O Concello aposta por un modelo educativo integrador: gardería, colexio e servizos nun mesmo espazo |
![]() |
![]() |
![]() |
Luns, 16 Xuño 2025 13:06 |
O Pleno do Concello de Verín aprobou este luns, 16 de xuño, o inicio do proceso de desafectación do edificio do CEIP Princesa de España, paso previo e necesario para poder habilitar nel a futura gardería pública da vila. A decisión responde a criterios tanto de viabilidade técnica como de oportunidade estratéxica, e permitirá aproveitar os fondos europeos Next Generation concedidos á Xunta para a creación de prazas de educación infantil. Esta decisión responde a unha análise técnica e estratéxica de diferentes localizacións e supón a opción máis viable desde o punto de vista educativo, urbanístico, económico e, tamén, de seguridade e accesibilidade. A localización escollida permite, por unha banda, dar continuidade ao ciclo educativo no mesmo entorno —favorecendo que os pequenos e pequenas poidan pasar da gardería ao colexio sen cambios de centro— e, por outra, mellorar a integración e cohesión social, combatendo fenómenos de segregación escolar e favorecendo que máis familias aposten por escolarizar aos seus fillos e fillas no Princesa de España. Ademais, o edificio conta cunha localización axeitada en termos de accesibilidade e capacidade de adaptación á normativa vixente, fronte a outras alternativas descartadas por limitacións de espazo, aparcamento e deseño arquitectónico. O alcalde, Gerardo Seoane, lembrou que «no seu momento valoráronse outras opcións, pero moitas quedaban descartadas, como no caso da anterior proposta do Partido Popular para construír a gardería na zona do antigo solar de Obras Públicas que foi rexeitada polo actual goberno local por múltiples razóns técnicas e funcionais». En primeiro lugar, o terreo non estaba completamente dispoñible: unha parte era propiedade do Estado e outra do Concello, o que dificultaba a súa xestión urbanística. Ademais, carecía de zonas de aparcamento adecuadas para acoller ás familias e ao persoal educativo, algo esencial para un centro ao que acoden diariamente máis de 200 persoas entre nenos e acompañantes. «Por enriba, o proxecto inicial contemplaba o uso de plantas altas, algo totalmente inadecuado para crianzas de 0 a 3 anos, que deben permanecer en planta baixa por razóns obvias de seguridade e accesibilidade.», matizou o rexedor verinés. Ademais da súa funcionalidade educativa, a elección do Princesa de España tamén permite axustarse aos prazos e ao orzamento dispoñible: a través dos fondos europeos Next Generation, o Concello logrou unha liña de financiamento de 507.000 euros para a construción da gardería, xestionada pola Xunta de Galicia, que debe ser investida antes dun prazo determinado. Construír unha gardería completamente nova, como se chegou a valorar noutros espazos, resultaría máis custoso e complexo a nivel urbanístico e temporal. Para minimizar custos e axilizar os prazos, o Concello propuxo á Consellería de Educación a reforma dunha parte das instalacións do centro, ofrecéndose a acometer tamén melloras como a reordenación do patio escolar ou a dotación dun pavillón cuberto. A proposta foi aceptada pola Xunta e permitirá compatibilizar as obras co funcionamento habitual do centro educativo, ao aproveitar os meses non lectivos para executar a parte máis complexa dos traballos. Esta actuación tamén encaixa coa planificación a medio prazo do Concello de Verín de transformar o entorno educativo nun verdadeiro campus docente e deportivo, reorganizando espazos como os actuais módulos prefabricados, as piscinas e os edificios anexos para concentrar os servizos nunha mesma área máis ordenada, accesible e con mellores dotacións. Tamén se aprobaron no pleno as subvencións a entidades deportivas e culturais locais Durante a mesma sesión plenaria, o Concello aprobou varias subvencións nominativas destinadas a apoiar o tecido asociativo e deportivo local: As Escolas Deportivas Municipais; ao Festival Internacional de Curtametraxes de Verín – Vía XIV; ao Verín Club de Fútbol e á Asociación de Empresarios de Verín (AEVER). Estas achegas están recollidas nos orzamentos municipais de 2025 e permiten garantir a continuidade de actividades clave para a dinamización social, cultural e económica da vila. |