O Concello de Verín felicita ao Verín C.F. polo seu ascenso a Preferente Sur Galicia |
Sábado, 11 Maio 2024 12:22 |
Nun emocionante encontro que tivo lugar onte pola tarde, unha parte representativa do equipo de Goberno do Concello de Verín, encabezada polo alcalde Gerardo Seoane Fidalgo e o seu tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo Moura, deron a benvida oficial na Casa Consistorial aos xogadores, corpo técnico e directiva do Verín C.F. tras o seu exitoso ascenso a Preferente Sur de Galicia e proclamación como campións de liga, acadado o pasado domingo en Melias. O alcalde Gerardo Seoane Fidalgo expresou a súa máis sincera noraboa ao Verín C.F. por este importante logro deportivo, destacando o esforzo, a dedicación e o compromiso demostrados por cada un dos integrantes do equipo. «É un orgullo para a nosa vila contar cun equipo tan talentoso e entregado como o Verín C.F. Este ascenso é o froito do traballo arduo e da paixón polo fútbol que demostran todos e cada un deles en cada partido», afirmou o alcalde. Do mesmo xeito, Seoane Fidalgo reafirmou o compromiso do Concello de Verín de brindar «todo o apoio posible» ao Verín C.F. e ao deporte local en xeral. «Desde o Concello, estaremos sempre ao carón do Verín C.F. e de todos os equipos e deportistas locais, para apoialos no seu crecemento e desenvolvemento», declarou o alcalde, resaltando a importancia do deporte como motor de unidade e benestar na comunidade. |