| Música, cervexa, gastronomía e bo ambiente: a Festa da Cervexa de Verín supera as expectativas e consolídase como referente do outono |
|
|
|
| Sábado, 18 Outubro 2025 12:13 |
|
A quinta edición da Festa da Cervexa de Verín pechou a pasada fin de semana cun balance moi positivo tanto en participación como en satisfacción do público e da hostalería local. Segundo a enquisa de valoración impulsada polo Concello, máis do 90 % das postos participantes cualificaron o evento como “moi satisfactorio” ou “excelente”, destacando a boa organización, o ambiente festivo e a oferta musical e gastronómica. O evento celebrouse, como é habitual, na zona verde da Preguiza, converténdose unha vez máis no epicentro da diversión outonal en Verín. Durante dúas xornadas, máis de 5.000 persoas procedentes de toda a comarca, doutras zonas de Galicia e mesmo do norte de Portugal achegáronse para gozar dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación. A parte gastronómica tivo tamén un papel protagonista: cun total de 12 postos, a oferta foi de novo variada e pensada para acompañar a cervexa, combinando propostas clásicas como chourizos ou salchichas con elaboracións máis coidadas, entre as que destacaron hamburguesas, polbo, codillo, empanadas, gofres e crepes caseiros. No apartado musical, o venres Los Tresillos abriron a festa cun concerto de versións pop-rock cheo de enerxía, mentres que o sábado Mala Hora Rock & Roll Band puxo o broche final cunha actuación vibrante que fixo bailar ao público ata ben entrada a noite. O concelleiro de Feiras, Transportes e Xuventude, Manuel Lorenzo, amosou a súa satisfacción polo resultado desta edición: «A Festa da Cervexa volveu demostrar a súa forza como evento que une xeracións, dinamiza a hostalería e enche Verín de vida. É unha cita consolidada e moi querida pola veciñanza e pola mocidade», destacou o edil. Lorenzo agradeceu tamén «o esforzo dos stands participantes, do persoal municipal e de todas as persoas que fixeron posible unha edición exemplar, tanto no plano organizativo como no lúdico». Segundo os datos da enquisa de valoración, o 92 % dos stands participantes manifestaron a súa intención de volver en vindeiras edicións; o ambiente seguro, a limpeza do recinto e a boa organización. O Concello de Verín agradece a colaboración dos stands gastronómicos e cervexeiras, dos grupos musicais e do persoal técnico que contribuíron ao éxito dunha festa xa consolidada como unha das máis destacadas do calendario festivo e do municipio.
|