Nova reorganización e marcación de tráfico e aparcadoiros na estrada de Laza Imprimir
Mércores, 13 Xullo 2011 13:16

O alcalde Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, reuniuse esta mañá co xefe do servizo de Conservación de Estradas da Xunta de Galicia para solventar os problemas de seguridade viaria xurdidos na estrada de Laza (OU-113), desde o centro da vila de Verín ata o Hospital Comarcal.


Nun primeiro momento, acordouse realizar unha nova marcación desta estrada e aparcadoiros, así como unha reorganización dos mesmos que facilitará unha mellor circulación por este viario e un incremento da visibilidade, tanto dos peóns como dos condutores, “co obxecto de evitar accidentes como o acontecido no mes de maio no que faleceu un menor”, subliñou o rexedor. Ademais, tamén se efectuarán labores de marcado e sinalización das rúas Rosalía de Castro e Travesía de Sousas “uns puntos negros que conflúen coa estrada de Laza co obxecto reducir a siniestralidade nos mesmos e mellorar a seguridade viaria”, indicou Jiménez Morán.

Por outra banda, xa se está a estudar a colocación de pasos de peóns sobreelevados en devandita estrada, xa confirmada desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nos lugares que sexan precisos desde o punto de vista técnico e de seguridade viaria entre os puntos quilométricos 0.000 e 1.800. “Agardamos que con estas medidas de marcación, colocación de pasos de peóns sobreelevados e reorganización de aparcadoiros e de tráfico se solventen as deficiencias existentes e se incremente a seguridade viaria para os peóns”, concluíu o alcalde.