O Concello de Verín presenta as bases da segunda edición do concurso gastronómico “Pincha no Lázaro” |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 06 Marzo 2025 19:14 |
O Concello de Verín, a través da Concellería de Feiras, lanza por segundo ano consecutivo o concurso gastronómico “Pincha no Lázaro”, unha iniciativa que busca dinamizar o sector hostaleiro local e poñer en valor a creatividade culinaria dos establecementos da vila. O certame celebrarase os días 3, 4 e 5 de abril, coincidindo coa festividade do Lázaro 2025. Segundo explicou Manuel Lorenzo, responsable da área de Feiras, Transportes e Xuventude, esta segunda edición pretende consolidar o éxito acadado o ano pasado e seguir fomentando o turismo gastronómico en Verín. «O ano pasado a acollida foi extraordinaria, polo que queremos que este evento se converta nun referente anual para o sector hostaleiro e para todas as persoas que nos visitan durante estas datas», afirmou. Bases do concurso Poderán participar todos os establecementos hostaleiros de Verín, independentemente da súa categoría ou calificación. Para formalizar a inscrición, os interesados deberán enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou acudir presencialmente á oficina da OMIC (Casa da Xuventude). No momento da inscrición será necesario achegar o nome e dirección do establecemento, o nome e apelidos do/a xerente, un teléfono de contacto, unha fotografía do pincho a concurso, a lista de ingredientes empregados na súa elaboración e a denominación do prato. O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 12 de marzo ás 20:00 horas. Cada establecemento poderá presentar un único pincho, xa sexa frío ou quente, e o seu prezo deberá ser de 2,50 euros. O incumprimento desta condición levará á descalificación automática do concurso. Ademais, será obrigatorio indicar de forma visible os ingredientes empregados para previr posibles problemas relacionados con alerxias ou intolerancias alimentarias. O certame contará cun sistema de valoración dobre. Un xurado técnico, composto por profesionais do sector gastronómico, visitará os establecementos de forma anónima e puntuará os pinchos en función do seu sabor, presentación e dificultade de elaboración. Paralelamente, o público asistente terá a posibilidade de votar mediante papeletas, que deberán cubrir co seu nome e valoración do pincho e depositalas nun buzón habilitado en cada local participante. Finalizado o concurso, os operarios municipais procederán á recollida das urnas, e o reconto de votos realizarase o domingo 6 de abril. Ese mesmo día, ás 19:00 horas, farase público o fallo do xurado na Feira do Lázaro, onde se dará a coñecer o establecemento gañador do premio popular. Ademais, outorgaranse tres recoñecementos especiais aos mellores pinchos segundo o xurado técnico, distinguindo a mellor proposta en sabor, presentación e dificultade de elaboración. Entre todas as votacións do público, sortearanse tamén diversos premios para os clientes, que inclúen un bono de 100 euros para consumir nos establecementos participantes, un xamón e unha cesta con produtos típicos da comarca. A participación no concurso implica a aceptación íntegra das bases e do fallo do xurado, así como a autorización para a publicación das imaxes dos pinchos presentados a través dos medios e redes sociais do Concello de Verín. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello de Verín a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Podes consultar as bases completas na web do Concello de Verín. DESCARGA AQUI AS BASES DO CONCURSO "PINCHA NO LÁZARO" |