Presentado o cartel do Entroido de Verín 2025: "O Noso, Sempre" do artista local Álex Araújo |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 16 Xaneiro 2025 15:15 |
Esta mañá presentouse en rolda de prensa o cartel do Entroido de Verín 2025, unha obra que reflicte a autenticidade e as raíces dunha das celebracións máis emblemáticas de Galicia. O acto contou coa participación de Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Turismo e Festexos, e do artista local Álex Araújo, creador do cartel, coñecido artísticamente como "axtriplicado". Baixo o lema "O Noso, Sempre", o cartel simboliza o orgullo e a fidelidade ás tradicións do Entroido de Verín. ”Queremos poñer o foco naquilo que nos fai únicos e que atrae a persoas de todas partes á nosa celebración. Este cartel é unha homenaxe á nosa identidade e ás figuras que fixeron, e fan, grande este Entroido”, destacou Barreira durante a súa intervención. A obra de Álex Araújo incorpora, ademáis da figura do tradicional Cigarrón, personaxes icónicos como Helena, a Raíña do Entroido; Pilís; Pesca; Toño Cesteiro;e o Tarrío, entre outros, así como unha referencia especial ao seu propio pai, Carlos Araújo, outra das figuras destacada do entroido de Verín. O artista explicou o proceso creativo que o levou a dar forma a este cartel: “Traballei sobre lenzo, utilizando diferentes técnicas (como acrílico, sprai, carboncillo, ceras ou rotulador), ata chegar ao que quería representar; usando incluso a modo de pincel elementos propios do Entroido como o látego, o pompón ou o ganchillo do traxe de cigarrón. Este cartel está cheo de detalles e significados que convidan a deterse e gozar de cada elemento”. O cartel non só destaca polo seu colorido e alegría, senón tamén pola narrativa visual que rende homenaxe ao labor de tantas persoas que contribuíron ao legado do Entroido de Verín. O artista tamén anunciou que está a traballar noutros cadros que representarán personaxes que non puideron incluírse nesta ocasión, asegurando que todos teñan o seu espazo na arte. En coherencia coa aposta polo talento local, a elección de Álex Araújo como creador do cartel reforza o compromiso do Concello de Verín cos seus artistas. A concelleira subliñou: “O noso Entroido é unha celebración que vai máis alá dunha festa. É un acto de recoñecemento e orgullo cara a quen nos legaron estas tradicións”. A creatividade do cartel, que estará dispoñible en diversos formatos, como camisetas e sudadeiras e pegatinas, promete converterse nunha peza simbólica para todos os amantes do Entroido. |