Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica
Axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica PDF Imprimir Correo-e
Luns, 04 Agosto 2014 09:11

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 22 de xullo de 2014, Instituto Enerxético de Galicia, do  pola que se regulan e se convocan as axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica, a través do tícket eléctrico social de Galicia durante o primeiro semestre de 2014, ás familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos non superen o IPREM.

O obxecto desta resolución é regular a convocatoria de axudas para a concesión do tícket eléctrico social para o primeiro semestre de 2014 familias en que convivan fillos menores de 18 anos e nas cales a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio.

Tipo de axuda
1. A axuda consiste nunha cantidade fixa semestral que ten por obxecto contribuír ao pagamento da factura eléctrica daquelas familias con fillos menores a cargo, cuxos ingresos totais durante o ano 2013 non superen o IPREM. A contía da axuda non poderá superar o importe da factura eléctrica pagada durante o semestre.
2. Establécese unha cantidade de 45 € ao semestre para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, incrementándose esta cantidade ata 60 € para as que acrediten ser familia numerosa.

Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado da subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:
1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Ter fillos menores a cargo.
3. Estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora.
4. Non superar os límites de renda establecidos no artigo anterior.
5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 do xuño, de subvencións.
6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.
Colaboración cos servizos sociais municipais básicos
1. No artigo 84.2.a da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, establécese que lle corresponde aos concellos a detección das persoas en situación de exclusión e o asesoramento e información sobre os recursos existentes. Deste xeito, os servizos sociais municipais asesorarán e colaborarán cos solicitantes na presentación telemática das solicitudes.
2. Así mesmo, para o suposto en que o peticionario da axuda non teña capacidade técnica ou económica ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público do concello correspondente, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 22 da Lei 11/2007. Para tal fin, o peticionario deberá outorgar a preceptiva autorización no modelo normalizado establecido no anexo III.
3. O solicitante da axuda declara no anexo I que os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2013 non superan o IPREM. Esta declaración responsable deberá vir acompañada dun informe de valoración da situación de necesidade emitido polos servizos sociais comunitarios básicos municipais.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e desde a páxina web do Instituto Enerxético de Galicia,
http://www.inega.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
2. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade do orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
4. O prazo de presentación será de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
5. A presentación fóra de prazo da solicitude, así como a presentación de máis dunha solicitude por unidade familiar, implicará a súa inadmisión.

Documentación que se debe presentar coas solicitudes
A documentación que se debe presentar xunto coa solicitude (anexo I) debidamente cuberta é a seguinte:
1. No caso de non autorizar a consulta de datos por parte da Xunta de Galicia no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, copia dixitalizada do documento de identidade en vigor da persoa solicitante, e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non autorizar a consulta a través do anexo II (Autorización dos restantes membros da unidade de convivencia para a verificación de datos de identidade).
2. Autorización aos servizos sociais municipais do concello para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao ticket eléctrico social de Galicia (anexo III).
3. Informe emitido polos servizos sociais municipais básicos sobre as necesidades económicas da unidade de convivencia.
4. Copia dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a súa situación familiar.
5. Certificado de empadroamento da persoa solicitante durante os seis primeiros meses do ano 2014.
6. Facturas emitidas no exercicio 2014 en concepto de subministración eléctrica correspondentes á vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda, e xustificantes de pagamento.
7. Certificado de convivencia.
8. Copia do título de familia numerosa no caso en que o dito título non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou no caso en que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante non autorice a súa consulta.
9. No caso de arrendamento, e sempre que o arrendatario se faga cargo dos gastos de electricidade, achegarase o contrato de arrendamento correspondente.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>