Verín acollerá a I Feira de Orientación Profesional para estudantes de secundaria |
![]() |
![]() |
![]() |
Martes, 11 Febreiro 2025 14:50 |
Verín acollerá o próximo 13 de febreiro a I Feira de Orientación Profesional, unha iniciativa novidosa organizada grazas á colaboración entre os Departamentos de Orientación dos tres centros públicos de secundaria da vila (IES Castro de Baronceli, IES Xesús Taboada Chivite e IES García Barbón) e a Dinamizadora da Relación con Empresas na FP do IES García Barbón. O evento desenvolverase no Auditorio de Verín en horario de mañá e está dirixido ao alumnado de 4º de ESO, 2º de FPB, Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría e 2º de Bacharelato dos centros organizadores; ademais de estudantes de 4º de ESO dos centros concertados CPR María Inmaculada e CPR Mercedarios. Hoxe tivo lugar a presentación oficial desta iniciativa na Casa Consistorial de Verín, onde estiveron presentes Maite González, Dinamizadora da Relación con Empresas na FP do IES García Barbón; Paloma Conde-Corbal, orientadora do IES Castro de Baronceli; Lucía López, orientadora do IES Xesús Taboada Chivite; Daniel Veiga, orientador do IES García Barbón; e Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Festexos e Turismo. A feira nace coa vocación de proporcionar ao alumnado información de primeira man sobre as diferentes opcións formativas e laborais dispoñibles. Nun momento crucial para a toma de decisións sobre o seu futuro, os estudantes terán a oportunidade de explorar camiños formativos como a Formación Profesional, ensinanzas de réxime especial, as forzas armadas ou oposicións. Ademais, poderán acceder a información sobre recursos como o Centro Residencial de Ourense, as actividades da Cruz Vermella de Verín, o CIM da Mancomunidade e o Centro de Información Xuvenil. A inauguración institucional correrá a cargo da Directora Xeral de Formación Profesional, Dona María Eugenia Pérez Fernández, quen dará a benvida aos asistentes ás 9:30 horas. Un programa pensado para o alumnado A partir das 9:45 horas, varios estudantes compartirán as súa experiencias formativas e laborais, explicando as razóns que os levaron a optar pola Formación Profesional. Entre os participantes estarán: Isabel Morales Herrero (Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría); Diego Fernández Núñez (Ciclo Medio de Aceites de Oliva e Viños - Dual); Alejandro Justo Rodríguez e Mikel David Saldaña Cevallos (Ciclo Superior de Administración e Finanzas) e Bieito Barreira Barreira, emprendedor no rural. A segunda sesión, que terá lugar ás 11:00 horas, contará coa participación de profesionais dos Centros Integrados de Formación Profesional de Ourense (Portovello, A Carballeira, A Farixa e Vilamarín), que exporán a súa oferta formativa e as saídas académicas e laborais das distintas ensinanzas que imparten. Na terceira e última charla informativa, o Director da Oficina do Servizo Público de Emprego de Verín abordará a situación do mercado laboral na comarca e achegará consellos para afrontar con éxito a búsqueda de emprego.
A concelleira de Cultura, Festexos e Turismo, Samanta Barreira, destacou a importancia desta feira como "unha oportunidade única para que o noso estudantado coñeza de primeira man todas as posibilidades que ten ao seu alcance". Ademais, subliñou que "desde o Concello de Verín seguimos apoiando este tipo de iniciativas que fomentan a información, a formación e a empregabilidade da nosa mocidade". Espazo de participación e interacción Ademais das charlas, os asistentes poderán visitar distintos stands informativos onde obterán información detallada sobre as alternativas formativas e saídas laborais, ademais de presenciar demostracións prácticas. A I Feira de Orientación Profesional aposta pola participación activa do estudantado, promovendo un espazo de convivencia e aprendizaxe. O evento conta co apoio do Concello de Verín e Augas de Cabreiroá, ademais da colaboración desinteresada dos relatores, profesionais dos centros integrados e orientadores laborais. A organización agradece a implicación de todas as persoas que fan posible esta iniciativa, así como a asistencia do profesorado e estudantado que participará nesta primeira edición da feira. |