O equipo Natalú, vencedor do 1º Torneo de Pádel 'Concello de Verín' Imprimir
Venres, 08 Xullo 2011 13:22

Na xornada de onte, disputouse a final do 1º Torneo de Pádel 'Concello de Verín', organizado polo ente municipal, durante os meses de xuño e principios de xullo. O equipo vencedor desta primeira edición foi Natalú, conformado por Luis Prieto e Nazario Blanco, que gañaron por 3 sets a 2 ao equipo Areté, composto por Iván Fernández e Ricardo Vázquez.

Nesta competición, destinada a fomentar a práctica de novas disciplinas deportivas no municipio, participaron 15 equipos conformados por 2 ou 3 xogadores maiores de 16 anos. O equipo gañador foi premiado cun noite para dúas persoas -cada xogador e acompañante- no Parador de Santo Estevo e un trofeo, o segundo clasificado, Areté, o mesmo premio que os gañadores pero nesta ocasión o aloxamento é no Parador de Pontevedra. E para o 3º clasificado, Míchel Boys, un trofeo. Os trofeos foron doados por Multisporte e os aloxamentos concedidos polo Parador de Turismo de Verín.

O 1º Torneo de Pádel 'Concello de Verín' foi unha das actividades  enmarcadas nas V Xornadas de Deporte e Saúde, organizadas polo Concello de Verín e destinadas a desenvolver políticas activas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, promovendo a saúde a través dunha alimentación saudable e a práctica de actividade física regular.