Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e as súas entidades promotoras
Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e as súas entidades promotoras PDF Imprimir Correo-e
Luns, 23 Xuño 2014 09:05

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación orde do 12 de xuño de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2014, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.
2. Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá proceder ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral
1. A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social nas cales concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo.
A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible traballador ou traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema Galego de Servizos Sociais.
Para a valoración técnica da situación ou risco de exclusión social verificarase polos servizos sociais comunitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais da situación de desemprego, a ausencia ou déficit grave de recursos económicos, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, cando esta condición supoña especiais dificultades de integración social ou laboral:
a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.
b) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.
c) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias aditivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.
d) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.
e) Ter a condición de persoa con discapacidade.
f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.
g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.
h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.
i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.
j) Pertencer a unha minoría étnica.
k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.
l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.
m) Calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Tipos de axuda
1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:
a) A contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
b) A contratación de xerentes ou persoas técnicas necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción laboral.
c) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.
d) A realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.
e) A formalización de préstamos con entidades financeiras.
f) A creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.
g) O inicio e posta en marcha da actividade.
h) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica.
2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias dos seguintes tipos de axuda:
a) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.
b) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.

Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social
1. Subvencionaranse parcialmente as empresas de inserción laboral os custos dos contratos de traballo subscritos con persoas en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 4 desta orde.
2. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño. Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.
3. Ao abeiro desta axuda subvencionaranse as mensualidades de outubro de 2013 ata setembro de 2014, ambas inclusive, correspondentes aos contratos de traballo formalizados con persoas traballadoras en proceso de inserción.
4. Para a subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social deberá presentarse unha única solicitude que comprenderá as mensualidades de outubro, novembro e decembro do ano 2013 e as de xaneiro a setembro de 2014.

Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas
1. Para facilitar a contratación de xerentes ou persoas técnicas que sexan necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral, poderá concederse, por unha soa vez, unha subvención equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa.
O importe da subvención será de ata 8.000 euros, sempre que a contratación teña unha duración inicial mínima de 12 meses, e de ata 24.000 euros se a duración inicial da contratación é de 36 ou máis meses, ou o importe proporcional se é dunha duración maior de 12 meses e menor de 36.
Non poderá concederse esta subvención a aquelas empresas de inserción laboral que foran beneficiarias desta liña de axudas anteriormente.
2. Esta subvención estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción laboral de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.
3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía máxima que se percibirá será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.
4. Serán subvencionables, ao abeiro deste programa, as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014 que teñan unha duración inicial mínima de 12 meses e cunha xornada de traballo non inferior ao 50 %.
5. As empresas de inserción laboral deberán manter no seu cadro de persoal as persoas xerentes ou técnicas durante o período subvencionado, e no suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, as empresas de inserción laboral están obrigadas á cobertura do posto por unha nova persoa traballadora, que deberá reunir as mesmas condicións de contratación que a persoa traballadora substituída, e terá que se realizar nos dous meses seguintes ao da baixa. Esta nova incorporación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a subvención e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. No suposto de non manter os postos de traballo subvencionados, ou de non realizar a substitución no prazo establecido, procederá o reintegro parcial da subvención concedida.

Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción
1. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán acceder a unha subvención para a contratación de persoal técnico de inserción, coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento das persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitar a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.
2. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa ou da entidade promotora, calculados sobre 12 mensualidades, e terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción, sen que, en ningún caso, o importe da subvención poida superar os 12.000 euros.
Cando a contratación sexa a tempo parcial, a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.
3. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras que se subvencionasen pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción ao abeiro deste programa, poderán solicitar esta axuda unha vez transcorrido o período subvencionado.
4. O persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción contratado deberá posuír unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver, ou ben, tendo unha titulación universitaria oficial de grao, acredite unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.
5. Se a subvención a solicitasen as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.
6. Serán subvencionables, ao abeiro deste programa, as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
7. As empresas de inserción laboral ou as entidades promotoras deberán manter no seu cadro de persoal o persoal técnico en inserción durante o período subvencionado, e no suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, as empresas de inserción laboral ou as entidades promotoras están obrigadas á cobertura do posto por unha nova persoa traballadora, que deberá reunir as mesmas condicións de contratación que a persoa traballadora substituída, e terá que realizarse nos dous meses seguintes ao da baixa. Esta nova incorporación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a subvención e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. No suposto de non manter os postos de traballo subvencionados, ou de non realizar a substitución no prazo establecido, procederá o reintegro parcial da subvención concedida.

