O DHI Pozo do Demo consolídase como referente internacional no descenso en bicicleta de montaña |
![]() |
![]() |
![]() |
Mércores, 02 Abril 2025 21:20 |
O Concello de Verín acollerá os vindeiros 26 e 27 de abril a terceira edición do DHI Pozo do Demo, proba puntuable para a Copa de España de Descenso e única no calendario nacional coa categoría UCI C2, o que a converte nunha das cita máis relevante do panorama estatal nesta disciplina. A proba, organizada polo Bicicletas Chinquena Racing Team, será a segunda das cinco citas da Copa de España, e contará co respaldo da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello de Verín e a Federación Galega de Ciclismo. Esta mañá celebrouse no Salón de Actos do Concello de Verín a presentación oficial da proba, coa asistencia das principais institucións implicadas. Na mesma participaron Beatriz Fernández, directora territorial de Presidencia da Xunta de Galicia; Diego Enrique Álvarez Fernández, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense; Diego Lourenzo, concelleiro de Deportes do Concello de Verín; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Manuel Sanmamed Medeiros, organizador do evento e responsable de seguridade da proba, en representación do Bicicletas Chinquena Racing Team. Participación internacional de alto nivel O Pozo do Demo, situado na contorna natural de Cabreiroá, acollerá un trazado esixente e técnico, que xa é recoñecido a nivel europeo. A organización prevé «superar os 180 corredores do ano pasado e achegarse ao límite máximo de 300 participantes»,consolidando así un crecemento sostido do evento. Nesta edición, destaca a presenza de corredoras e corredores internacionais de países como Polonia, Irlanda, Países Baixos ou Reino Unido. Ademais, será cabeza de cartel a suíza Camille Balanche, integrante do equipo Yeti/Fox, campioa do mundo en 2022 e top 3 do ranking mundial nos últimos cinco anos. O organizador e responsable de seguridade do circuíto, Manuel Sanmamed Medeiros, quixo dar as grazas a todos os medios, autoridades presentes. Tamén fixo fincape nas novidades do circuíto, os estándares de seguridade e o salto de calidade desta edición: «Estamos ante unha das probas máis importantes do ano en Europa a nivel técnico e de participación. O nivel dos riders e a confianza da UCI avalan o noso traballo». Pola súa banda, o concelleiro de Deportes de Verín, Diego Lourenzo, destacou o impacto que ten o DHI Pozo do Demo na vila: «A celebración desta proba é unha mostra de como o deporte pode converterse nun motor de transformación local. O DHI Pozo do Demo é moito máis ca unha competición: é un escaparate internacional para Verín, que pon o noso territorio no mapa europeo do ciclismo.» Estes eventos teñen un «valor incalculable», porque atraen centos de persoas durante varios días —deportistas, equipos técnicos, familias e afección— que consomen, dormen e gozan do noso comercio, hostalaría e contorna natural. É unha oportunidade real para o desenvolvemento económico local e o impulso do turismo deportivo, que cada vez ten máis peso como ferramenta de promoción territorial. Ademais, inspiran ás novas xeracións e fomentan hábitos saudables e valores de superación, esforzo e respecto polo medio», salientou Lourenzo.
Con esta terceira edición, o DHI Pozo do Demo reafírmase como a proba estrela do descenso en España, atraendo talento internacional, visibilidade mediática e consolidando a súa posición como referente do ciclismo de montaña competitivo. |