AEVER presenta a súa campaña de dinamización do comercio no Nadal |
Mércores, 18 Decembro 2024 13:25 |
Esta mañá tivo lugar na sede da Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) a presentación oficial da campaña "Dinamización Comercial no Nadal", unha iniciativa destinada a fomentar as compras no comercio local e a dinamizar a vida cultural e económica da vila durante as festas. No acto participaron Santos Álvarez, presidente de AEVER; José Ángel Rodicio, xerente da asociación; e Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude do Concello de Verín. Durante a presentación, destacaron as principais actividades da campaña, que buscan potenciar o atractivo comercial e cultural de Verín nestas sinaladas datas. A Gala de Nadal AEVER-CCU Verín: unha tarde máxica para toda a familia O evento estrela da programación ofertada por AEVER será a Gala de Nadal, que se celebrará o mércores 2 de xaneiro, ás 17:30 horas no Pavillón Deportivo de Verín. Esta gala, xa consolidada como unha tradición na vila, busca ofrecer unha experiencia inesquecible para toda a familia, mesturando cultura, diversión e apoio ao comercio local. Un elenco artístico de luxo: Isabel Risco será a presentadora da gala. A coñecida actriz e humorista galega, famosa polas súas aparicións en programas como Land Rober ou Os Tonechos, promete un fío condutor cheo de humor para todos os públicos. A súa enerxía e capacidade para conectar co público aseguran unha tarde de risas e entretemento. O Mago Teto, un dos ilusionistas máis queridos de Galicia, levará ao escenario a súa habilidade única para a maxia, combinada co seu característico sentido do humor. Tanto pequenos como maiores quedarán abraiados cos seus trucos. Sue Moreno, acróbata de renome no circo contemporáneo, traerá un espectáculo de acrobacias aéreas que desafía a gravidade. Cunha posta en escena impactante e cargada de emocións, Sue Moreno non deixará ao público indiferente. Cé Orquestra Pantasma, poñerá a nota musical cun show cheo de enerxía e bo humor. Cun sorprendente dominio dunha ampla variedade de instrumentos, este músico unipersoal conectará coa tradición popular, ofrecendo un percorrido sonoro único e inesquecible. Ademais, haberá sorpresas especiais, como a visita do Ratiño Pérez, que se achegará a saudar aos cativos e cativas da vila para recordarlles a importancia de lavar ben os dentes despois de comer os doces do Nadal. A entrada á gala será gratuíta para aquelas persoas que realicen compras nos establecementos asociados a AEVER-CCU Verín. Os tíckets poderán recollerse nos comercios participantes, promovendo así as compras no comercio local durante o Nadal. Comercio aberto o 5 de xaneiro: A maioría dos comercios locais abrirán as súas portas o domingo 5 de xaneiro para facilitar as compras de última hora. Ademais, sortearanse catro cheques regalo de 50 € cada un entre os clientes que presenten os seus tíckets de compra a través dun formulario dispoñible na web de AEVER. A campaña, organizada por AEVER en colaboración co Concello de Verín e cofinanciada pola Xunta de Galicia, busca reforzar os lazos entre a comunidade e o comercio local. «O comercio local non e? so? un motor económico, tamén e? parte da nosa identidade como vila, e queremos que o cidadanía vexa en Verín un espazo completo poro vivir, comprar e desfrutar», destacou Rodicio, presidente de AEVER. Dende o Concello de Verín, Manuel Lorenzo subliñou que «esta campaña de AEVER é un exemplo máis do seu compromiso por dinamizar o tecido económico local e ofrecer actividades e accións que reforzan o sentido de comunidade en Verín». |