Subvención pola realización de labores de mediación laboral
1. Coa finalidade de fomentar os labores de mediación laboral, subvencionaranse as empresas de inserción laboral cunha axuda de 6.000 euros pola incorporación indefinida e a xornada completa á empresa ordinaria dunha persoa traballadora en proceso de inserción xestionada pola empresa de inserción laboral. Se o contrato subscrito é de carácter temporal e ten unha duración de 24 meses, a subvención será de 3.000 euros e se é inferior a 24 meses e igual ou superior a 6 meses, o incentivo será proporcional á duración do contrato. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral pactada.
O prazo entre a baixa na empresa de inserción laboral e a data de alta na empresa ordinaria non poderá ser superior a un mes.
2. Subvencionarase cunha axuda de 6.000 euros á empresa de inserción laboral que asesore, apoie e acompañe unha persoa traballadora en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego.
3. Estas actuacións de mediación laboral serán subvencionables unha vez transcorridos 6 meses desde a formalización do contrato coa empresa ordinaria ou desde a alta no réxime especial de traballadores autónomos, e sempre que o remate deste prazo se producise entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
4. O importe desta subvención terá como límite os custos salariais totais, pola contratación da persoa en proceso de inserción na empresa ordinaria durante 6 meses. No suposto de apoio a unha persoa en proceso de inserción para a súa constitución como traballador ou traballadora autónoma o límite desta subvención será o importe das cotizacións á Seguridade Social durante 12 meses no réxime especial dos traballadores autónomos ou por conta propia.
5. As empresas de inserción laboral beneficiarias desta subvención asumen a obriga de realizar o seguimento laboral das persoas inseridas no mercado ordinario durante un período mínimo de doce meses; para tal efecto deberán achegar ante o órgano concedente unha memoria do seguimento realizado. Procederá o reintegro total da subvención concedida no suposto de non xustificar o seguimento realizado e procederá o reintegro parcial no suposto de que non se manteña o emprego das persoas inseridas, agás por causas debidamente xustificadas.

Subvención financeira
1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas de inserción laboral, tendo en conta que, como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.
Para os efectos desta orde, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas, e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.
Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algunha das entidades promotoras das empresas de inserción laboral.
No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polas persoas representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.
Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderá concederse a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.
En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse no período comprendido entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.
Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2013 e o 31 de outubro de 2014 e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.
Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo aos préstamos obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.
3. Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. A contía calcularase como se a subvención se devindicase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomando como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato de préstamo, se esta é anterior.
A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar unha certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.
4. Esta subvención terá como límite a contía máxima de 3.000 euros por emprego creado para os colectivos de persoas desempregadas definidos no artigo 4 desta orde durante o primeiro ano desde o inicio da actividade.

Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral
1. Poderá concederse unha subvención pola creación de emprego ás empresas de inserción laboral de nova creación ou ás que amplíen o seu cadro de persoal creando novos empregos para persoas en proceso de inserción.
O importe máximo desta subvención determinarase en atención ao número de novos postos de traballo creados e ocupados por persoas en procesos de inserción, ata un máximo de 12.000 euros por cada posto de traballo a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial.
Serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que, cubertos por persoas en proceso de inserción, supoñan un incremento de persoal respecto das persoas en situación ou en risco de exclusión social que tivese a empresa de inserción laboral no último expediente de axudas á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.
O importe desta subvención, en concorrencia coa subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social, prevista no artigo 7 desta orde, non poderá superar o importe máximo de 12.000 euros por cada posto de traballo a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial.
2. A concesión da subvención pola creación de novos postos de traballo para persoas en proceso de inserción requirirá acreditar a realización pola empresa de inserción laboral do investimento que sexa necesario para a creación do posto de traballo.
O importe da subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral non superará o 60 % do custo total do investimento en inmobilizado material ou intanxible directamente relacionado coa actividade principal desenvolvida pola empresa de inserción laboral.
Para os efectos do cálculo deste límite, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade (BOE núm. 278, do 20 de novembro), no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas (BOE núm. 279, do 21 de novembro), no Plan de contabilidade de pequenas e medianas entidades sen fines lucrativos, aprobado por Resolución do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas do 26 de marzo de 2013 (BOE núm. 85, do 9 de abril) e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.
Os investimentos poderán ser computados para o cálculo do límite da subvención sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa.
No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensinanza de condutores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.
En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible, se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
3. Para os efectos da xustificación desta subvención, teranse en conta as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
Para o cálculo do límite da subvención terase en conta a acreditación dos investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014 e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.

Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade
1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción da empresa de inserción laboral e ata un máximo de 12.000 euros.
2. A través desta subvención, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.
3. A subvención destinarase a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade realizados entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014 nos seguintes conceptos:
– Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.
– Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.
– Gastos de seguro do local, publicidade e subministracións.
Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas a nome da entidade promotora.
4. Poderán solicitar esta subvención as empresas de inserción laboral que inicien a súa actividade a partir do 1 de outubro de 2013.
5. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica
1. Esta axuda está destinada a financiar parcialmente ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral e ás empresas de inserción laboral a asistencia técnica dirixida á reorientación da actividade empresarial.
2. Serán subvencionables ao abeiro desta axuda os estudos de mercado, os estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e os labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral.
Na asistencia técnica das empresas de inserción laboral serán subvencionables os custos para a realización de estudos de mercado para a apertura de novos mercados ou para a reorientación da actividade empresarial.
3. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % do custo total dos servizos, cun límite máximo de 6.000 euros. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
4. A concesión da subvención obriga as entidades promotoras a realizar o proceso de creación dentro do exercicio orzamentario no que se concede a axuda e a crear a empresa de inserción laboral no prazo que se estableza na resolución de concesión da subvención.

Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa representante que actúe con poder suficiente.
Tamén poderán presentarse as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e das formas previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Se a solicitude se envía por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. O prazo de presentación das solicitudes das axudas previstas nesta orde rematará o 30 de setembro de 2014.
3. As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia,https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar na ligazón http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions

Documentación
1. As solicitudes deberán presentarse no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas, do orixinal ou copia compulsada ou cotexada, da documentación común e específica que se relaciona:
A) Documentación común para todos os tipos de axuda:
a) Solicitude no modelo do anexo I desta orde, que incluirá a declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio fiscal actual e nos dous exercicios anteriores.
b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade en caso de non prestar a autorización na solicitude á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, así como poder suficiente para actuar en nome da entidade.
c) Tarxeta de identificación fiscal, escritura ou acordo de constitución e inscrición no rexistro correspondente á forma xurídica da entidade solicitante.
d) Alta no IAE ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
e) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.
B) Documentación específica para cada tipo de axuda:
a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:
– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.
– Contratos de traballo e convenios de inserción das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención.
– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.
– Documentos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC-2 das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.
– Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.
b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas:
– Relación nominal dos xerentes ou persoas técnicas da empresa de inserción laboral polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II, no que se indicarán os custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral, dos xerentes ou persoas técnicas, correspondentes ao período polo que se solicita subvención.
– Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou persoas técnicas para o desenvolvemento da actividade empresarial, na cal conste o número e os perfís profesionais e os servizos que van prestar.
– Contratos de traballo das persoas xerentes ou técnicas polas que se solicita subvención.
– Recibo de salarios da mensualidade en que se realiza a contratación e documento bancario de transferencia acreditativo do seu pagamento.
– Documento de cotización á Seguridade Social TC-2 correspondente á mensualidade en que se realiza a contratación.
c) Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción:
– Relación nominal do persoal técnico da empresa de inserción laboral ou da entidade promotora polo que se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II, no que se indicarán os custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral ou da entidade promotora, calculados sobre 12 mensualidades, do persoal técnico polo que se solicita subvención.
– Memoria descritiva da necesidade da contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción, na cal conste o número e os perfís profesionais, as funcións que van realizar, así como o número de persoas traballadoras en proceso de inserción que van orientar e a porcentaxe da xornada de traballo que lle van dedicar.
– Contratos de traballo do persoal técnico polo que se solicita subvención.
– Curriculum vitae do persoal técnico, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.
– Recibo de salarios da mensualidade na que se realiza a contratación e documento bancario de transferencia acreditativo do seu pagamento.
– Documento de cotización á Seguridade Social TC-2 correspondente á mensualidade na que se realiza a contratación.
d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:
– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.
– Contrato de traballo formalizado entre a persoa traballadora da empresa de inserción laboral e a empresa ordinaria á cal se incorpora ou, documentación acreditativa da alta da persoa traballadora en proceso de inserción en calquera réxime especial da Seguridade Social por conta propia.
– Se é o caso, declaración da empresa contratante de que a incorporación da persoa traballadora á empresa ordinaria se realizou por mediación da empresa de inserción laboral, xunto coas nóminas aboadas á persoa traballadora correspondentes aos 6 primeiros meses desde o inicio da contratación.
– Se é o caso, declaración do traballador ou da traballadora autónoma de que a súa iniciativa de autoemprego individual se realizou mediante o asesoramento, apoio e acompañamento da empresa de inserción laboral, xunto cos xustificantes das cotizacións á Seguridade Social desde o alta no réxime especial da Seguridade Social por conta propia.
e) Subvención financeira:
– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.
– Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención e xustificación da súa necesidade.
– Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin, segundo o modelo do anexo III.
– Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
f) Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:
– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.
– Contratos de traballo das persoas traballadoras en proceso de inserción polas que se solicita a subvención.
– Memoria ampliada do proxecto.
– Estudo económico-financeiro da viabilidade do proxecto.
– Detalle do plan de investimentos en inmobilizado material ou intanxible e calendario para a súa execución, xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras.
g) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade:
– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.
– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención.
– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.
h) Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica:
– Memoria da entidade ou curriculum vitae da persoa que elaborará o estudo ou o asesoramento, que deberá incluír a actividade a desenvolver pola empresa de inserción laboral que se pretende crear e unha previsión económica-financeira para os dous exercicios iniciais.
– No caso das subvencións para a realización de estudos de mercado, proxecto de apertura de mercados ou de reorientación da actividade empresarial que se somete a estudo.
– Orzamento detallado do estudo ou asesoramento.
2. As solicitudes irán acompañadas dos documentos relacionados no número anterior, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante da entidade solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>