Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A Sala de Exposicións Municipal acolle “Alén do lago”, a nova exposición fotográfica do verinés Carlos Folgoso Sueiro
A Sala de Exposicións Municipal acolle “Alén do lago”, a nova exposición fotográfica do verinés Carlos Folgoso Sueiro PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 17 Decembro 2025 11:36

O Concello de Verín, en colaboración coa Asociación Vía XIV, inaugura o vindeiro sábado 20 de decembro ás 20:15 horas na Sala de Exposicións Municipal a mostra fotográfica “Alén do lago”, do fotógrafo verinés Carlos Folgoso Sueiro, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A exposición poderá visitarse ata o 31 de xaneiro, en horario de 10:30 a 14:30 h; e de 16:00 a 18:30 h. (luns a venres).


Alén do lago” propón unha viaxe visual e simbólica pola Galicia máis profunda, construída a partir de imaxes de gran forza estética e narrativa. Tal e como sinala a crítica de arte e fotografía Magali Duzant, trátase dunha obra na que o autor «tece unha epopea contemporánea de loita, supervivencia e conexión na súa Galicia natal», atravesada pola memoria, o pasado e a identidade colectiva. Duzant destaca que Alén do lago é unha exposición construída a partir de imaxes «á vez misteriosas e metafóricas», nas que o autor logra crear un relato que vai máis alá do visual. Segundo sinala, a serie transmite «unha sensación de vidas paralelas e entrecruzadas» que acompañan ao espectador ao longo do percorrido, facendo da mostra unha experiencia aberta e suxestiva. Encontrámonos ante unha obra que non ofrece lecturas pechadas – sinala a crítica de arte- senón que convida a mirar con calma e a establecer unha conexión persoal coas imaxes, reforzando así o seu carácter narrativo e emocional.

O proxecto sitúanos nun tempo indeterminado, cunha ollada que aborda cuestións como o abandono do rural, a despoboación, a crise climática, a emigración ou as feridas sociais herdadas, sen caer nunha lectura documental directa. As fotografías, lonxe de seren imaxes crúas, están envoltas nunha estética cinematográfica, pictórica e alegórica, cunha iluminación coidada que constrúe atmosferas cargadas de emoción e simbolismo. «Somos o resultado do noso pasado», afirma o propio autor, unha idea que vertebra todo o proxecto e que conecta as historias individuais cun relato colectivo máis amplo.

A exposición establece tamén un diálogo con diversos universos artísticos e culturais, con referencias visuais que evocan o cinema de Andrei Tarkovski ou a pintura de Rembrandt, Francis Bacon ou Mark Rothko, abrindo unha conversa entre Galicia e o mundo desde unha mirada contemporánea. A escuridade, a tristura e o silencio convértense aquí en metáforas, mais tamén deixan espazo para a conexión humana, a resistencia e a esperanza: unha mirada sostida, un xesto, un abrazo que - cunha luz casi mística- interpela directamente ao espectador.

A exposición está comisariada por Mark Zlick, quen destaca que as fotografías de Carlos Folgoso «van máis alá dun instante detido, pois conteñen tempo e convidan a pensar no que ocorreu antes e no que está por vir». Segundo o comisario, trátase de imaxes «situadas no límite entre a luz e a escuridade e nos límites do que nos define como sociedade», un traballo que transcende o documental para cuestionar símbolos e xerar un diálogo aberto co espectador arredor do cambio, da memoria e da maneira na que nos relacionamos co mundo que nos rodea.

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, destacou que esta exposición «é unha mostra máis da firme aposta do Concello de Verín polo talento local, neste caso un exemplo profesional que conseguiu proxectarse a nivel internacional sen perder o vínculo coa súa terra». Barreira subliñou tamén a «especial ilusión que supón traer de volta a Verín a un creador “da casa” como Carlos Folgoso Sueiro, cunha traxectoria recoñecida en todo o mundo, para que a veciñanza poida gozar na súa propia vila dunha obra de enorme calidade artística e profundidade narrativa.»

Sobre Carlos Folgoso Sueiro

É un fotógrafo verinés cunha sólida e recoñecida traxectoria internacional. Durante máis dunha década desenvolveu o seu labor como fotógrafo con base entre Italia e Rusia. Durante ese período realizou proxectos fotográficos sobre as minas de diamantes de Siberia ou sobre o éxodo de refuxiados de Oriente Medio e cubriu acontecementos de grande impacto informativo como a crise migratoria no Mediterráneo, a traxedia de Lampedusa, o éxodo de persoas refuxiadas de Oriente Medio, o relevo papal de Bieito XVI a Francisco, cumios do G8 ou diversos desastres naturais. O seu traballo foi publicado en medios como National Geographic, Geo, Stern, Vanity Fair, The Guardian, Der Spiegel ou The Sunday Times, e exhibido en museos como o do Hermitage en San Petersburgo, e institucións culturais e festivais internacionais en Europa, Rusia e Estados Unidos. Ao longo da súa carreira foi recoñecido con numerosos premios, entre eles, dous International Pictures of the Year, un Vital Impacts, un Sony Award e un Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Tras unha lesión sufrida en 2020 orientou a súa obra cara a proxectos de longo percorrido, nos que afonda unha mirada autoral sobre a memoria, a identidade e o territorio.

Sobre Mark Zlick

Fotógrafo, director creativo en Zlick. Editor en AmordeMadre Editora. No pasado foi comisario en SalaSal e director do festival de fotografía VISIONS da Cidade Vella da Coruña. Zlick / toolsforcreativity é un estudo de fotografía, vídeo e obradoiro de impresión Fine Art na Coruña, un punto de encontro para a experimentación e o desenvolvemento de ideas onde se combina a paixón pola imaxe coa máis alta calidade en reprodución e produción editorial. Zlick é unha comunidade creativa, un espazo onde compartir coñecementos, explorar novas técnicas e apoiar a quen desexa levar as súas ideas máis alá.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>