Verín acollerá o 13 de abril a XII Andaina Pozo do Demo cun percorrido de 15 quilómetros |
![]() |
![]() |
![]() |
Venres, 28 Marzo 2025 13:59 |
O domingo 13 de abril de 2025, Verín acollerá a XII edición da andaina de monte "Pozo do Demo", organizada polo Concello de Verín e a Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas. O percorrido desta edición será de 15 quilómetros e dificultade media. A saída terá lugar ás 10.00 horas desde o Pavillón de Deportes de Verín, lugar ao que tamén se chegará ao rematar a ruta. A andaina partirá do Pavillón de Deportes e continuará en dirección ao Balneario de Cabreiroá e Monte Maior. Despois de ascender ao Pozo do Demo, o percorrido seguirá cara á Veiga das Meas, onde estará situado o punto de avituallamento, na antiga escola do pobo. A ruta continuará polas pistas de Monte Maior ata chegar de novo ao Pavillón Municipal de Deportes. Todo o trazado estará debidamente sinalizado con cinta branca e vermella, así como marcas de cor amarela. O prezo da inscrición é de 5 euros, e inclúe avituallamento durante o percorrido. As persoas que desexen participar tamén poderán reservar xantar nun restaurante ao remate da ruta cun custo total de 15 euros. As inscricións poderán realizarse do 17 de marzo ao 11 de abril nos teléfonos 600 410 018 ou 988 414 423, a través de WhatsApp ou directamente no establecemento Multisport Verín. A recollida de dorsais farase en Multisport Verín (rúa Irmáns Moreno). Recoméndase aos participantes empregar calzado axeitado e compacto para evitar esvaróns, non saírse do trazado sinalizado pola organización e realizar a baixada en grupo ou por parellas. A XII Andaina Pozo do Demo conta coa colaboración Augas de Cabreiroá, AEVER, Saudeter e Hortoverín S.L., Cope Verín, Concello de Vilardevós e da Agrupación de Voluntarios e a Denominación de Orixe Monterrei.
|