Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Pleno Extraordinario Urxente
Pleno Extraordinario Urxente PDF Imprimir Correo-e
Luns, 27 Xaneiro 2025 20:30

O Salón de Plenos Municipal acolleu esta mañá a celebración dunha sesión extraordinaria urxente do pleno municipal. Esta convocatoria, de grande relevancia para o futuro económico da vila, tivo como principal obxectivo o debate e aprobación do Orzamento Municipal para o exercicio 2025, un instrumento clave para garantir a sustentabilidade financeira e a prestación de servizos á cidadanía.


A orde do día incluíu tamén varios puntos: a aprobación da acta da sesión anterior, o peche e liquidación do orzamento correspondente ao ano 2023, e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida de lixo e residuos sólidos urbanos.

Unha das cuestións fundamentais a tratar na sesión plenaria será o peche e liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2023, un paso necesario para avaliar a situación económica actual do Concello e establecer as bases do novo orzamento.

O balance económico do 2023 reflicte o esforzo realizado pola administración local para manter un equilibrio financeiro, pese aos retos derivados do contexto económico xeral. O Concello de Verín acadou unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles, priorizando proxectos clave e garantindo a continuidade dos servizos esenciais. Este punto foi ratificado con 13 votos a favor (8 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 4 votos en contra do Partido Popular.

Por outra banda, o orzamento para 2025 ascende a 14.736.939,18 euros, garantindo o equilibrio entre ingresos e gastos municipais. Este documento financeiro prioriza áreas estratéxicas como os servizos sociais (nos que se inclúe a creación da nova escola infantil), a conservación do medio ambiente, rehabilitacións (Edificio histórico Recaredo, Lonxa Agropecuaria e o Edificio histórico de Fontenova), a promoción cultural e deportiva, así como a atención ás necesidades básicas da poboación.  Este punto foi aprobado con 13 votos a favor (8 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 4 votos en contra do Partido Popular.

Outro punto central da sesión foi a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida de lixo e residuos sólidos urbanos. Esta modificación introduce un modelo de pago por xeración de residuos, no que os cidadáns pagarán en función da cantidade de lixo que xeren, promovendo prácticas máis sostibles e responsables.

Segundo o novo esquema proposto, o custo trimestral para as vivendas situadas no núcleo urbano de Verín será de 23,50 euros, mentres que as vivendas en áreas rurais pagarán unha taxa reducida de 16,50 euros. Pola súa banda, os establecementos comerciais e industriais verán adaptadas as súas taxas en función da súa categoría e localización. Así, os comercios e actividades de primeira categoría no núcleo urbano afrontarán un custo de ata 140,50 euros trimestrais, mentres que os establecementos máis pequenos e situados en núcleos rurais terán taxas máis baixas. Esta medida busca non só equilibrar os custos operativos do servizo de recollida de residuos, senón tamén incentivar unha maior reciclaxe e a redución de residuos, de acordo cos principios de economía circular.

O Concello de Verín considera que esta iniciativa contribuirá a optimizar os recursos e fomentar hábitos máis responsables na xestión dos residuos por parte de todos os cidadáns. Devandita modificación aprobouse con 13 votos a favor (8 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 4 votos en contra do Partido Popular

 

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>