| Verín recibe unha camisola asinada por Pelé nun acto histórico que simboliza a unión entre a vila e o mito universal do fútbol |
|
|
|
| Sábado, 25 Outubro 2025 12:32 |
|
O Concello de Verín acolleu este venres, 24 de outubro, no Salón de Actos da Casa da Cultura, un acto histórico de recoñecemento a Edson Arantes do Nascimento “Pelé”, o considerado mellor futbolista de todos os tempos. Durante o evento, José “Pepito” Fornos —mánager e home de confianza do astro brasileiro durante máis de cincuenta anos— fixo entrega ao Verín F.C. da camisola oficial da Selección Brasileira asinada e adicada polo propio Pelé, un agasallo cargado de simbolismo que representa a unión entre o “rei do fútbol”, o deporte galego e a vila de Verín. O encontro, conducido pola xornalista verinesa Isabel Losada, contou coa presenza do alcalde, Gerardo Seoane, quen participou xunto ao Verín Fútbol Club neste acto de amizade e recoñecemento, e que subliñou a relevancia deste momento para a historia deportiva e cultural da vila. En representación da entidade deportiva estivo presente o vicepresidente do club, Víctor Baladrón, quen agradeceu o detalle e entregou a José “Pepito” Fornos unha camisola oficial do Verín F.C. Tamén se lle entregou unha placa conmemorativa, como recordo e agradecemento pola súa visita e pola súa xenerosidade ao compartir un anaco da historia do fútbol mundial con Verín. «A presenza de Pepe Fornos en Verín e o xesto de traer unha camisola asinada polo propio Pelé son un feito histórico que conecta a nosa vila cun símbolo universal do deporte e cos valores do compañeirismo e o esforzo», sinalou o alcalde Gerardo Seoane, quen destacou tamén «a emoción e o orgullo compartido por toda a veciñanza verinesa».
Durante a súa intervención, Fornos —fillo dun emigrante verinés— compartiu lembranzas e anécdotas da súa longa relación co astro brasileiro, salientando a súa humildade, xenerosidade e amor polo fútbol. O público asistente tributoulle un prolongado aplauso nunha xornada marcada pola emoción, o orgullo e o sentimento común de pertenza. |