 deste artigo.
6. A solicitude deberá de presentarse respectando o prazo xeral establecido no artigo 12.2 desta orde.

Subvención financeira
1. A subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT. Como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.
2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio para tal fin coa Consellería de Traballo e Benestar e deberán formalizarse no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.
Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre a data de inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014 e, xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.
Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.
3. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención se devindicase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.
A persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.
4. Esta subvención ten como límite a contía máxima de 6.300 euros por emprego estable creado para persoas desempregadas durante o primeiro ano desde o inicio da actividade.
5. A solicitude deberá presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12.2 desta orde.

Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade
Esta axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:
– De 1 a 2 postos de traballo: 24.000 euros.
– De 3 a 10 postos de traballo: 36.000 euros.
– De 11 a 20 postos de traballo: 48.000 euros.
– 21 ou máis postos de traballo: 60.000 euros.
O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables nin a contía de 12.000 euros por posto de traballo estable creado.
2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos necesarios realizados entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.
3. Os gastos subvencionables serán a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; o arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos; os gastos do seguro do local, de publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algunha das persoas promotoras da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
4. As empresas que o 30 de setembro de 2013 non tivesen finalizado o primeiro ano de actividade, poderán solicitar a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade polos gastos xerados desde o 1 de outubro de 2013 e ata o cumprimento do dito ano, respectando, en todo caso, as contías máximas establecidas no punto 1 deste artigo.
5. A solicitude deberá de presentarse respectando o prazo xeral establecido no artigo 12.2 desta orde.

Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actúe con poder suficiente.
Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2014.
3. As solicitudes estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es.

Documentación
As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañados, do orixinal ou da fotocopia compulsada ou cotexada, da documentación, común e específica, que se relaciona:
1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:
a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo modelo anexo I, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.
No caso de non presentar esta autorización a persoa solicitante ou representante deberá achegar o DNI ou NIE.
b) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.
c) Alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas.
d) Memoria económica descritiva do proxecto empresarial asinado polo representante da empresa (anexo VII).
2. Documentación específica:
a) Subvención á creación directa de emprego estable:
– Declaración do número de empregos estables creados polos que se solicita subvención, indicando se son ocupados ou non por persoas con titulación universitaria e expresando a data de incorporación efectiva á empresa (anexo II).
– Se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia cotexada ou compulsada do título universitario.
– Declaración da empresa na que se faga constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación:
– Memoria descritiva da necesidade da contratación dos técnicos de alta cualificación, número e perfís profesionais e funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais polas que son contratadas.
– Certificación académica de terminación dos estudos ou copia cotexada ou compulsada do título universitario.
– Declaración da empresa na que se faga constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención.
c) Subvención ao apoio á función xerencial:
– Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na cal debe constar, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial, o orzamento desagregado por conceptos, os servizos que se desenvolven e o calendario da súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que prestou o apoio e a aceptación da persoa ou entidade solicitante.
– Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia deste.
– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo V).
– Documento acreditativo da contratación das medidas de apoio no que conste o seu importe, facturas e o seu correspondente xustificante bancario do seu pagamento.
– De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á publicación desta orde.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán de achegarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica mais vantaxosa.
d) Subvención financeira:
– Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención.
– Contrato de préstamo ou, na súa falta, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (anexo III).
– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo V).
– Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
– Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, indicando aqueles que haxa que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo II).
e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:
– Memoria descritiva da actividade e relación detallada dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos cales se vai destinar a subvención.
– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo V).
– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.
– Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os ocupen, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo II).
3. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>