HomeCidadeNovas O Concello de Verín garante o abastecemento de auga potable en todos os núcleos rurais do municipio
O Concello de Verín garante o abastecemento de auga potable en todos os núcleos rurais do municipio
Mércores, 07 Xullo 2021 09:38
O Concello de Verín ultima unha serie de obras de mellora da rede de abastecemento de auga potable -así como a instalación de novas infraestruturas- nos seus núcleos rurais, coa finalidade de garatir o servizo a toda a veciñanza.
Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, ditas actuacións realízanse coa finalidade de «blindar» o acceso a este servizo básico, en todas as parroquias, «sexa ou non a súa rede de abastecemento de titularidade municipal, adiantándonos á posible seca que se prevé poida producirse ao longo da época estival».
«Nalgunhas destas parroquias», lembrou Seoane, «autoabastecíanse a través de pozos privados ou directamente do propio río, xerándose con frecuencia dificultades para garantir a auga potable en cantidade e calidade suficiente».
Así pois, atendendo ás súas necesidades específicas, realizáronse diferentes accións nos núcleos rurais que así o necesitaban:
Mourazos: construción de dous novos pozos subterráneos de captación de auga potable con abastecemento eléctrico e sistema de bombeo.
Tamaguelos: construción dun novo pozo subterráneo de captación de auga potable con abastecemento eléctrico e sistema de bombeo.
Feces de Cima: construción dun novo deposito de auga, así como do seu conduto desde a captación.
A Rasela: Debido a problemas de subministración co seu antigo depósito, realizouse a conexión á rede de abastecemento do núcleo urbano de Verín (xestionada pola empresa Espina y Delfín).