| O Pleno de Verín aproba por urxencia a execución dunha nova captación de auga no manancial de Miñambres para garantir o subministro municipal |
|
|
|
| Xoves, 09 Outubro 2025 13:26 |
|
A medida permitirá asegurar a calidade da auga ante o risco de contaminación do Támega tras os recentes incendios forestais. O Pleno extraordinario e urxente do Concello de Verín aprobou hoxe a tramitación por emerxencia da execución dunha nova captación de auga no manancial de Miñambres, situada na marxe dereita do río Támega, á altura da presa da Preguiza. A actuación permitirá reconducir a auga ata a actual ETAP municipal, aproveitando o canle do muíño de Peláez, co obxectivo de garantir a continuidade e a seguridade do abastecemento á poboación. A iniciativa forma parte dun proxecto xa valorado e estudado polo grupo de goberno, no marco da planificación municipal de mellora das infraestruturas de abastecemento. Porén, a súa tramitación acelérase agora debido aos incendios forestais rexistrados recentemente nas proximidades do Támega, que poderían provocar, coa chegada das choivas, o arrastre de cinzas e outros residuos ao leito do río, afectando á calidade da auga captada para o consumo humano. Segundo explicou o alcalde, Gerardo Seoane, «era imprescindible actuar de inmediato para evitar calquera risco sanitario e garantir o subministro de auga potable en condicións seguras para todos os veciños e veciñas». O rexedor engadiu que «esta actuación, que xa tiñamos prevista, convértese agora nunha prioridade absoluta, e a rapidez na tramitación permitirá iniciar de maneira urxente os traballos técnicos e de execución». A proposta de alcaldía, que contou co voto favorable do PSOE e do BNG e coa abstención do PP, inclúe a adquisición de dúas parcelas no manancial de Miñambres, a redacción do proxecto técnico con estudo xeotécnico e topográfico, e a execución das obras necesarias para o transporte e tratamento da auga. Outros asuntos aprobados polo Pleno Ademais deste punto, o Pleno abordou outros asuntos de carácter administrativo e financeiro:
|