"Maiores pola Igualdade" no Centro de Día Solleira |
Xoves, 24 Outubro 2024 15:23 |
No marco do programa “Cara a conquista do Benestar” do Voluntariado Sénior de Benestar Social, tivo lugar hoxe unha nova actividade que puxo o foco na igualdade de xénero, baixo o nome de “Maiores pola Igualdade”. O evento, dirixido aos usuarios do Centro de Día Solleira, contou coa participación de oito voluntarios que dinamizaron unha xornada chea de aprendizaxe e reflexión. Entre as actividades destacadas, celebrouse un xogo de pasapalabra, chamado “pasaSolleira”, no que as preguntas estaban relacionadas coa igualdade de xénero. A dinámica consistía en definir termos e buscar respostas que os nosos maiores puidesen recoñecer, partindo pola letra A e rematando na Z, cun único erro na letra R. Ademais, realizouse un segundo xogo titulado “Os obxectos teñen xénero?”, no que se presentaban obxectos como un balón, unhas bonecas ou unha tixola, e os participantes debían reflexionar sobre quen os utilizaba tradicionalmente —homes, mulleres ou ambos— e quen os utiliza na actualidade. O xogo xerou un interesante debate no que moitos maiores compartiron experiencias da súa xuventude, resaltando os cambios nas relacións de xénero ao longo dos anos. A concelleira responsable da área de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez, saientou a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero nos procesos de amigabilidade do municipio, «co fin de que as iniciativas emprendidas teñan un impacto positivo tanto en homes como en mulleres de idade avanzada».
|