Xoán Curiel e A Banda do Verán chegan este sábado á Praza García Barbón cun espectáculo musical para toda a familia |
![]() |
![]() |
![]() |
Xoves, 26 Xuño 2025 12:55 |
A Praza García Barbón acollerá este sábado 28 de xuño, ás 12:00 da mañá, unha cita moi especial para o público familiar coa actuación de Xoán Curiel e A Banda do Verán, que presentan en Verín o seu espectáculo en formato a trío baseado no disco-libro Estamos no verán!!!, editado por Edicións Galaxia. Este traballo conta as aventuras duns rapaces que, durante as vacacións estivais, atopan unha forma moi creativa de aproveitar o tempo: formando un grupo musical. O resultado é un espectáculo dinámico e participativo, no que a música en directo, a danza e o teatro conviven en perfecta harmonía. O show, pensado para público infantil e xuvenil, destaca pola súa capacidade de implicar a quen o presencia, ofrecendo unha experiencia única e divertida para toda a familia. Cunha posta en escena vibrante, Xoán Curiel e A Banda do Verán interpretan cancións cheas de ritmo e sentimento a través da voz, guitarra, ukelele, percusión e cunha bailarina que dá vida ás historias a través do movemento. A proposta supón unha viaxe musical que percorre o verán dende que soa o último timbre do colexio en xuño ata o primeiro de setembro, combinando entretemento e calidade artística da man de artistas con ampla traxectoria no ámbito da música e das artes escénicas para a cativada. A actividade será de acceso libre e gratuíto. Unha nova oportunidade para gozar da cultura ao aire libre na nosa vila. Este espectáculo enmárcase na programación da iniciativa Cultura no Camiño 2025, promovida pola Xunta de Galicia, que leva actividades culturais a múltiples concellos galegos durante os meses de primavera e verán.
|