Presentación do libro 'Guía das Libélulas de Galicia' en Verín Imprimir
Martes, 11 Outubro 2011 12:17

O vindeiro martes 18 de outubro, ás 19 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá a presentación do libro 'Guía das Libélulas de Galicia' do naturista e biólogo Miguel Ángel Fernández Martínez.

A 'Guía das Libélulas de Galicia' ten como obxectivo facilitar a identificación destes insectos mediante a observación directa sen necesidade da captura dos animais que na actualidade é unha actividade regulada pola lexislación; así como ofrecer unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas e incrementar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Miguel Ángel Fernández Martínez (Vigo, 1970) investiga na actualidade as comunidades de libélulas do Parque Natural do Xurés e Baixa Limia, no ENIL da Xunqueira de Alba de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A súa presenza en Verín débese a súa participación como docente no Curso de Monitores de Educación Ambiental que este ano ten levado adiante o Concello de Verín buscando formar profesionais capacitados para por en valor o rico valor ambiental do termo municipal. No eido editorial conta con máis de media ducia de libros sobre a natureza de Galicia. En 1998 deixou definitivamente o laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo para dirixir durante 5 anos a sección de ciencias da Enciclopedia Galega Universal.