Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A carreira de obstáculos “a revolta irmandiña”: o desafío que une patrimonio, deporte e cultura
A carreira de obstáculos “a revolta irmandiña”: o desafío que une patrimonio, deporte e cultura PDF Imprimir Correo-e
Martes, 18 Marzo 2025 17:49

Verín e Monterrei acollerán o vindeiro 22 de xuño a primeira edición de "A Revolta Irmandiña", unha proba de obstáculos que vai máis alá do deporte e se converte nunha experiencia inmersiva na historia e na paisaxe da comarca. Organizada polo colectivo KTORCE, esta carreira de obstáculos inspírase na Revolta Irmandiña do século XV para ofrecer un percorrido con máis de 30 obstáculos, onde os participantes se enfrontarán a probas que evocan o espírito de resistencia e loita dos Irmandiños. Esta iniciativa está patrocinada pola área de Deportes da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os Concellos de Verín e Monterrei.



A presentación oficial do evento tivo lugar esta mañá na taberna Sousón, xestionada pola recoñecida chef verinesa Begoña Vázquez, situada no interior da fortaleza de Monterrei. No acto estiveron presentes representantes institucionais das entidades colaboradoras, entre eles Manuel Pérez González, xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Diego Enrique Álvarez Fernández, asesor de Política Deportiva da Deputación Provincial de Ourense; Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Verín; María Rosa González Rivero, concelleira delegada e Marcos Meno Méndez, responsable da área de Deportes do Concello de Monterrei. Tamén participou Jose Prado Sánchez, membro da organización do evento, quen destacou «a importancia desta iniciativa para dinamizar a comarca de Monterrei a través do deporte e a cultura».

Segundo explicou Jose Prado, a Carreira de obstáculos “A Revolta Irmandiña” ofrece dous percorridos, de 5 e 8 quilómetros, adaptándose a corredores de diferentes niveis. Ao longo destes tramos, os participantes atoparán obstáculos que terán que ir superando: saltos, cargas de pesos, arrastres, natación... E todo acontecerá en escenarios emblemáticos como o Castelo de Monterrei, o río Támega, viñedos, camiños de mortos e recunchos escondidos da contorna.

«É unha carreira pensada para desfrutala ao máximo e coñecer a fondo a nosa contorna. Queremos celebrar o noso e mostrarllo aos visitantes. Animamos a toda a xente a participar caracterizada de Irmandiña ou disfrazada para facer deste día un evento aínda máis divertido. Que ninguén quede na casa ese día por vagancia ou medo. A “Revolta Irmandiña” é para todos e todas!», enfatizou Prado Sánchez.

Máis ca unha carreira: unha experiencia completa

Alén da proba deportiva, a Carreira Irmandiña será unha verdadeira celebración da historia e cultura local. Haberá puntos de avituallamento especiais onde os participantes poderán aprender sobre o pasado da comarca, ademais de desfrutar de catas de produtos locais, música en directo e actividades paralelas para acompañantes. Con este enfoque, o evento busca converterse nun referente dentro das experiencias deportivas e culturais de Galicia.

Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Verín, destacou a importancia do evento como motor turístico e económico: "A Carreira Irmandiña non só é unha proba deportiva, e unha oportunidade única para que os participantes coñezan o noso patrimonio, os nosos espazos naturais e a nosa historia, facendo do deporte unha ferramenta clave para a dinamización da comarca». Tamén destacou que eventos como este «teñen un impacto directo no tecido económico local, xa que mobilizan a hostalaría, o comercio e outros sectores.

Manuel Pérez González, xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, destacou o carácter diferencial da proba: «Este evento e moito máis que unha carreira deportiva, esta iniciativa combina historia e cultura. O feito de inspirarse na Revolta Irmandiña dálle un valor engadido que a converterá nunha experiencia única. Confiamos en que esta sexa a primeira edición de moitas e que se consolide como un referente en Galicia».

Diego Enrique Álvarez Fernández, asesor de Política Deportiva da Deputación Provincial de Ourense, destacou o papel estratéxico do evento na proxección da comarca, resaltando que a súa capacidade para atraer participantes de toda Galicia e incluso doutros puntos do Estado supón unha oportunidade para fortalecer o tecido deportivo e turístico da provincia. «Queremos animar a deportistas de toda Galicia e mesmo a nivel estatal a descubrir esta proba. Monterrei e Verín teñen unha riqueza natural e turística inmensa, e esta carreira é unha oportunidade perfecta para poñela en valor», sinalou.

Pola súa banda, Marcos Meno Méndez, responsable da área de Deportes do Concello de Monterrei, puxo en valor a colaboración institucional conseguida polo iniciativa: «Desde o primeiro momento, comprendemos que unha proba destas características só sería viable cun esforzo conxunto entre Xunta, Deputación e os Concellos participantes. Desde Monterrei imos apoiar este proxecto con todos os medios ao noso alcance, porque sabemos que supón unha oportunidade extraordinaria para poñer en valor o noso municipio».

Todos os representantes institucionais presentes na rolda de prensa quixeron recoñecer o esforzo organizativo levado a cabo por KTORCE, subliñando a súa capacidade para materializar un evento desta magnitude. 

 

Unha carreira con impacto na comunidade

Este proxecto nace coa vontade de potenciar o territorio de Monterrei, promovendo os seus recursos naturais e patrimoniais, ao tempo que dinamiza a economía local. Ademais, a organización aposta pola sostibilidade e a inclusión, fomentando a participación de todo tipo de persoas e garantindo un impacto positivo na contorna. A iniciativa supón unha oportunidade para xerar emprego e para poñer en valor unha das comarcas máis ricas en patrimonio e natureza de Galicia.

 

Máis información e inscricións

As inscricións xa están abertas e pódense realizar a través das canles oficiais de KTORCE. Para máis información sobre o evento, percorridos e actividades complementarias, podedes seguir as redes sociais @acarreirairmandinha ou visitar a súa páxina web. Inscricións abertas en ccnorte.com

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>