Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego
Subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego PDF Imprimir Correo-e
Venres, 01 Agosto 2014 09:11

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 24 de xullo de 2014, Consellería de Economía e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN201H).


As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e conta co financiamento nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de mínimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1), así como aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro 2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.
Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, considéranse subvencionables as seguintes actuacións, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.
Para os comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesanais
a) Ferramentas que melloren a xestión do establecemento/obradoiro e o deseño dos seus produtos, e que non fosen utilizados polo establecemento/obradoiro con anterioridade.
Investimento máximo subvencionable: 4.300,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %
b) Desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetaxe, dirixido a mellorar a loxística e a comercialización do produto.
Investimento máximo subvencionable: 10.000,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
c) Novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline, poñendo á disposición dos clientes recursos tecnolóxicos.
Investimento máximo subvencionable: 6.000,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
d) Novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que impliquen a utilización das redes sociais para a venda.
Investimento máximo subvencionable: 36.000 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
Os beneficiarios só poderán solicitar unha actuación por cada epígrafe. O investimento máximo subvencionable por beneficiario será de 56.300,00 € (IVE excluido), e a porcentaxe de subvención do 70 %. No caso de que o local onde se desenvolve a actividade estea situado nos concellos que se indican a continuación, a porcentaxe de subvención será do 75 %.
• Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: concellos da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.
• Concellos da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.
• Concellos da provincia de Lugo.
• Concellos da provincia de Ourense.
Para as federacións de comerciantes:
a) Para o desenvolvemento do m-commerce, aplicacións informáticas (apps) e webs para teléfonos móbiles. No deseño incluirase como mínimo: deseño gráfico da aplicación, desenvolvemento e a publicación nas plataformas, así como os idiomas. Deberán incluir actividades de promoción, publicidade, ofertas, etc.
Os proxectos que se implanten deberán implicar polomenos 50 establecementos comerciais.
Investimento máximo subvencionable: 7.100,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
Cada federación só poderá presentar a solicitude para unha aplicación informática (apps).
Para as asociacións profesionais de artesáns:
a) Sistemas que engadidos ao produto ou ao seu packaging ou envase completen a información deste, sinalando o proceso de elaboración, a historia, a rastrexabilidade ou outros valores engadidos.
Neste caso os proxectos que se implanten deberán implicar polomenos 20 obradoiros.
Investimento máximo subvencionable: 121.500,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
b) Proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.
Investimento máximo subvencionable: 93.000,00 €.
Porcentaxe subvencionable: 70 %.
Para as actuacións desta epígrafe o investimento máximo subvencionable por beneficiario será de 214.500,00 € .
En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Así mesmo, non serán subvencionables os seguintes conceptos:
– Obras para o acondicionamento do local.
– Medidas orientadas á mellora de imaxe exterior.
– Adquisición de moblaxe e equipamento dedicado ao desenvolvemento da actividade.
– Ordenadores, TPV.
– Bolsas convencionales.
– Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, así como as federacións de comerciantes e as asociacións profesionais de artesáns, que en todos os caso cumprirán ademais os seguintes requisitos:
a) Comerciantes retallistas.
– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na Comunidade Autónoma.
– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
– Que estea dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que este constitúa a actividade principal do solicitante.
– Que figuren inscritos no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
b) Titulares de obradoiros artesanais.
– Que o obradoiro artesán figure inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no momento da convocatoria desta orde.
– Que fagan uso da marca Artesanía de Galicia.
c) As federacións de comerciantes sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que figuren inscritas no Rexistro Galego de Comercio
d) As asociacións profesionais de artesáns de Galicia legalmente constituídas.
– Que alomenos 10 dos seus membros figuren inscritos no Rexistro Galego de Artesanía.
Non poderán ser beneficiarios/as destas axudas as empresas en crise, conforme á definición prevista no artigo 1 número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en Crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.

Solicitudes
1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indica na convocatoria. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:
1.1. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante (orixinal ou copia compulsada) que deberá estar en vigor:
Se é unha persoa física:
– Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade ou numero de identificación de estranxeiro.
No caso de persoa xurídica:
– Número de identificación fiscal.
– Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
– Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade e documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración do representante legal da entidade solicitante.
No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica:
– Número de identificación fiscal.
– Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
Deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
No caso de federacións de comerciantes ou asociacións profesionais de artesáns:
– Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.
– Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, xunto co seu documento nacional de identidade, só no caso de non autorizar a súa verificación.
– Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da federación ou asociación profesional de artesáns que acredite o número de asociados que a integran.
– No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.
– Para as federacións de comerciantes, informe da mesa local de comercio correspondente, relativo á solicitude de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3 b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.
1.2. No caso de comerciantes retallistas, certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen os epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.
1.3. Certificacións emitidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
As certificacións indicadas nos puntos 4.1.2 e 4.1.3 só deben presentarse no caso de que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que a solicite de oficio. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o devandito documento sen compulsar.
1.4. No caso de comerciantes retallistas, documentación acreditativa do número de traballadores (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.
1.5. Proxecto e memoria de viabilidade de cada unha das actuacións para as cales se solicita subvención, que incluirá a súa descrición, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.
1.6. Facturas ou, no seu defecto facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (considéranse contratos menores os contratos de importe inferior a 50.000 euros, cuando se trate de contratos de obras, ou a 18.000 euros, cando se trate doutros contratos), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización a Dirección Xeral de Comercio e xustificar as razóns do cambio.
Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:
a) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.
b) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados polo solicitante para a realización do proxecto.
c) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, cando a elección do provedor non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante, salvo cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.
Non existe deber de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta economicamente máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.
As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.
1.7. Para os efectos sinalados no artigo 10 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación, que en ningún caso, será obxecto de requirimento:
Para os comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesanais:
– Certificado de pertenza a unha asociación de comerciantes ou artesáns.
– Xustificación de ter implantada na súa páxina web a venda en liña.
Para as federacións de comerciantes ou asociacións profesionais de artesáns:
– Certificación emitida pola persoa que exerza a secretaría da entidade solicitante, onde se faga constar a relación de establecementos comerciais ou obradoiros artesáns que están implicados na implantación do proxecto.
– No caso de que o proxecto implique o establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases, embalaxes, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental, certificado emitido pola secretaría da entidade.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude (anexo IV) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte (01 de setembro de 2014).

Información aos interesados
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201H, poderase obter información a través dos seguintes medios:
1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo:
https://sede.xunta.es
2. Páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria:
http://economiaeindustria.xunta.es, na súa epígrafe de axudas.
3. Nos teléfonos 981 54 55 25 ou 881 99 94 81 da Dirección Xeral de Comercio.
4. No enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
5. Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (dedde o resto do Estado: 902 12 00 12).
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Máis información no seguinte DOG.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>