Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural
Axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Outubro 2014 08:51

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 26 de setembro de 2014, Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 e se convocan para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a silvicultura en bosques no medio rural e proceder á súa convocatoria para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva. O disposto nesta orde será de aplicación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarios ou titulares dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poderen acceder a estas subvencións, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Actuacións obxecto de axuda e importes
Os cinco tipos de actuacións obxecto de axuda e os importes por actuación son os seguintes:
1. Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm e razón media altura a diámetro menor de 90.
a) Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm que acaden unha densidade final entre 900 e 1.100 pés/ha: 1.031,41 €/ha.
b) Trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.
No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas deste número poderán incrementarse nun 20 %.
Non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura, nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa, no caso que o rareo se realice totalmente de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.
2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas:
a) Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas: 515,16 €/ha.
b) Primeiras podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m e máxima de 3 m, con diámetro normal medio comprendido entre 7 e 15 cm, unha altura media entre 4 e 7 m e cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 1.200 pés/ha: 605,70 €/ha.
c) Podas altas en masas de coníferas de elevada calidade con menos de 23 cm de diámetro normal, ata unha altura mínima de 4 m e máxima de 6 m cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 750 pés/ha, con poda de como mínimo 350 pés/ha homoxeneamente distribuídos, sempre que se xustifique debidamente no proxecto que estes pés son para a corta final con destino á serra: 777,40 €/ha.
d) Trituración de restos de poda, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.
No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas deste número poderán incrementarse nun 20 %.
Dentro deste número, terá que solicitarse obrigatoriamente a poda (2.b ou 2.c), e pódese solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas (2.a). Non se solicitará na mesma superficie a poda baixa ata 2-3 m (2.b) e a poda alta ata 4-6 m (2.c).
3. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m:
a) Rozas: 696,73 €/ha.
b) Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 508,40 €/ha.
c) Selección de abrochos: 694,87 €/ha.
d) Rareos: 837,08 €/ha.
Dentro deste número, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212,00 €.
4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:
a) Rozas: 696,73 €/ha.
b) Podas: 661,40 €/ha.
c) Tratamento fitosanitario: 131,87 €/ha.
d) Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro resistente á tinta: 194,77 €/ha.
Dentro deste punto poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie, sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544,00 €.
5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade para serra ou chapa, en quendas de 25 anos.
a) Poda en plantacións de eucalipto, cunha altura media de 8 metros e unha densidade máxima de 1.200 pés/ha, con poda dun mínimo de 450 pés /ha e un máximo de 600 pés/ha, homoxeneamente distribuídos, elixidos entre os mellor conformados, e ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros, non superando o diámetro das polas podadas os 3 cm: 792,24 €/ha.
b) Rareo en plantación de eucalipto de todos os pés non podados na alínea a) ata deixar unha densidade máxima despois da clara de 600 pés/ha, incluída a extracción ou eliminación de restos: 627,82 €/ha.
c) Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos en terreos nos cales nos últimos 5 anos se realizou unha corta total da masa e a altura media dos abrochos existentes non supera os 8 metros, ata acadar unha densidade final mínima de 600 abrochos/ha e máxima de 816 abrochos/ha, homoxeneamente distribuídos, elixidos entre os mellor conformados, deixando un só abrocho por cepa: 694,87 €/ha.
d) Poda de abrochos de eucalipto, ó ano seguinte o de realizarse unha selección de abrochos (c), con poda da totalidade dos abrochos existentes ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros: 792,24 €/ha.
No caso de solicitarse axuda para a alínea a) é obrigatorio solicitar a alínea b) para a mesma superficie; non se pode solicitar a alínea b) unicamente.
No caso de solicitarse axuda para a alínea c) é obrigatorio solicitar a alínea d) para a mesma superficie; non se pode solicitar a alínea d) unicamente.
As actuacións indicadas nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deste artigo non poderán solicitarse sobre unha mesma superficie.
Poderanse subvencionar os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo VIII de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.
Non se poderán solicitar as mesmas actuacións sobre superficies xa subvencionadas nas convocatorias de axudas dos anos 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2012 e 2013.
O IVE non é subvencionable.

Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 22 de xuño, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
4. Neste modelo formalizado de solicitude inclúese unha declaración, ao abeiro do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, na cal o solicitante declara baixo a súa responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude/declaración son certos, sen prexuízo da presentación da xustificación acreditativa dos requisitos que nela se reflicten, con anterioridade á proposta de resolución da concesión.
Entre outros datos, esta declaración inclúe:
• Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común, a declaración responsable de ser o titular da propiedade.
• Se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.
• Se na superficie de actuación existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, que regula o Decreto 232/2008, do 2 de outubro.
• Se a superficie de actuación está dentro da Rede Natura 2000.
5. O solicitante fará constar na solicitude se a superficie de actuación comprende calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal.
Nestes casos, solicitarase de forma interna antes da aprobación da axuda, informe ao órgano competente por razón da materia. No caso de que o dito informe sexa desfavorable non se admitirá a trámite a solicitude de axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun instrumento de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente.
Non se poderá conceder axuda sobre terreos que conteñan hábitats prioritarios.
6. Deberán presentar a solicitude correctamente completada conforme o anexo I. A solicitude terá a consideración de declaración responsable. Os datos da solicitude que se citan a seguir son esenciais para a súa priorización, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar a inadmisión da solicitude, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que der lugar.
– Datos da persoa solicitante.
– Datos do tipo de solicitante.
– Outros datos.
– Tipo de actuación e datos do investimento.
– Datos Sixpac.
Os datos que non veñan recollidos na solicitude non se terán en conta na priorización.
7. Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos.
Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://emediorural.xunta.es/oav.

Prazos

1. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.
2. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se atopen nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase empregar un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos. En cada impreso de solicitude unicamente se poderá solicitar axuda para un só tipo de actuación dos contidos no artigo 5.
3. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da aprobación da axuda.

Documentación

1. Documentación que se presentará xunto coa solicitude (anexo I):
a) Documentación xeral:
a.1) Fotocopia do DNI, NIF do solicitante, do representante deste e dos membros que constitúen os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou as comunidades de bens, só no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009.
b) Documentación específica:
b.1) Para agrupacións formalmente constituídas en trámites de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentase debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo II ou acordo de cesión.
b.2) Para proindivisos, de varas, fabeo, voceiros, de voces, abertais e comunidade de bens presentarase debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo III (acordo de compromisos e obrigas).
2. Documentación que se presentará unha vez que sexa requirido pola Administración de acordo co establecido no artigo 14.4 desta orde:
a) Documentación xeral:
a.1) Documentación acreditativa dos méritos reflectidos na declaración xurada.
a.2) As comunidades de montes veciñais en man común, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, proindivisos, de varas, abertais, de voces, vocerío, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar o proxecto e unha copia en soporte informático (PDF ou similar), asinado por un enxeñeiro de montes ou un enxeñeiro técnico forestal, e o nomeamento do director de obra.
a.3) Documento descritivo das actuacións, ou anexo V, no caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas.
a.4) Unha copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos.
a.5) No caso de axudas para tratamentos silvícolas en masas de eucalipto: anexo VI (compromiso de mantemento de masas de eucalipto).
b) Documentación para comunidades de montes veciñais en man común:
b.1) Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade para pedir axudas á Consellería do Medio Rural e do Mar para a execución das accións obxecto da solicitude.
b.2) Certificado de ingresos e reinvestimento en melloras no monte veciñal en man común (anexo IV).
c) Documentación complementaria:
c.1) Para agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas: NIF e documento acreditativo de constitución onde conste as persoas que forman parte da sociedade ou agrupación.

A agrupación deberá estar de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo concedido no requirimento para achega da documentación acreditativa dos méritos.
c.2) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.
c.3) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.
c.4) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.
c.5) No caso dos proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo e as comunidades de bens, deberase presentar a xustificación acreditativa da representación na persoa designada na solicitude mediante constancia fidedigna en documento público ou comparecencia persoal ante un funcionario desta administración pública.
c.6) Para todos: certificado ou informe do concello correspondente no cal se indique a clasificación urbanística do solo.
c.7) Para todos: declaración responsable en que se relacionen as parcelas Sixpac, a súa clasificación catastral e a urbanística para a superficie para a cal solicitan a axuda.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>