Presentación da campaña comercial de AEVER co apoio institucional do Concello de Verín |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 24 Abril 2025 12:05 |
O Concello de Verín participou hoxe na presentación da nova campaña de dinamización comercial organizada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), que inclúe dúas accións destacadas: a participación na Feira Solidaria dos Maios e a campaña especial polo Día da Nai. O acto contou coa presenza do presidente de AEVER, Santos Álvarez; o xerente da entidade, José Ángel Rodicio; e, en representación da área municipal de Comercio, o concelleiro Manuel Lorenzo. Desde o goberno local valorouse moi positivamente esta iniciativa que ten como obxectivo fundamental promover o comercio de proximidade e reforzar o compromiso social da vila, ao vincular a actividade comercial con accións solidarias e de visibilización. A primeira das accións, a participación activa na Feira Solidaria dos Maios organizada polo Concello de Verín, desenvolverase o 1 de maio na praza García Barbón, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Nela, as compras realizadas no Centro Comercial Aberto (CCU) darán dereito a acceder aos xogos inchables instalados na Praza. Cada participación terá un custo simbólico de 1€, que será doado á Asociación Provincial de Mulleres Rurais (FEMURO). A carpa informativa instalada ao carón do inchable servirá tamén como punto de promoción dos establecementos asociados e das actividades desta entidade sen ánimo de lucro. A segunda acción, enmarcada na celebración do Día da Nai, desenvolverase entre o 24 de abril e o 4 de maio, cun atractivo sorteo de 5 cheques de 100€ para gastar no comercio local. Para participar, os clientes deberán rexistrar os seus tickets de compra na web de AEVER ou mediante un código QR. Os premios serán válidos ata o 30 de maio, promovendo así o consumo responsable e a distribución das compras en varios establecementos. O Concello de Verín reafirma o seu compromiso con todas aquelas iniciativas que fomentan o comercio local, a solidariedade e a dinamización económica da vila, e anima á veciñanza a participar activamente nestas propostas. |