Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro actúa sábado 29 de xuño na Praza García Barbón |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 27 Xuño 2024 12:18 |
A Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, entidade sen ánimo de lucro comprometida coa recuperación e promoción da cultura tradicional galega, ofrecerá un espectáculo o vindeiro sábado 29 de xuño, ás 12:00 da mañá, na Praza García Barbón. O mesmo está enmarcado no programa Danza3, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais. Desde a súa fundación en 1996, O Fiadeiro ten traballado arduamente na preservación dos bailes, músicas e cantares dos nosos devanceiros. O seu obxectivo principal é transmitir esta rica tradición ás novas xeracións, organizando diversos espectáculos que levan ós escenarios a música, os cantares e as danzas tradicionais galegas, froito dun constante traballo de investigación etnográfica e de campo. Cada presentación está deseñada para ter un compoñente didáctico, vinculando as escenas ós usos e costumes tradicionais do noso pobo en diferentes épocas. Nesta ocasión, o grupo de baile e música de O Fiadeiro mostrará o seu amplo repertorio nun espectáculo único, que durará unha hora. O mesmo, composto por pezas e bailes do seu propio arquivo, será adaptado ás necesidades do momento, creando unha experiencia espontánea única e persoal para o público; conseguindo que ningún espectáculo sexa igual a outro. Para este evento, O Fiadeiro contará có grupo de baile, o grupo de pandereteiros, pandereteiras e a súa charanga, quen animarán á xente a participar e a observar a riqueza do noso patrimonio inmaterial. Os temas que interpretarán serán variados en canto a ritmos e formacións, garantindo unha experiencia vibrante e diversa. Sobre a Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro: A Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro naceu no ano 1996 co obxectivo de recuperar e promover a cultura tradicional galega. A través dos seus grupos de baile e música tradicional, traballa incansablemente para preservar e transmitir ás novas xeracións as tradicións dos nosos devanceiros. Danza 3. Espectáculos de música e baile tradicional Por 12º ano consecutivo, AGADIC organiza o programa Danza 3, que sairá ao encontro da cidadanía co fin de continuar impulsando a proxección social do rico patrimonio inmaterial que atesouran a música e o bailes tradicionais de Galicia, así como do indispensable labor de investigación, conservación, formación e divulgación arredor do noso folclore que levan a cabo este tipo de agrupacións. En 2024, as actuacións concentraranse entre os meses de abril e setembro nos concellos de Abegondo, Agolada, Betanzos, Boqueixón, Cangas, O Carballiño, Dumbría, Marín, Meira, Melide, Oroso, Ortigueira, Ribadavia, Ribadeo, O Valadouro, Vedra, Verín e Vilanova de Arousa: |