Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Calidade, tradición e modernidade: Verín acolle a XVIII edición da súa feira vitivinícola máis emblemática
Calidade, tradición e modernidade: Verín acolle a XVIII edición da súa feira vitivinícola máis emblemática PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 03 Xullo 2025 12:37

A vila de Verín prepárase para acoller a XVIII Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, evento que se celebrará do 8 ao 10 de agosto e que reunirá a 19 das 29 adegas da Denominación de Orixe Monterrei. Durante tres días, a praza da Alameda converterase no epicentro do mundo vitivinícola da comarca de Monterrei, ofrecendo a veciños e visitantes non só a oportunidade de degustar os viños máis destacados Denominación de Orixe, senón tamén desfrutar dunha completa programación cultural e gastronómica.

Así o confirmaron esta mañá na presentación oficial do evento o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente do Consello Regulador da D.O Monterrei, Manuel Vázquez; e a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira.

Nesta ocasión asistirán un total de 19 das 29 adegas que conforman a Denominación, «contaremos co mesmo número de adegas que na anterior edición, o que reflexa o gran apoio do sector a esta cita vitivinícola tan importante para a nosa comarca», recoñece o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez.

Esta cita terá lugar, como vén sendo habitual nas pasadas edicións, na praza da Alameda. Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O recinto feiral estará aberto o venres 8 de 20:00 a 24:00 h. (venda anticipada a partir das 19:00 horas); o sábado 9, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 01:00 h; e o domingo 10, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 24:00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 1 degustación por dous euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

Como novidade este ano inclúese o sistema de pago cashless que permitirá ao público realizar o pago das degustacións e das copas a través dunha pulseira que se facilitará nos stands do C.R.D.O. Monterrei e que se poderá recargar nos propios stands nos que se facilitarán as mesmas.

O acto inaugural da XVIII Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 8, a partir das 20:00 horas, na praza García Barbón, Previamente a dita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de imposición de medallas da Cofraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, subliñou na súa intenvención o impacto positivo que ten a feira para a comunidade local. «A Feira do Viño de Monterrei é un escaparate excepcional do que somos capaces de ofrecer: calidade, tradición e modernidade. Ao longo destes días, Verín convértese nun referente do turismo enogastronómico, favorecendo o comercio local, o sector hostaleiro e a imaxe do noso territorio como destino de referencia en Galicia».

 

Axenda de actos

Cultura, gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño de Monterrei, entre as que se incluirán diversas actividades paralelas destinadas a adultos e público infantil. As mesmas celebraranse na praza Maior e no interior do parque da Alameda, ao longo das xornadas do 8, 9 e 10 de agosto.

Mentres que para a cativada están previstos para o sábado 9 e o domingo 10 de agosto xogos infantís populares (en horario de 20:00 a 22:00 horas); para o público adulto realizaranse interesantes catas e showcookings na praza da Alameda. O sábado 9 de agosto, ás 13:00 horas, Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e imaxe da campaña de promoción da Denominación de Orixe Monterrei "Non lle deas mais voltas", realizará unha cata especial baixo o titulo “Monterrei, sorbos de historia e tendencia" Máis tarde, ás 20:00 horas, realizarase a armonía de viños “Come, bebe e aprende do mellor xeito”, coa participación de Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro Galego 2024), Miguel López (Director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). O domingo 10 de agosto de 2025, ás 13:00 horas na praza da Alameda, Juliana Picarelli (Sumiller do Restaurante Maruja Limón 1 estrella Michelin e 2 soles Repsol), ofrecerá unha cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como “Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental ”. Todos estes eventos teñen un prezo de 10 € e prazas limitadas con inscrición previa.

Segundo confirmou a concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira, tamén haberá unha completa programación musical especialmente preparada para o desfrute de todos os públicos.

O venres 8, a partir das 24:00 horas, será a quenda de Guadi Galego, unha das voces máis recoñecidas da música galega contemporánea. Presentará o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta coidada e íntima coa que reivindica o poder transformador da música ao vivo. Tras un tempo de ausencia dos escenarios do país, Guadi regresa cunha nova posta en escena acompañada dunha banda portentosa e unha coidada iluminación, afondando na evolución constante da súa linguaxe sonora.

O sábado 9, ás 24:00 horas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tomarán a Praza Maior. O artista coruñés, unha referencia da música de raíz galega, ofrecerá un repertorio baseado no seu último traballo discográfico Axúdame a sentir (2024). Díaz, recoñecido internacionalmente, leva preto de 400 concertos por todo o mundo. O seu estilo, baseado na percusión tradicional de man e na pandeireta, transformou a escena da música tradicional galega, manténdose fiel ás orixes e, ao mesmo tempo, innovando na súa sonoridade.

O domingo 10, será Mondra, ás 23:00 horas, quen peche a programación musical da feira. Cantareiro, bailador e un dos nomes máis aclamados da nova escena musical galega, chega a Verín co seu novo espectáculo De Ronda, un disco irreverente e sedutor que afonda nas raíces e mestura sonoridades frescas e orgánicas. Tras recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica (2024) e o Mestre Mateo ao Mellor Videoclip (2025) por MARIMONDRA, Mondra acumula máis de 80 concertos e un público entregado coa súa proposta escénica FOL?A das ARDENTES.

 

Adegas participantes, casetas gastronómicas e colaboradores

O presidente do Consello Regulador indicou o nome das 19 adegas participantes na próxima edición da Feira do Viño de Monterrei, e que son as seguintes:

 

Ladairo

Gargalo

Adega Valderello

Crego e Monaguillo

Quinta do Buble

Terras do Cigarrón

Triay

Adega Tapias Mariñán

3 Mentiras

Vía Arxéntea

Abeledos

Setembro

Bodega Franco Basalo

Adegas Daniel Fernández

Adega Trasdovento

Quinta Soutullo

Manuel Vázquez Losada

Serra de Alén

Ramón Bigotes

 

Con respecto aos postos de gastronomía, un máis que na pasada edición, estarán presentes Panadería Roscas, Cárnicas de Feces, Jamones Don Francisco, Queixeria Gaia, Matilde Waffles e Gelados, Alacena-Puebla de Sanabria, Cien por Cel, Conservas Regiomare, Xavier dos Leitões y Casa do Pulpo.

Para finalizar, quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Inorde, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER).

 

Sobre a D.O Monterrei

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. A mesma abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Está conformada por 29 adegas. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 798 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>