Telecomunicacións e compras en liña, os sectores con máis reclamacións na OMIC de Verín en 2024 |
![]() |
![]() |
![]() |
Venres, 31 Xaneiro 2025 13:14 |
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Verín presentou o seu balance anual, no que destaca que as telecomunicacións e o comercio electrónico continúan sendo os sectores que xeran máis reclamacións, consultas e mediacións por parte da veciñanza da vila do Támega.
O ámbito das telecomunicacións (telefonía fixa, móbil e internet) segue liderando o número de queixas, cun total de 362 reclamacións. Os principais motivos son o incumprimento de ofertas prometidas verbalmente, a falta de envío do contrato coas condicións pactadas, facturacións incorrectas, cargos inxustificados e deficiencias no servizo. O comercio electrónico experimentou un notable incremento en reclamacións, con 167 casos rexistrados. Os problemas máis habituais inclúen: non recibir o produto adquirido, falta de stock sen devolución do diñeiro ou cobros indebidos por devolucións tras o desistimento, atrasos na devolución do importe ou desaparición da web vendedora. En moitos casos, non foi posible formalizar unha reclamación debido á falta de información sobre a empresa na páxina web, especialmente cando se trata de comercios fóra da Unión Europea. Dende a OMIC recoméndase comprobar sempre os datos da empresa antes de realizar unha compra, así como optar por métodos de pago seguros, como tarxetas prepago.c «Algúns dos fraudes detectados inclúen a compra dunha tesoira podadora que resultou ser un maletín de accesorios de xoguete, unha motoserra de 3000W que en realidade era de 500W, ou a adquisición dun móbil e foi entregada unha batería e unha botella de auga», explican desde a OMIC. Outro dos problemas detectados foi a proliferación de mensaxes SMS fraudulentos, nos que se suplanta a identidade de organismos oficiais como Correos ou a Axencia Tributaria, solicitando datos bancarios ou acceso a ligazóns sospeitosas. Dende a OMIC lembran non acceder nunca a estas ligazóns nin proporcionar información persoal. Fronte a estes problemas, a OMIC subliña a seguridade que ofrece o comercio local, onde as reclamacións son mínimas. En caso de conflitos, apóstase pola mediación para acadar solucións de forma áxil, confidencial e beneficiosa para ambas as partes. Outros sectores reclamados O terceiro sector con máis reclamacións foi o eléctrico, con 55 casos, principalmente por problemas de facturación, cambios non autorizados da comercializadora e cobros indebidos de servizos de mantemento. Ademais, rexistráronse queixas en sectores como seguros, banca, mensaxería, liñas aéreas e reparación de vehículos, cun total de 48 reclamacións. Outras áreas afectadas foron centros de estética, tendas de calzado, tinturarías, ximnasios, residencias de anciáns, gasolineiras, tendas de mobles, electrodomésticos e clínicas privadas. Cada vez son máis os veciños e veciñas que fan uso da Oficina Municipal de Información ao Consumidor de Verín, dependente da área de Benestar Social do Concello, destacando o seu labor na axilización de reclamacións e na defensa dos dereitos dos consumidores. |